Manoel Santos: FSM, reflexión e acción

Manoel Santos: FSM, reflexión e acción

Xaneiro é o mes do altermundismo, da malchamada antiglobalización. Dende que en 2001 nacera o Foro Social Mundial (FSM) nesa cidade brasileira que baixo a dirección do PT amosou á humanidade que outro mundo era posíbel, os movementos sociais do planeta, especialmente do planeta de abaixo, reúnense cada xaneiro ao redor do que Wallerstein chamou "o espírito de Porto Alegre".

Porque o FSM non é unha organización, nin un colectivo, nin unha entidade. É máis ca nada iso, un espírito, o da xustiza, o da resistencia, ao cabo, o da sociedade civil.

O FSM deste xaneiro é policéntrico. Comezou en Bamako (Mali) do 18 ao 23 de xaneiro, continúa ata hoxe mesmo en Caracas (Venezuela) e rematará en Karachi (Paquistán) en marzo, logo do adiamento por mor do terremoto de Cachemira. Está, xa que logo, a ter lugar en tres lugares do mundo e por segunda vez dende Bombai (2004) deixa Porto Alegre. Madurou. Xa pode camiñar por cada recuncho do planeta, chimpar de continente en continente levando a mensaxe de "um outro mundo é possível", e xa prepara o seu desembarco en África (Nairobi) –de novo escenario único–, a principal vítima da globalización neoliberal, para 2007.

Non é unha xuntanza máis, nin se trata dese conclave globalifóbico ateigado de folclorismo que os mass media e corporacións financeiras que xogan a ser Deus coa humanidade queren facernos ver. Ano tras ano dedican horas de emisións, ceiban decenas de ondas de maldade, a ese outro foro, o económico de Davos, tan alonxado fisicamente do FSM como das súas ideas e da súa xente, mentres que das reunións do altermundismo a penas reflicten a cor e diversidade das súas mobilizacións, deses "desfiles" que serven para engalanar milleiros de actividades.

Nin unha liña para explicar quen se xunta no FSM, nin un só minuto para expor sobre que reflexionan e debaten, nin unha maldita onda transmite as súas propostas, as súas alternativas, as razóns dese rexeitamento global ao neoliberalismo. Mais contra o que se pense, o FSM non avanza coa información mediática nin coa publicidade. Avanza por si mesmo, con cada conversa que un indio de caste baixa ten cun seropositivo do Congo, con cada mirada que un sen terra brasileiro lle dirixe a un mapuche chileno, con cada berro que unha nena chiapaneca emite a carón dunha muller paquistaní.

E ten moito máis impacto do que reflicten eses medios tan guiadiños. Este VI FSM celébrase, ao contrario ca o do ano pasado, nun clima de fonda reactivación dos movementos sociais. En 2005 vimos como as mobilizacións contra as institucións internacionais neoliberais collían novas forzas, reunindo máis de 250 mil persoas en Escocia contra o G8 –case tantas coma en Xénova (2001) ou en Seattle (1999)–, e decenas de miles contra a inmobilista OMC en Hong Kong e Xinebra ou contra o Banco Mundial e o FMI en Washington. Vimos como fracasaban proxectos como o da Constitución Europea en Francia, Holanda e Reino Unido e como esmorecía o ALCA(rajo) no cumio dos pobos de Mar del Plata. Vimos como se espetaba a concepción de Blair para Europa, como tremía Alemaña e como o mundo-Bush afunde aos poucos. E vimos tamén como un indíxena aimará gañaba en Bolivia, como os ecuatorianos construían ese berro tan altermundista de "que marchen todos" e como os zapatistas trocaban as armas por esa "outra campaña" na que un subcomandante se transformaba en subdelegado. Canta responsabilidade ten o espírito de Porto Alegre, ese regueiro de pólvora que de boca en boca corre lixeiro entre os desherdados do planeta, nesta convulsión mundial?

Porén, aínda que o FSM está máis vivo ca nunca e se amosa máis innovador cada día, máis capaz, para moitos (non todos) debe dar un paso máis e deixar de ser un mero espazo de reflexión –co perigo de se converter nunha especie de feira mundial do altermundismo– para traducir os discursos en accións concretas.

Se nos comezos, en 2001, demostrou que había alternativas ao sistema capitalista, en anos posteriores presentou ao mundo os seus poderosos mecanismos de resistencia. Despois das dúbidas de 2005, este sexto foro marcará o inicio do debate sobre o futuro do FSM, e de se este debe abandeirar resolucións (ata agora o FSM como tal non saca conclusións nin declaracións finais, aínda que si os seus participantes) e accións concretas (boicots a transnacionais, accións contra empresas que estragan recursos naturais, campañas mundiais para o acceso a medicamentos…). Calquera xaneiro destes pode cambiar o mundo.

Galicia Hoxe, 29/01/06