Juan Carlos Pardo Pérez e Alfonso García Tobío: Ante as próximas eleccións á Reitoría da USC: algunhas reflexións xerais

PrivatizaciónJuan Carlos Pardo Pérez e Alfonso García Tobío: Ante as próximas eleccións á Reitoría da USC: algunhas reflexións xerais sobre a Universidade para impulsar o debate

(Versión en español

Aproxímanse as eleccións e a Universidade estarrícase; pouco a pouco a ebulición vai in crescendo, aínda que con momentos de clamoroso silencio. A "política" fai acto de presenza. Os corredores e as cafeterías comezan a amosar unha actividade inusual. Grupos de persoas comentan, rumorean, opinan, discuten, ironizan, valoran, algunhas informan, e as máis, sobre todo, preguntan. O encontro entre calesquera dúas persoas (no corredor, nos intervalos entre clases, nos despachos...) da lugar a intercambios caseque ritualizados: "¿Sabes algo? ¿Algunha novedade? ¿Reuníronse? ¿Quen dixo que? ¿Quen estaba presente? ¿Decidiron algo? ¿Quen non está de acordo? ¿Quen cho dixo? Pois a min dixéronme outra cousa ¿Quen apoia? ¿Cantos son?...  Todo o mundo parece saber algo, pero todos desexan saber moito máis do que saben. Aínda que algúns dan a impresión de que o saben todo, de que "están no allo", de que pertencen á selecta minoría de elixidos que fan a "política" universitaria. Todo parece moverse na sombra, no segredo. Ata parece mal visto que alguén fale (e moito menos que opine) en público, que se ofreza abertamente a información que circula soterradamente. Os donos da "política" non parecen aceptar que ninguén se inmisza nos "seus" asuntos. E paradoxalmente, o escurantismo ven adubado con palabras como democracia, participación, transparencia.

Non se fala (ou se fala moi pouco e perifericamente) do espazo europeo de educación superior, da LOU, do futuro das titulacións. Non parecen ser temas moi relacionados coas eleccións. Moito menos outros como o Acordo Xeral de Comercio de Servizos, as políticas de calidade, de avaliación e de incentivos, a innovación, a privatización ou a empresarialización da Universidade. O que realmente importa é "quen" (e en compaña de "quen") ocupará a reitoría e cada unha das vicerreitorías. Eis o cerne da "política" universitaria. Non se entende ben que nunha institución social instituída para a creación e recreación do coñecemento, para a reflexión e para a análise crítica, non haxa un debate permanente sobre nós mesmos, con maior razón nunha época de remuíño que, de forma perversa, pretende transformar a identidade da universidade, asumida hoxe como unha institución pública, e remodelala como unha institución corporativa, servidora de empresas e mercados.

Como mudas testemuñas, os membros da comunidade universitaria, estamos asistindo a unha reestructuración da Universidade planificada polos organismos multilaterais (Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional, Organización Mundial de Comercio, Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, etc.) en resposta aos intereses económicos hexemónicos. O fin desta reestructuración é someter ás universidades á loxica do mercado e da lei da oferta e da demanda, facendo das institucións de educación superior, “empresas”; da educación e do coñecemento xerado pola investigación, productos comercializables (susceptibles de render beneficios económicos); dos estudantes, “clientes”; dos profesores, “empresarios e xestores do coñecemento”; das autoridades académicas, “xestores ou administradores empresariais” eficientes, capaces de rendibilizar as inversións realizadas nos seus centros.

Este é o modelo, e estoutras son as estratexias mediante as que se quere debuxar a nova orde universitaria. En primeiro lugar, mediante o estrangulamento financeiro co que se intentan vencer as resistencias das universidades. É xeralizada a quebra económica das universidades públicas de todo o mundo e, en contra dos lugares comúns que tratan de vincular unha pretendida perda de calidade coa diminución de recursos, hai que apuntar que dúas das universidades que están entre as cinco mellores do mundo (Cambridge e Oxford) tamén teñen graves problemas económicos [1], froito das agresivas políticas neoliberais desenvolvidas por Margaret Thatcher e que foron continuadas por Tony Blair nos anos que leva gobernando. De aí que, alén dos problemas de xestión dos que fosen responsables diversos equipos de goberno da USC [2], cumpriría realizar outro tipo de análise que non vimos facer durante estes anos a ningún dos grupos políticos da nosa universidade.

En segundo lugar, impulsando ás universidades a desenvolver políticas de privatización, políticas que (todo hai que dicilo) foron sucedéndose por pura inercia, sen asomo de crítica por parte dos responsables universitarios que as levaron a cabo. Daqueles pós (privatización e externalización de diversos servizos) veñen agora lodos que profundan nestes procesos de privatización, ameazando o carácter público das Universidades. Ao fío da reducción programada do financiamento da educación superior, as Universidades estanse vendo obrigadas a venderse (e abofé que están vendendo de todo [3]) nun mercado global, competindo por recursos públicos e privados, e con tal propósito incorporan de forma dócil estratexias de “calidade total” que sirven ás Universidades para os mesmos obxectivos que perseguen as empresas que levan tempo ensaiando tales estratexias: para flexibilizarse (entre outras cousas, significa descentralización do control, plurifuncionalidade do persoal) [4]; para facerse máis liviás (reducindo o núcleo estable e externalizando partes importantes da producción) [5]; para acurtar os ciclos de producción, aínda que iso supoña intensificación do traballo dos traballadores (exprésase na realización de pequenas series, rapidamente obsoletas) [6], para conformarse como empresas globais (que compran e venden nun mercado global) [7]; para organizarse como empresas-rede (configuración dunha estructura empresarial constituída por un conxunto de empresas dependentes, subordinadas a unha empresa matriz) [8], etc. As políticas de “calidade” poñen de relevo o cambio no papel do estado con respecto ás institucións universitarias, pasando de comportarse como “estado-benefactor” a actuar como “estado-avaliador”. Coa reducción das obrigas financeiras, a avaliación ven ser o medio, aparentemente neutral, co que o estado quere forzar a universidades, centros, departamentos, equipos docentes e de investigación e, en último termo, a todos os profesores, a competir por recursos escasos, apremándoos a rivalizar por crear e situar no mercado productos de “calidade”. Ideada á imaxe dos productos empresariais, a “calidade” entra nas universidades sen que apenas nos preguntemos pola esencia de tan significado hóspede. O caso é que as presións que sobre todos nós, tanto desde o punto de vista da organización, como dos individuos que a compoñen, exerce un sistema que demanda “productividade” e “calidade”, desemboca nunha especie de fragmentación competitiva, conscientes de que da valoración destes parámetros depende o financiamento, os salarios, os títulos e as distincións.

Resulta de todo isto, como afirma Barnett [9], que estamos tan absorbidos na persecución dos nosos propios proxectos –poderiamos dicir que cada un dos seus– e tan dispares se volveron os grupos internos da universidade, que diminuíu a capacidade para reflexionar crítica e colectivamente sobre o que nos está acontecendo. Cabería engadir que na actual conxuntura non se nos pide reflexión, senón conformidade; para a reflexión xa están os expertos [10] que pensan para nós as solucións máis adecuadas. Os planos estratéxicos que están elaborando as universidades constitúen unha excelente exemplificación práctica da aplicación irreflexiva e mecánica deste modelo. Seguindo as directrices dos expertos [11], os equipos rectorais das nosas universidades proceden a realizar un diagnóstico empresarial, tratando de identificar as “debilidades”, “ameazas”, “fortalezas” e “oportunidades” que permitirán á institución universitaria posicionarse no mercado global e competir con outras institucións. Claro que, nun proceso de arriba cara a abaixo, administrado este mesmo modelo a centros e departamentos [12], non nos deixan máis alternativa que competir entre nós polos recursos públicos e buscar fontes externas de financiamento, producindo graduados demandados polo mercado e coñecemento aplicado que as empresas necesiten comprar.

A terceira estratexia ensaiada para facer da Universidade unha institución en perfecta simbiose coa empresa corre transversalmente ás anteriores, e pasa por conquistar ideoloxicamente a educación superior. Sería inxenuo pensar que tal propósito é unha novidade, pois a educación (incluída a universitaria) tivo sempre unha dimensión ideolóxica [13], pero tamén hai que dicir en favor noso que a Universidade permitíu cultivar un certo espírito crítico, crear unha certa atmosfera de liberdade de pensamento e de opinión fundados, conformar un certo ambiente de autonomía académica e de investigación, en suma, acubillar e protexer unha serie de valores que hoxe, baixo a influencia do pensamento postmodernista, están a punto de diluírse na crenza de que non existe primacía duns valores sobre outros. Precisamente, se do que se trata é de asumir unha “xeometría variable dos valores”, en consonancia coa multidiversidade de intereses que o capitalismo consumista do noso tempo pretende satisfacer, que mellor que dominar os centros onde se crea a concepción do ser humano, da sociedade, e onde se defende un conxunto de valores de alcance universal. Dito noutras palabras, conquistando ideoloxicamente a educación superior alcánzase, como anticipara Gramsci, a hexemonía cultural que lexitima o poder económico, favorecendo o mantemento e a reproducción do sistema dominante. Este propósito precisa dunha táctica mistificadora, que consiste en culpabilizar ao sistema educativo e á universidade da falta de productividade do sistema económico; relacionar a falta desa productividade económica coa falta de productividade docente e investigadora; convencer aos universitarios da pertinencia e dos beneficios de subordinar a epistemoloxía e a praxe universitarias a unha racionalidade exclusivamente técnica e instrumental; modificar as categorías que definen as relacións e as actividades implicadas no quefacer diario (“clientes”, “consumidores”, “productores”, “productividade”, “eficiencia”, “eficacia”, “calidade”, “investimento”, “rendemento”, “xestión”, “mercado”, “competitividade”…); aliñar o funcionamento das universidades coas necesidades do mercado, fixando as prioridades da investigación e redefinindo os currículums para formar nos valores (que se condensan nunha nova esencia, denominada “espírito emprendedor”) e nas competencias que satisfagan as necesidades productivas das empresas, o que equivale a reducir a educación universitaria a instrumento para formar exclusivamente capital humano.

No delirante modelo neoliberal, no que se define absolutamente todo como “ben económico” e empapa todas as formas de relación e de actividade humana, os organismos multilaterais xa citados teñen definida a reestructuración da universidade para que se axuste aos obxectivos da globalización da educación superior, da investigación, do coñecemento e da formación do capital humano necesarios para mellor servir aos intereses do mercado. Ideado desde a desconfianza cara aos universitarios e cara ás autoridades académicas, este proxecto estase a impoñer de arriba a abaixo, está sendo asumido sen discusión polos poderes políticos e polos responsables académicos e non se está debatendo, máis que nos seus aspectos formais [14], no seo da comunidade universitaria. Os tres grupos organizados da USC e os candidatos á Reitoría poderían facer deste asunto un eixo fundamental de debate, porque ao noso modo de ver este asunto resulta ser máis transcendente que os lugares comúns que conforman moitas das liñas que deron lugar ao acordo entre dous grupo universitarios (ao que se suma, supoñemos, o terceiro) para presentar un candidato de consenso ás eleccións do próximo mes de maio.

¿Por que concedemos tal importancia ao problema que acabamos de enunciar? Sen ánimo de ser exhaustivos, podemos concretar o citado problema arredor das seguintes consideracións. Dado que a crise financeira da universidade non é máis que o resultado de políticas fiscais regresivas de aplicación xeral, ¿está condenada a financiarse coas matrículas dos seus estudantes e cos acordos que estableza con empresas interesadas nos seus productos? Se é así, ¿estamos nun proceso de re-creación dunha universidade elitista [15], accesible só para quen poida pagala? Se a Universidade só pode sobrevivir respondendo ás demandas do mercado, tanto desde o punto de vista da formación que dispense aos seus alumnos, como da investigación e do coñecemento que se xere no seu ámbito, ¿a que se reduce a autonomía e a independencia académica e investigadora? Dada a escasa posición de mercado que teñen titulacións sociais e humanísticas, que precisamente na Universidade de Santiago de Compostela teñen un peso especial, ¿asistiremos nun futuro próximo a un enfrontamento entre os centros e departamentos que teñan capacidade autofinanceira suficiente cos centros e departamentos que non a teñan? ¿Están en perigo de desaparición, polo tanto, os estudos, e os departamentos e os centros que os imparten, por non ter valor de mercado? ¿Deixará a universidade de ter responsabilidade social, no ben entendido sentido de “ser responsable ante a comunidade” da que forma parte, para satisfacer só as necesidades de quen a contrate?

Hai formas máis xerais, pero tamén sumamente reveladoras, de facernos estas preguntas. Na distribución global da educación superior ¿non estará prevista unha división de funcións, asignadas segundo a posición que cada universidade ocupe nun ranquin de universidades? ¿Non suporá esta clasificación unha vía para a paseniña desaparición das universidades que non atopen o seu nicho no mercado? ¿Esta división de funcións entre universidades será un reflexo da división de funcións que no concerto económico mundial, está asignada aos países en función do seu nivel de desenvolvemento e de poder económico e militar? Para que se nos entenda mellor o que estamos dicindo, atendamos ás declaracións realizadas en 2002 por Hugo Juri, quen foi Rector da Universidade Nacional de Córdoba (Argentina) e, no seu momento, Ministro de Educación arxentino, cargo do que dimitíu por desacordos co goberno respecto das políticas de recortes que afectaron á educación superior do seu país. Despois da demisión, Juri afirmou que existen documentos internacionais que indican que Arxentina debe ser consumidora de tecnoloxía e de coñecemento, polo que non debe realizar os investimentos necesarios para producilos. Polo tanto, Arxentina debe deixar de investir en educación superior. EE.UU, como país productor de coñecemento, non permitirá tal competencia. Afirma Juri que se EE.UU. financia o FMI e o Banco Mundial non vai permitir desenvolvementos educativos noutros países para que despois compitan con el [16]. Por outra parte, nun contexto no que se está invocando á “calidade” e á “excelencia” como caracteres de marca dunha universidade competitiva, pode tenderse a concentrar os recursos para a investigación en equipos de gran prestixio internacional, non só en razón de publicacións en revistas de impacto, senón polas patentes derivadas da investigación e polo carácter aplicado do coñecemento. Esta estratexia, máis real que posible, xeraría a desaparición dunha diversidade –enriquecedora– de equipos de investigación e de liñas de investigación que non resulten rendibles segundo os criterios de mercado [17]. Esta mirada a curto prazo das necesidades do mercado, pon en serio risco a investigación no ámbito das ciencias básicas e, por descontado, nas ciencias humanas e sociais, salvo que sirvan para lexitimar a sociedade de mercado ou facilitar e impulsar o consumo [18].

Proseguindo con este ton xeral, preguntémonos pola relación entre a formación dos egresados universitarios e a ocupación no mercado laboral, porque con frecuencia apélase a este indicador como proba de que as Universidades están fracasando na preparación dos seus estudantes, dimensión que se quere corrixir cunha implicación máis decidida das empresas na configuración dos currículums universitarios [19]. Con independencia de que as universidades e a comunidade de profesores debamos reflexionar sobre o proceso pouco exemplar de elaboración dos actuais planos de estudos [20], a citada acusación ten algo de farisaico porque non se apela a ela cando hai máis ofertas de traballo que demandas, pero invócase cando o mercado laboral está saturado. Se a universidade ha de parecerse á empresa-modelo (flexible, liviá, en rede, etc.) que se desenvolve de maneira satisfactoria na sociedade de mercado, entón ha de estar disposta a formar aos seus estudantes baixo demanda, para satisfacer as necesidades das empresas. Sendo así, ¿veremos ás universidades asinar contratos con empresas  concretas para formar en competencias específicas –estreitas– a un número definido de estudantes [21]? ¿Permitirá a universidade que os currículums sexan definidos polas empresas e que os procesos de avaliación sexan realizados, controlados e/ou supervisados tamén polas empresas [22]? Se é a isto cara ó que se nos está urxindo, parece conveniente estar avisados de certas tendencias que se aprecian nas políticas laborais mundiais. Por exemplo, hai quen afirma que no futuro inmediato nos veremos forzados a cambiar de traballo –e non necesariamente para o que temos desenvolvidas competencias específicas– unhas once veces ao longo da nosa vida [23]. Pero hai algo máis inquedante. Algúns expertos falan da fin do traballo (é o caso de Jeremy Rifkin [24]), advertindo da tendencia da desaparición continua de postos de traballo froito da automatización e robotización da producción. Algo de verdade debe haber nesta tendencia, porque hai ben poucos días o propio Director Xeral da Organización Internacional do Traballo alertaba de que “vivimos nun mundo con pouco emprego” [25]. Tal análise remata coa anticipación dun futuro, previsto para este mesmo século, que se reduce a un par de números: 20:80. Martin e Schumann [26], redactores do Spiegel, relatan a reunión que en 1995 tiveron no Hotel Fairmont de San Francisco 500 líderes políticos, económicos e sociais para discutir sobre globalización. Nun dos debates afirmouse que neste século XXI, haberá un momento en que o 20% da poboación activa será suficiente para manter en marcha a economía mundial. Non se necesitará máis forza de traballo; o 80% restante, terá problemas. Dicían que non se pode esixir ás empresas un compromiso social dada a presión da competencia global; terán que ser outros os que se preocupen dos parados. Se é para este futuro para o que se nos pide que formemos aos nosos estudantes, entón, se pensamos neles como persoas e non como capital humano, deberiamos convir en que a formación que deberan recibir ha de ser distinta da que reclaman as empresas.

Todos estes son os problemas de fondo cos que terá que lidar a Universidade desde este mesmo momento, problemas que van ser a razón da reestructuración que sufrirá nos próximos anos, un de cuxos episodios é a integración no Espazo Europeo de Educación Superior.  Entendemos que deberan ser motivo de desacougo e de reflexión seria no seo dunha institución que se declara pública. Por certo, alén das formulacións retóricas (recordemos que o carácter público forma parte, como punto 4, do acordo entre dous grupos da Universidade de Santiago para gobernar a institución), ¿cabe pedir a todos os grupos universitarios e aos candidatos a reitor que analicen o significado actual da natureza pública da universidade e as vías polas que pode ser defendida? ¿Cabe pedir que valoren as consecuencias que vai ter a integración no Espazo Europeo de Educación Superior? Tendo en conta o marco que acabamos de ofrecer, ¿podésmoslles pedir que, alén das apelacións retóricas á transparencia [27], abran o debate cara a abaixo, presentando á comunidade educativa documentos que nos permitan examinar e debater as súas reflexións? Nós estamos dispostos a implicarnos con seriedade en tal debate, como o estamos demostrando desde hai tempo, e a seguir impulsando na medida das nosas posibilidades a participación de todos os grupos e membros da comunidade universitaria polo ben da Universidade de Santiago de Compostela e porque siga sendo unha universidade pública, con todo o que isto comporta.


[1] Noticia recollida en Ozú o 30/01/05: Gran Bretaña: Oxford, el declive de un mito e en La Crónica de Hoy, de 26/01/05: Gran Bretaña: Universidad de Oxford buscará recibir más estudiantes extranjeros

[2] Ver USC: Novas publicadas en fírgoa relacionadas coa crise económica e o Plan de Equilibrio Económico e financeiro da USC e USC: Novas sobre a situación económica da USC recollidas en fírgoa (04/07/02 ata 14/07/04)

[2] Las universidades venden de todo, noticia de El Universal do 25/10/04. Véxase o especial fírgoa: As universidades venden de todo...

[3] Flexibilización na Universidade significa desregulación das condicións contractuais dos profesores e do persoal non docente, eliminando o carácter funcionarial dos seus postos de traballo; significa, polo tanto, capacidade para contratar e despedir o persoal segundo conveña; significa crear as condicións para que o persoal universitario poida empresarializar a actividade docente e investigadora; significa crear as condicións para a libre concorrencia de ofertas universitarias, fomentando a competitividade aberta entre universidades de todo tipo (públicas, privadas, corporativas, abertas, a distancia…) e, por extensión, permitindo que as universidades poidan, como calquera empresa, ser compradas, vendidas, cotizar en bolsa, etc.

[4] Na Universidade xa hai tempo que se están externalizando servizos, pero aventúrase unha volta de rosca cando se incremente o profesorado contratado en detrimento do profesorado titular, a compra de contidos a universidades de prestixio (ou a empresas), converténdonos en universidades franquiciadas.

[5] Algo disto se pretende na Universidade coa organización cuadrimestral dos cursos –dous nun-, coa reducción das carreiras universitarias que moitos reitores aplauden (ou coa ampliación dos calendarios académicos, que algúns outros buscan ferventemente).

[6] As tecnoloxías da información e da comunicación están permitindo desde hai tempo que as universidades proporcionen titulacións en calquera parte do mundo. Esta tendencia profundarase na medida en que, segundo as previsións do Acordo Xeral de Comercialización de Servizos, os estados eliminen as trabas que hoxe existen para que a educación sexa recoñecida como un servizo comercializable e, polo tanto, sometida ao libre comercio.

[7] As empresas dependentes sofren as conxunturas do mercado, resgardando das contrariedades á empresa matriz. Desregulando e sometendo as universidades ás regras de mercado, veremos compra e venda de universidades, desaparición de universidades, concentración de empresas universitarias, franquicias…, e a configuración dunha rede de universidades, na que un grupo limitado exercerá de universidades matrices e as outras, de universidades subordinadas. Nestas últimas, o profesorado carecerá de autonomía académica, e terá a función de transmitir o coñecemento de marca elaborado polas universidades dominantes.

[8] Véxase Ronald Barnett, Claves para entender la universidad. En una era de supercomplejidad. Girona: Ediciones Pomares, 2002 (orix, 2000).

[9] Aos de fora correspóndelles traducir as políticas xerais concibidas polos organismos multilateriais (BM, FMI, OMC, OCDE); aos de dentro, lexitimalas con convicción.

[10] Que non necesariamente han de saber de educación.

[11] Recórdese o Manual de Planificación Estratéxica para os Departamentos/Institutos da USC

[12] Coa educación, os estados-nación pretenderon sempre crear unha “cosmovisión cidadá”, unha “forma de ser cidadán”.

[13] Todo se reduce a asumir que estamos nun proxecto de modernización da universidade que impulsará a converxencia europea (non nos decatamos de que a homoxeneización das universidades é a condición esixida polos procesos de globalización na educación superior). En todo caso, só se discute que estudos formarán parte dos graos e dos posgraos; da súa duración; do significado dos créditos europeos; das novas esixencias docentes derivadas de poñer ao alumno no centro do proceso de ensinanza e aprendizaxe, etc. O substancial (que se pretende coa reestructuración da universidade, e cales son as consecuencias desta reestructuración) non se discute.

[14] En moitos estados norteamericanos están derrogando as lexislacións que establecían cotas de acceso para grupos minoritarios e desfavorecidos. As novas condicións obrigan ás Universidades a buscar recursos sen obstáculos de ningún tipo. En Gran Bretaña, Tony Blayr derrogou a norma pola que Cambridge e Oxford debían reservar un importante número de prazas a cidadáns británicos. O que se pretende é que as Universidades británicas poidan competir por un mercado global de estudantes.

[15] Véxase a entrevista completa: Argentina: La visión de Hugo Juri: "Hay presiones internacionales para que no invirtamos en educación superior"

[16] Examínese esta posibilidade en Jordi Molas-Gallart y Ammon Salter: Diversidad y excelencia: Consideraciones sobre política científica

[17] As que deran lugar a obras que lexitiman o modelo social de mercado e as polìticas de confrontación mundial (por poñer dous exemplos, Choque de civilizaciones de Samuel Huntington, ou El fin de la historia de Francis Fukuyama), as investigacións sociolóxicas de mercado ou as investigacións psicolóxicas sobre as preferencias dos consumidores por seguir sumando máis exemplos.

[18] Ver, por exemplo, Comunidad Valenciana: Siete empresas participan en los programas de formación, UdC: La universidad elaborará un estudio sobre las necesidades formativas de las empresas, Cantabria: Los empresarios orientarán a la Universidad sobre futuros estudios, Castilla y León: Empresas y colegios profesionales evaluarán los máster de la UVa, Asturias: FADE reclama que la Universidad adapte sus titulaciones a la oferta laboral de las empresas, Asturias: Lorences: «La Universidad de Oviedo debe ajustarse más a la demanda de las empresas», etc. Máis información na sección de fírgoa: Empresarialización e no especial Mercantilización.

[19] Está na mente de todos como, de forma xeralizada, na elaboración dos planos de estudos prevaleceron máis os intereses de grupos (de departamentos e de centros) que as necesidades de formación dos estudantes.

[20] Peter Manicas, La educación superior al borde del precipicio. En Sohail Inayatullah y Jennifer Gidley (comp.), La universidad en transformación. Perspectivas globales sobre los futuros de la universidad. Girona: Ediciones Pomares, 2003 (orix. 2000).

[21] Xa está ocorrendo. Mentres que a Conferencia de Rectores rexeita que o Estado examine aos licenciados en dereito para exercer a abogacía (véxase Las universidades rechazan que el Estado examine para ejercer la abogacía), algunhas universidades permiten (ofrecendo soporte) que unha empresa avalíe as competencias dos estudiantes (véxase o tema do Certicap: USC: Universia presentou ás universidades galegas 'Certicap', o sistema de Certificación de Competencias, Acordo de colaboración CERTICAP entre a Universidade de Santiago de Compostela e Portal Universia S.A., Universia presenta ante os tres reitores galegos o Certicap).

[22] En La corrosión del carácter. Las consecuencias personales del trabajo en el nuevo capitalismo (Madrid: Editorial Anagrama, 2000, orix. 1998), Richard Sennett afirma: “No ámbito do traballo, a carreira tradicional que avanza paso a paso polos corredores dunha ou dúas institucións estase debilitando. O mesmo ocorre co desprege dun só xogo de cualificacións ao longo dunha vida de traballo. Hoxe, un xove americano, como mínimo con dous anos de universidade, pode esperar cambiar de traballo polo menos once veces no curso da súa vida laboral, e cambiar a súa base de cualificacións polo menos tres veces durante os corenta anos de traballo”. O signo máis tanxible deste cambio podería ser o lema “Nada a longo prazo”.

[23] Véxase “El fin del trabajo”. Barcelona: Paidós, 1997 (orix. 1994).

[24] Véxase noticia de El País de 29/03/05, “Vivimos en un mundo con poco empleo”, declaracións do chileno Juan Somavía, Director Xeral da Organizacionón Internacional do Traballo.

[25] Hans-Peter Martin e Harald Schumann, La trampa de la globalización. El ataque contra la democracia y el bienestar. Madrid: Taurus, 1998 (orix. 1996).

[26] Desgraciadamente, as políticas universitarias dos grupos que din representar á comunidade universitaria non pasan de ser “políticas de intriga e do rumor”. Demostrémonos que, no templo da intelixencia como calificara Unamuno á Universidade, no seu célebre enfrontamento con Queipo de Llano, en outubro de 1936 no paraninfo da Universidade de Salamanca, somos capaces de reflexionar de forma colectiva e de elaborar proxectos compartidos.