Puntos do Programa electoral do Bloque Nacionalista Galego (BNG) relacionados coa Universidade e as Novas Tecnoloxías
Puntos do Programa electoral do Bloque Nacionalista Galego (BNG) relacionados coa Universidade, as Novas Tecnoloxías e a Investigación
II.4.1. Universidade
- Propor a reforma da Lei Orgánica de Universidades, para que se respecten as competencias autonómicas e se garanta a autonomía universitaria, nos seguintes aspectos:
- Supresión da ANECA e transferencia dos seus recursos e medios aos órganos de avaliación que cada Comunidade Autónoma determinar en exercicio das súas competencias.
- Modificación dos mecanismos de habilitación do profesorado regulados na LOU co fin de os substituír por sistemas de acceso á función pública docente transparentes, obxectivos e respectuosos coas competencias autonómicas e coa autonomía universitaria.
- Eliminación dos privilexios recoñecidos na LOU ás Universidades privadas e ás promovidas pola Igrexa Católica.
- Incremento do financiamento das Universidades Públicas co fin de previr a súa privatización encuberta e de facilitar a súa integración nos espazos europeos de investigación (ERA) e de ensino superior e facilitar a participación de proxectos das Universidades galegas no Programa Marco de I+D+i da UE.
- Transferencia á Xunta de Galiza das competencias e dos medios materiais en materia de universidade a distancia (UNED).
- Conversión das bolsas de investigación en contratos de traballo que leven aparellado o recoñecemento de dereitos laborais e sociais e estabelecemento de mecanismos que promovan a estabilidade laboral e a promoción profesional.
- Mellora das condicións retributivas do profesorado universitario e estabelecemento e exixencia da incompatibilidade entre a docencia na Universidade pública e en calquera centro privado.
- Modificación do sistema de recoñecemento da investigación dos profesores universitarios (sexenios) co fin de substituílos por sistemas transparentes, obxectivos, específicos para cada área de coñecemento, e respectuosos das competencias autonómicas e da autonomía universitaria.
- Incremento da porcentaxe de representación nos órganos da Universidade recoñecidos na LOU a estudantes e PAS.
II.5.2. Impulso das novas tecnoloxías
As novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) están a provocar importantes mudanzas nos comportamentos individuais e sociais creando novos hábitos de consumo, mais tamén na organización da produción e do comercio, coa aparición de novas especialidades de actividade, de novos mercados e mais coa alteración das pautas de funcionamento e de oganización dos sectores tradicionais.
Para unha sociedade como a galega, as TIC supoñen importantes riscos e oportunidades fronte aos que non podemos permanecer impasíbeis. Por un lado, as TIC contribúen ao proceso de mundialización económica ao favoreceren a interpenetración dos mercados, a mobilidade dos capitais, as grandes fusións empresariais e tamén a expansión planetaria das culturas hexemónicas, en particular da norteamericana; mais, por outro lado, é tamén certo que as TIC crean novos mercados e grupos de actividade baseadas no coñecemento en que a condición periférica perde relativamente a súa importancia e ofrecen novas canles para a presenza da cultura e a lingua galegas, facendo da diversidade cultural un valor e permitindo diferenciar as nosas producións no mercado mundial.
Os datos non son bos: en abril de 2003 só un 19.9% dos galegos contaba con acceso á Internet, o número de liñas ADSL significaba tan só o 3.4% das existentes a nivel estatal e só o 25% dos fogares galegos dispuñan dun PC. Isto reléganos a un índice resumo da sociedade da información de 64 sobre unha media estatal de 100, ou de 37 sobre 100 se nos referirmos á presenza de sectores vinculados ás novas tecnoloxías da información e das comunicacións na estrutura empresarial galega (Informe 2003 das Cámaras de Comercio). Os anos de goberno do PP en Galiza e no Estado foron anos perdidos e, a día de hoxe, non se adoptaron políticas decididas para a penetración das novas tecnoloxías no fogar e na empresa, nin para a alfabetización tecnolóxica da sociedade, nin para o apoio a empresas galegas de base tecnolóxica nin tampouco para o uso das TIC como medio de expansión e promoción da lingua, da cultura e das producións galegas. Todo o contrario: as páxinas web da Administración española seguen a excluír o galego, os planos estatais como “España.es”, “Info XXI” ou “Internet en la escuela” téñense demostrado como pouco ambiciosos e ineficaces e non foron quen de reducir a “fenda dixital” que xa existe entre Galiza e outros territorios do Estado e de Europa; a lexislación promulgada favorece as grandes empresas informáticas e de telecomunicacións en detrimento da libre competencia e da intimidade e privacidade dos cidadáns e das cidadás; a declaración da Internet como servizo universal realizouse tarde e de forma parcial (aínda falta unha “tarifa plana” digna de tal nome a un prezo asequíbel); e, en fin, aínda fican por substituír a maioría dos TRAC instalados en Galiza.
O BNG proporá as medidas precisas para que o Plano estatal da Sociedade da Información –que substituiu o fracasado INFO XXI– teña como obxectivo fundamental a superación da fenda dixital existente no ámbito do Estado, permitíndo que Galiza poida superar o seu actual estatus de ser a última das comunidades autónomas en penetración de novas tecnoloxías (Informe Auna 2003), entre as que salientamos:
1. No ámbito institucional e lexislativo:
- Transferir a xestión e explotación do espazo radioeléctrico á Xunta de Galiza.
- Reformar a Lei de Servizos da Sociedade da Información (LSSI) co fin de a facer compatíbel coa privacidade de cidadáns e cidadás, coa libre concorrencia empresarial e coa liberdade de expresión na Internet.
- Facilitar a relación entre a Administración estatal e a cidadanía a través da Internet, ofrecendo unha versión galega de todas as páxinas e formularios oficiais ofrecidos a través da rede.
- Facer as páxinas oficiais accesíbeis a todos os/as cidadáns/ás a través do uso de formatos abertos e
- programas multiplataforma.
- Promover unha regulación europea e internacional de protección do software non baseada sobre a concesión de patentes, na liña do recentemente acordado polo Parlamento Europeo.
- Estabelecer que o acceso á Internet a un prezo asequíbel (18 euros/mes) e a unha calidade adecuada (256 k/segundo de velocidade de descarga e 120 k/segundo de suba) como dereito integrante do servizo universal de telecomunicacións.
- Acelerar a substitución das liñas TRAC existentes en Galiza por tecnoloxías que permitan o acceso en banda larga á Internet e a outros servizos avanzados de comunicacións.
- Estabelecemento dun dominio galego (.gz) da Internet.
- Fomento do software libre.
- Realización dunha política de adquisicións de equipos e de programas informáticos que incentive as empresas locais e o software libre.
- Prohibición do estabelecemento de canons ou calquera outro gravame sobre CDs e DVDs gravábeis e mais eliminación dos existentes.
2. Formación nas TIC
- Elaboración conxunta entre o Estado e as CC.AA. dun Plano de fomento de acceso ás TIC que enxergue a introdución da Internet nos centros educativos e sociais, nas empresas e nos fogares, que inclúa programas de divulgación, información e alfabetización no uso das TIC dirixidos tanto a poboación en xeral como a colectivos específicos.
- Incremento da oferta pública de estudos básicos, medios e relacionados coas TIC.
- Promover a formación continua e a reciclaxe das persoas traballadoras en activo e das desempregadas no uso das novas tecnoloxías.
3. No ámbito das telecomunicacións
Desenvolver unha política de telecomunicacións que favoreza a competencia, o investimento en novas infraestruturas e o equilibrio territorial e, en concreto:
- Reducir os prezos de interconexión fixomóbil aproximándoos aos custos reais do servizo.
- Estabelecer unha oferta de referencia que permita a aparición de operadores móbiles virtuais.
- Axudar aos operadores para que invistan en novas infraestruturas de alta capacidade.
- Exixir aos titulares de licenzas UMTS o cumprimento dos compromisos de investimento e creación de emprego asumidos.
- Exixir a todos os operadores, en especial a Telefónica, o cumprimento dos compromisos de investimentos derivados da Lei do Cabo de 1995.
- Axilizar a portabilidade do número no caso de cambio de operador.
- Garantir que os guías telefónicos inclúan todos os aboados dunha demarcación territorial, sexa cal for o seu operador.
- Desenvolver unha política tarifaria no ámbito da telefonía fixa que atenda especialmente
a redución da cota de aboamento e do prezo das chamadas locais e metropolitanas.
II.5.3. Promoción da investigación científica e da innovación
Presentada como unha das bandeiras do programa electoral do PP para o ano 2000, a política científica desenvolvida nos ultimos catro anos de goberno Aznar non merece outro cualificativo que o de desastrosa. Algúns datos servirán para ratificar esta afirmación:
- O gasto en I+D a nivel estatal segue por debaixo do 1% do PIB, fronte ao 2,2% de media da UE e o Páxina 32 3,5% das rexións europeas máis avanzadas. Para a Galiza os datos son aínda peores (menos do 0,6% do PIB) e a tendencia é a que os diferenciais a respecto do Estado e de Europa sigan a se incrementar.
- Para alén de baixo, o 31,4% do gasto estatal en I+D ten carácter militar e carece de calquera carácter innovador. No caso galego, a porcentaxe é aínda maior: repárese en que a totalidade dos cartos investidos na construción das fragatas F100 en Ferrol é computado polo Goberno como gasto en I+D.
- A política científica do Goberno español discrimina abertamente a Galiza e incrementa o desequilibrio territorial: só por pormos dous exemplos, apenas o 3% das axudas do CDTI foron concedidas a proxectos galegos; menos do 4% dos contratos a investigadores financiados polo programa “Ramón y Cajal” se concederon a Universidades ou centros de investigación da Galiza. Como resultado desta política, apenas o 1,5% das patentes rexistradas no Estado español (que, pola súa vez, só supoñen o 0,59% do conxunto das patentes rexistradas na UE) proceden do noso país.
- Os organismos públicos de investigación (OPI) de titularidade estatal radicados en Galiza seguen cun financiamento estancado desde os anos oitenta do século pasado (apenas 158.000 euros para o ano 2004). A maior parte do investimento estatal segue a se destinar aos centros de investigación radicados en Madrid. Deste xeito, a acción gobernamental confirma e agrava a tendencia iniciada por grandes empresas que, como UniónFenosa ou ENDESA, transladaron á capital do Estado a totalidade dos seus centros de I+D antes instalados en Galiza.
- Os planos de I+D elaborados polo Goberno español obvian as necesidades e as prioridades galegas: nin a seguranza do transporte marítimo nin a loita contra a contaminación mariña son consideradas áreas prioritarias. A intervención científica en relación coa catástrofe do “Prestige” demostrou dramaticamente o desprezo pola comunidade científica galega, punteira a nivel internacional no ámbito das ciencias do mar.
- A xestión económica e administrativa do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía foi pésima: a falta de capacidade de xestión provocou a perda de fondos europeos (os mesmos que o Goberno impide xestionar a Galiza), as inxustificábeis demoras no pagamento de bolsas e axudas a grupos de investigación (superiores a un ano), e que, entre o ano 2000 e o ano 2002, se deixasen de executar 1020 millóns de euros, uns cartos que terían permitido a creación de 20.000 novas prazas de investigadores.
- O desprezo do PP pola ciencia acha un claro exemplo no tratamento ofrecido polo Goberno aos bolseiros de investigación: tras anos de reclamacións, o “Estatuto do Bolseiro” aprobado a fins de 2003 non serve para resolver os problemas dun colectivo sobre o que descansa unha parte fundamental do sistema científico galego e estatal. Este “Estatuto” non recoñece o carácter laboral da relación entre o bolseiro e o centro de investigación: malia as bolsas seren consideradas como “rendas do traballo” a efectos do IRPF, segue sen se lles recoñecer a cobertura por desemprego, a base de cotización por continxencias comúns á Seguranza Social limítase ao SMI, discrimina os investigadores predoutorais e aos perceptores de bolsas privadas...; en definitiva, desaléntase e precarízase a dedicación á investigación científica.
Á vista do fracaso dunha política científica sen ambición, mal financiada, peor xestionada e allea ás necesidades de Galiza, o BNG propón:
- O incremento da fracción do PIB dedicada a I+D, depurada de gastos de natureza militar, até a igualar coa media da UE nun prazo máximo de tres anos.
- A adopción de medidas dirixidas á cohesión territorial en materia de I+D como:
- Transferencia á Xunta dos OPI estatais radicados na Galiza, nomeadamente dos dependentes do CSIC, previo saldo da débeda histórica en materia de investimento estatal en I+D no noso país.
- Territorialización do “Fondo Nacional de I+D” a través de criterios de reparto que teñan en conta os desequilibrios territoriais existentes.
- Xestión polas autoridades galegas dos fondos europeos destinados a I+D que lle corresponda percibir a Galiza.
- Financiamento estatal da instalación e dinamización en Galiza de centros de referencia de I+D no ámbito da ciencias mariñas, da transformación de produtos do mar, do téxtil, do automóbil, da construción naval, da pedra e da madeira. Páxina 33 Marzo 2004 O momento de Galiza
- A consideración como áreas prioritarias no financiamento público de proxectos de I+D daquelas que interesan especialmente a Galiza, relegadas até o de agora polos sucesivos gobernos españois.
- A mellora das condicións de traballo das persoas que traballan no ámbito científico e investigador, nomeadamente das que teñen bolsas de investigación: regulando a súa relación laboral; mellorando a súa proteción social a través do recoñecemento da cobertura por desemprego; estendendo a cotización por continxencias comúns á Seguranza Social ao 100% da retribución percibida en cada caso; deseñando unha carreira que fomente a estabilidade e a promoción profesionais; e estendendo estes dereitos e melloras a todos os bolseiros e investigadores, con independencia do carácter público ou privado da bolsa que perciban. Marzo 2004 O momento de Galiza
- blogue de admin1
- 2111 lecturas

