Lourenzo Fernández Prieto: Fonseca soa
Lourenzo Fernández Prieto: Fonseca soa
As dificultades económicas da USC, a xulgar polas noticias que aparecen nos medios, son reais. No interior da institución os rumores dun furado contable circulan dende hai anos. Mais aínda non se coñece ben a dimensión do problema. Sábese, si, que as autoridades universitarias pasaron de falar de dificultades inconcretas a recoñecer que a situación é delicada pero non preocupante.
Lémbrame a estoica actitude dos humorosos cidadáns vieneses, despois da
desfeita da súa cidade na IIª guerra mundial, cando á vista das ruinas da vella
capital do Imperio dicían aquilo de que a situación é desesperada pero non
preocupante.
O que resulta preocupante é a idea prepolítica pero moi cristiá que se lle
transmite á comunidade universitaria para que interiorice como responsabilidade
colectiva as consecuencias da situación actual. Como se a culpa fose de todos,
cando a responsabilidade da xestión, como en toda institución democrática
moderna, é só dos poucos elixidos para levar a dirección política. Preséntase
como unha catástrofe o que é resultado dunha actuación política. Como moito
bótaselle a culpa á Xunta e á baixa natalidade, circunstancias ambas que, por
suposto, tamén dependen de nós. Non é un problema de culpas a redimir senón de
responsabilidades a clarificar.
Asombra esta forma de concibir a política propia dese refranquismo sociolóxico
extendido en Galicia na era Fraga, que lembra aquela recomendación de Franco a
un interlocutor: vostede faga coma min e non se meta en política. Todo para
asentar a conclusión de que ninguén é responsable porque a institución é de
todos. Pois non, ho.
Fóra da Universidade, as institucións e máis a sociedade civil tamén xogan ao
escondite. A Consellería reafírmase na media verdade de que o Plano de
financiamento que lles asignou os recursos ás universidades foi aprobado polos
reitores, intentando ocultar a evidencia de que só o goberno decide canto é o
que se reparte.
O Concello de Santiago, tan imbricado politicamente co goberno da Universidade
que non se sabe onde empeza un nin onde remata o outro, non sabe qué dicir. Para
a sociedade compostelá a Universidade é o mesmo que a Catedral, sempre estivo aí
e igual que os peregrinos, sempre viñeron estudiantes, deixaron os cartos e
viñeron outros. A Lugo aínda non chegou a noticia.
Vieiros, 04/03/04
- blogue de admin1
- 1524 lecturas

