EEUU: Microchips nos corpos de duascentas persoas para controlar o seu traballo

EEUU: Microchips nos corpos de duascentas persoas para controlar o seu traballo

Na actualidade, arredor dunhas 200 persoas en todo o mundo levan xa implantados microchips nos seus corpos. O control de persoas a través desta nanotecnoloxía está a xerar polémica nos Estados Unidos.

A última tensión provocouna o emprego crecente deste tipo de microcircuítos de identificacións que foron implantados no corpo humano, utilizados para controlar os traballadores e acceder á historia médica dos seus portadores.

Colectivos e asociacións de dereitos civís protestaron contra o que consideran un novo paso na invasión da intimidade dos empregados, mentres que os seus fabricantes explican que é unha tecnoloxía de usos múltiples.

Unha das empresas pioneiras no emprego deste tipo de tecnoloxía dirixida á vídeo-vixilancia é ‘Citywatcher.com’, de Cincinnati (Ohio), a primeira que comezou a utilizar os ‘chips’ para controlar o acceso dos seus empregados a zonas de seguridade restrinxidas da compañía nortamericana. "A implantación dos chips foi e seguirá sendo completamente voluntaria, así que non dana en absoluto a área privada da nosa vida. Para nós é unha medida de seguridade moi eficaz", defendeuse o presidente da compañía, Sean Darks.

Un uso voluntario para restrinxir o acceso

Dous dos empregados de ‘Citywatcher.com’ presentáronse voluntarios para se implantaren este chip, feito de silicona, que non mide máis que un gran de arroz e que se coloca dentro da pel e permite o acceso ás áreas restrinxidas.

Non só en Norteamérica se emprega xa este tipo de tecnoloxía senón que tamén se utiliza pola Secretaría de Xustiza mexicana que identifica mediante microchips os seus empregados.

Porén, este non é o uso orixinal que se lle deu a este tipo de dispositivos de tecnoloxía en miniatura. A empresa Verichip, unha filial de Applied Digital Solutions de Palm Beach (Florida), fabrica estes microchips logo de que a Dirección de Alimentos e Fármacos de Estados Unidos lle permitise comercializar o produto. A aplicación inicial desta tecnoloxía era a de identificación e a de seguridade nos hospitais.

De feito, é un aparello que serve para controlar pacientes que teñen dificultades para se comunicar como os enfermos de Alzheimer. A través dun escáner, accédese ó seu historial médico en calquera lugar do mundo onde estea esa persoa.

Esta cápsula ofrece un mundo de posibilidades novas para os hospitais xa que coa información precisa de cada paciente e a súa situación sanitaria, facilitaralles ós médicos a asistencia e evitará erros.

Entre os usos menos altruístas está o uso do chip nunha discoteca de Barcelona na que os clientes VIP levan estas cápsulas que lle serven para identificarse na entrada e pagar a súa consumición cunha conta especial.

Pero esta tecnoloxía futurista, máis propia da literatura do escritor George Orwell, ten tamén cada vez máis detractores. Entre eles está Profesionais da tecnoloxía pola responsabilidade social, un grupo situado en Palo Alto (California), que protesta polo que consideran "unha pésima iniciativa".

Lisa Smith, membro deste grupo, di que "a soa idea de levar algo implantado no corpo, que non se pode apagar, supón unha invasión total da intimidade". "Existen outras formas de identificación menos invasivas que tamén son adecuadas, por moi voluntario que isto sexa", dixo Smith.

Máis ferramentas para defenderse

Entre as reflexións sobre este tipo de tecnoloxías sitúanse as que tamén a defenden. Pois se por un lado, as innovacións poderían vulnerar a intimidade, tamén dotan os cidadáns de máis ferramentas para defendela.

Porén, os futuros documentos de identificación como o DNI electrónico que pode estar en funcionamento operativo a finais deste mesmo ano, levarán un aparello semellante a este microchip. No anverso do futuro DNI situarase un chip que recollerá toda a información que identifica ao seu titular, non só de xeito físico senón tamén dixital.

Entre as múltiples utilidades deste sistema futurista, está o de servir como sinatura dixital para realizar transaccións en internet. Porén, este tipo de tecnoloxía requirirá que o titular introduza unha clave ou acredite a súa identidade a través da pegada dactilar para que non se poidan producir casos de substitución da identidade. Un futuro electrónico de existencia ilimitada.

Galicia Hoxe, 20/02/06