Bush usa a Biblia contra o quentamento global e para controlar a NASA

Bush usa a Biblia contra o quentamento global e para controlar a NASA

A administración Bush está a acomodar a política científica ós intereses relixiosos e industriais de EEUU. Agora, a censura chega a temas coma o quentamento global, as células nai, e a mesma teoría da evolución de Darwin.

Se o pasado 29 de xaneiro, o New York Times desvelaba que se trataba de silenciar a un climatólogo da NASA en cuestións co cambio climático, este 4 de febreiro o xornal americano ampliou a noticia e explicou como se presiona a outros científicos.

Nun dos exemplos cítase ó mozo texano de 24 anos George Deutsch, relacións públicas da NASA, nomeado pola Casa Branca que obrigou a un deseñador web que traballa para a axencia espacial nortamericana a engadir a palabra ‘teoría’ despois de cada mención ó Big Bang porque, segundo Deutsch, "non é un feito comprobado, senón opinión".

Carente de coñecementos de ciencias, Deutsch dimitiu a semana pasada pero, ata entón, encargabase de xestionar a política de medios sobre o espazo do veterano científico James Hansen, de 63 anos e o seu equipo especializado en ciencia na prestixiosa Universidade de Columbia en Nova York.

Hansen denunciou que Deutsch lle impedira falar do perigo do quentamento terrestre e o efecto invernadoiro, segundo revelou nun artigo publicado en The Independent de Londres. "Non lle corresponde á NASA facer unha declaración como esta sobre a existencia do universo, que descarta a posibilidade do deseño intelixente por un creador (...); é máis que unha cuestión de ciencia, é unha cuestión relixiosa", di Deutsch plasmando a ‘teoría do deseño intelixente’ e aplicando o creacionismo do Vello Testamento ós informes científicos da NASA. Outro títere nesta politización da ciencia é Phil Cooney, responsable de vixiar a investigación do quentamento global durante a primeira etapa de Bush, avogado do Instituto Americano do Petróleo que adaptou textos de informes que advertían sobre o impacto negativo das emisións de carbono ó clima. Outros científicos denunciaron manipulacións nos datos de animais en perigo de extinción ou métodos anticonceptivos que levantan ampolas nas igrexas.

Galicia Hoxe, 22/02/06