Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Perfil baixo: NS, NC, NO

Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Perfil baixo: NS, NC, NO
Non saben, non contestan, non opinan

O 25 de decembro pasado coñeciamos as Liñas para a conformación dunha candidatura conxunta para a elección do Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, inicialmente suscritas pola Plataforma Universitaria Progresista (PUP) e Universidade Aberta (UA), e ás que posteriormente, o 25 de xaneiro, se sumou Converxencia Universitaria (CU). Xa demos no seu momento a nosa opinión ao respecto [Acordo PUP/UA: o futuro da USC?], que non resultaba demasiado favorable porque, ao noso ver, as tales "liñas" non aclaraban en nada o futuro da USC. Queremos agora insistir na forma en que os grupos "políticos" da nosa Universidade, os donos da política universitaria, entenden a democracia.

Xa en xuño de 2004 escribiamos unha nota en fírgoa que, co título Crise da USC: ¿Que opinan os profesores?, reclamaba a expresión pública dos grupos "políticos" sobre a descarnada crise da USC. Das múltiples persoas ás que lles remitimos a nota por correo electrónico, tan só unha quixo responder: Lourenzo Fernández Prieto: Posicións defendidas públicamente por Universidade Aberta. En maio de 2005 insistiamos no mesmo nunha nova nota titulada Pois xa que o sabes, voucho a decir. Nesta ocasión, ninguén se deu por aludido. Silencio total. A apertura do proceso electoral dábanos a esperanza de que a democracia se abrira paso e posibilitara un debate a fondo sobre o presente e o futuro da USC. A publicación na prensa do día 23 de decembro [Barro cambia de socios para continuar como rector]  da existencia dun acordo entre a PUP e UA para concorrer xuntos ás eleccións coa intención de reforzar a "participación e a transparencia" fíxonos concibir ilusións. Por fin sería posible o debate aberto e participativo, é dicir, democrático, e ao efecto de propicialo remitímoslles unha carta aberta aos representantes de ámbolos dous grupos [Carta aberta a Jaime Barreiro (PUP) e Elías Torres (UA)], na que lles solicitabamos o texto do acordo así como os documentos que houberan elaborado "de análise da situación, e moi especialmente aqueles que se refiran ás "mudanzas que precisa a USC", que serán os que mellor reflictan os vosos plans de futuro". Contestou o Profesor Torres remitíndonos o texto do acordo, e só o texto do acordo [pódese ver a súa contestación no pé de páxina de Acordo PUP/UA: o futuro da USC?]. E desde entón (e van alá dous meses), silencio total. O día 1 de febreiro recollíamolo en fírgoa [Silencio]. O día 6 decidimos publicar unha nova nota tratando de provocar o debate (¡a participación, a trasparencia, a democracia!): Ante as próximas eleccións á Reitoría da USC: algunhas reflexións xerais. Nada. Inútil. Non se deron por aludidos. Continuou o silencio [Segue o silencio]. Ata hoxe, 8 de marzo, en que o silencio xa se fai estrepitoso.

Nos mentideiros da Universidade dise que as reunións "secretas" sucédense sen pausa, que  xa cada un dos grupos decidíu as persoas que van conformar a candidatura, e que agora están empezando a falar do "programa". Xa nolo presentarán cando corresponda, é dicir, uns días antes de que se abra a campaña electoral. Daquela xa non será posible "participar" na súa discusión e na súa elaboración: son lentellas, se queres as comes e senón as deixas. Os "debates electorais" consistirán, coma sempre, nunha pantomima: os asistentes poderán facerlles aos candidatos unha pregunta en non máis de dous minutos ("para axilizar o debate"); as preguntas serán contestadas en bloque polos candidatos; os candidatos contestarán o que se lles ocorra; e non haberá dereito a réplica. En dúas horas, "debate" zanxado. En sintonía co pensamento único, do que se trata é de vender un candidato, e probablemente os especialistas en marketing político, dada a "grosse coalition" que se conformou, e dando por suposto que xa todo o peixe está vendido, aconsellaran unha campaña das denominadas de "perfil baixo", é dicir, de mínima presenza pública. De silencio.

Lamentablemente, temémonos que seguerá sen haber debate, nin transparencia, nin participación. Nin democracia. Salvo que se entenda que a democracia se limita a unha votación. De ser o caso, aínda pode darse o grave problema de todas as campañas de "perfil baixo": a elevadísima abstención a que dan lugar. Como no caso da Universidade de Valencia [Francisco Tomás, reelegido rector de la UV con sólo el 7% de participación, Tomás es reelegido rector con un 55% de votos en blanco y nulos], podemos atoparnos, en momentos especialmente delicados para a USC, cun Reitor apoiado por unha ínfima minoría da comunidade universitaria. Non sería bo.