Desfuncionarización: Flexibilización laboral e mercantilización da Universidade

Desfuncionarización: Flexibilización laboral e mercantilización da Universidade

¿É vostede funcionario? Pronto pode deixar de selo. A seguridade no emprego e os dereitos laborais son unha "reliquia do pasado", un "tema para arqueólogos". Para que non haxa "privilexios", todos precarios.

Peg the professor

A reforma da función pública que está a acometer o Ministerio de Administracións Públicas, co ministro Jordi Sevilla á fronte, vai dirixida á empresarialización dos servizos, e implica a progresiva e radical desfuncionarización e unha grave diminución de dereitos laborais, entre os que destaca a perda da seguridade no emprego, entendida como un "privilexio" en tempos de precarización xeralizada. A reforma enmárcase nas políticas neoliberais promovidas polo Banco Mundial. O Informe sobre el Desarrollo Mundial 1997: El Estado en un mundo en transformación do Banco Mundial, foi o primeiro informe que se dedicou integralmente a analizar en forma específica o papel do Estado no proceso de consolidación das reformas económicas. No informe fixéronse as seguintes recomendacións sobre a Reforma do Estado: 

  • O Estado debe ser un facilitador do mercado.
  • Os Estados débiles deben concentrarse no esencial: dereitos de propiedade, estabilidade macroeconómica, control de enfermidades, auga potable, camiños e protección dos máis necesitados.
  • Hai necesidade de construir un mellor sector público a través do melloramento da capacidade central de formulación e coordinación política, do establecemento de sistemas eficientes e eficaces de provisión de servizos a través de medidas orientadas cara o desempeño, meritocracias melloradas, mellor información, fortalecemento dos sistemas de "comunicación", etc.
  • A loita contra a corrupción debe facerse a través de: menores regulacións, maior transparencia e uso do mercado e mellor supervisión.
  • A promoción do persoal debe facerse a través da capacitación-motivación, de políticas de incentivación adecuadas e da formación dun espírito de equipo.
  • O Estado é un provedor monopólico de servizos, e o problema do monopolio é claro e ben coñecido: o monopolio constitúe un incentivo para producir ineficientemente. O Estado, se ben non monopoliza, si é o provedor dominante na producción dos servizos de saúde, educación, vialidade, comunicacións, e é aquí onde se presentan os problemas de ineficiencia.

Para mellorar a eficacia e a eficiencia da administración pública é necesario sustituir o Modelo Xerárquico existente por un modelo de Nova Administración Pública (NAP) (New Public Management).

O Modelo Xerárquico é o que predomina na administración pública da maioría dos países occidentais, e a súa base é a utilización de dúas técnicas para mellorar a relación mandante-mandatario, e polo tanto para fomentar o goberno máis eficiente e honesto en favor do interese público. Estas técnicas son: 1) o establecemento de controles e equilibrios entre os diversos poderes políticos e 2) unha forma xerárquica de organizar a administración pública sobre a base dun control centralizado. Este modelo foi máis ou menos eficaz cando os gobernos eran pequenos. Pero a función do Estado medrou enormemente (alomenos ata a década dos 80) e en 1995, a porción destinada ao gasto público chegou ao 50 %. Este crecemento produxo administracións públicas moi grandes, difíciles de controlar e máis fáciles de ser "capturadas" por intereses especiais. Esto conduxo a ineficiencia e inflexibilidade.

O Modelo da Nova Administración Pública (NAP) é o que o Banco Mundial propón como alternativo e o que está sustituíndo ao modelo xerárquico. A NAP ten as seguintes compoñentes fundamentais: 1) delegación da toma de decisións, xa que así os encargados delas están máis próximos ao problema e teñen obxectivos máis claros; 2) orientación cara ao desempeño, dando énfase aos productos máis que aos procesos; 3) orientación cara ao cliente: o informar e escoitar ao público permite comprender mellor o que queren os cidadáns e responder con productos máis adecuados; 4) orientación ao mercado a través de contratos de xestión e de persoal e da competencia entre os organismos públicos.

Nova Zelanda é o exemplo por excelencia da NAP. As reformas inspiráronse na idea de que os mecanismos do sector público estaban errados e podían ser mellorados, copiando o que había no sector privado. As medidas que se implementaron foron as seguintes: instituir un programa de gran envergadura para empresarializar primeiro e privatizar despois unha gran parte do sector público (servizos públicos, manufactura, actividades de servizos). As reformas estiveron dominadas pola idea do establecemento de relacións de tipo contractual entre o goberno como "comprador" e os organismos gubernamentais como "provedores".

En canto ás condicións de traballo, a NAP está caracterizada polos seguintes elementos: os directores de servizo perden a súa titularidad vitalicia e agora traballan como xerentes, conforme a contratos de desempeño especificados. Os empregados do sector público agora traballan conforme ao dereito laboral privado (e nas mesmas condicións que calquera empresa privada).

Estatuto da Función Pública

Novas relacionadas:

Documentos relacionados: