Xulio Ríos: Contrastes

Xulio Ríos: Contrastes

Nos chamados países ricos temos a lección ben aprendida dende hai anos: o vigor e a consolidación da democracia é proporcional ás posibilidades de afirmación dunha clase media e ao arbitrio de mecanismos de redistribución da renda que eviten a plasmación de grandes desigualdades sociais.

Para ser coherentes, na sociedade-mundo en que vivimos, esa lóxica tamén debería aplicarse no eido internacional, pero resulta que pregoamos a democracia, mesmo procurando a súa imposición por vías moralmente inaceptables, ao tempo que rexeitamos compromisos serios para reducir as desigualdades no mundo.

Jacques Diouf, secretario xeral da FAO, declaraba recentemente en Río de Xaneiro que o número de persoas por baixo do limiar da extrema pobreza crecerá en 100 millóns ata 2015, co que dificilmente se cumprirá a meta do milenio de redución da pobreza á metade, que foi fixada hai dez anos.

A alternativa, segundo Diouf, é investir na agricultura familiar, dado que o 75 por cento dos pobres viven en zonas rurais, e protexer o seu dereito á terra, cada vez máis en cuestión pola crecente presión sobre os recursos naturais en todo o planeta.

Case simultaneamente ás contundentes palabras de Diouf, a revista Forbes publicaba a súa listaxe de milmillonarios. Cada vez son máis, en 2005 un 15% superior á listaxe de 2004, e cada vez son máis ricos. A fortuna estimada dos 793 milmillonarios incluídos na listaxe supera o PIB de Alemaña, a sétima economía do mundo.

Ningún de África (sería arrepiante certamente que houbese algún); maioría de EEUU –o país seica máis empeñado na expansión da democracia polo mundo–, con 371; seguido de Europa, con 196; Asia e o Medio Oriente achegan 56; América Latina, 33. Tocados pola fortuna, Gates, Buffet, Mittal, Arnault, Abramovich, L`Oréal, etc, os nomes da riqueza, non son culpables de ser ricos.

Aínda que o 0,7 das súas fortunas podería dar para arranxar algunha que outra cousa, quizais bastantes cousas, e sen deixaren de ser ricos, non se lles pode responsabilizar das desgrazas do mundo. A solución pasa polas persoas, pero se non queremos ser demagogos, haberá que convir en que a alternativa, de habela, debe ser estrutural. Un sistema que tolera e exacerba tan acusados contrastes será o único mundo posible hoxe, pero está lonxe de representar o mellor dos mundos posibles. E aínda contando con que a democracia política se estenda máis cada día, resulta inaceptable.

Galicia Hoxe, 20/03/06