USC: Intervención do Decano Felipe Trillo Alonso no Acto de celebración do Patrón da Facultade de Ciencias da Educación
Intervención do Decano Felipe Trillo Alonso no Acto de celebración do Día de Frai Martín Sarmiento, Patrón da Facultade de Ciencias da Educación da USC
Excmo. e
Mgfco. Sr. Rector
Moi apreciado conferenciante
Estimados compañeiros profesores desta Facultade, e doutros centros desta
Universidade
Queridos alumnos
Señoras e Señores
Lembro que o pasado ano, ó rematar este acto, un colega achegouse a felicitarme dicindo que todo estivera moi ben, especialmente que eu fora tan breve. Ben, sen ignorar que ese comentario ten moitas lecturas, non é menos certo que daquela apenas consumín cinco minutos. Ó fin e ó cabo, en actos como este, e en contra do que cabería imaxinar, un sabe (quen o sabe) que o Decano no é máis que o "teloneiro". Por iso, sen esquecer que estamos nun acto académico, dalgunha maneira lémbrame a festa do meu pobo: donde resulta inevitable que o alcalde diga algo, pese a que se a xente se reúne alí é sobre todo para oír ós invitados.
Sabendo iso, serei breve, pero debo previrlles que este ano tardarei un pouquiño máis.
Créanme que é moi difícil resistirse á tentación de aproveitar este tempo e este espacio para compartir algo máis que a xestión urxente de todos os días. Levo quince meses como Decano, e no equipo que coordino síntese xa o peso paralizante da burocracia: dos trámites incomprensibles, das comisións eternas, das montañas de papel, de non ter tempo para nada.
Debo recoñecer que salvo ó inicio e nalgún que outro momento excepcional, non tiven oportunidade de voltar sobre o noso Programa e debater cuestións de principio, problemas de orde xeral, dilemas que atañen ó sentido mesmo do noso quefacer como universitarios, e que en definitiva nos sitúan, ou mellor dito, nos obrigan a tomar posición ante a realidade que nos tocou vivir.
Sen dúbida a xestión do urxente non pode ser obviada, pero hai que buscar momentos para ocuparse tamén do importante. Creín que esta era unha boa ocasión, e a iso vou aínda que sexa de maneira resumida:
Quero empezar polo máis amable (como nos tribunais de teses). Así, eu estou seguro de que a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela pode sentirse orgullosa de si mesma. Non só fixemos os deberes e ademais levamos nota, é que acometimos moitas máis tarefas.
Naturalmente, podo dicilo e incluso presumir delo porque non é un mérito propio, senón do colectivo de profesores, estudiantes e PAS da nosa Facultade. Aínda que, ben, creo que tampouco sería inxusto recoñecer que a todo iso o equipo decanal tamén algo axudou: quizás, no mellor dos casos, estamos creando as condicións. Non sei.
De calquera xeito, o certo é que se fixeron e están facendo moitas cousas que demostran, sobre todo, a vitalidade desta Facultade:
- Está o proceso de avaliación da calidade das titulacións, que xa realizamos e agora comezamos a resolver algunhas das necesidades detectadas.
- A coordinación do practicum ¡de sete titulacións! (para o que temos conseguido un novo vicedecanato) ten sido un dos asuntos clave.
- O que demandan as Tecnoloxías da Información e a Comunicación á Universidade é outro dos temas que liderado polo rectorado nós temos apoiado desde o Centro.
- Asimesmo, formamos parte moi activa das dúas redes nacionais financiadas pola ANECA para a converxencia con Europa dos títulos de Educación, onde temos un reto de innovación realmente apaixonante. Aí estamos ademais asumindo o protagonismo que nos corresponde na comisión de coordinación de ambas redes.
- Noutra orde, temos concretado por fin un proxecto ilusionante de novo edificio para esta Facultade.
- E continuamos mostrándonos decididamente belixerantes en reclamar o protagonismo e por ende a responsabilidade que nos corresponde en virtude da nosa competencia, no inmediato Título de Especialización Didáctica para a formación inicial do profesorado de secundaria.
- Ademais está toda a xestión diaria, que se atopa ó día, e especialmente dous temas que dan moito traballo como o das convalidacións (¡máis de cincocentos expedientes!), e o cruce de horarios con PODs e PDAs (¡esa horrible sopa de letras!- Mafalda dixit-).
- A participación dos estudiantes nos programas SICUE e SENECA, a defensa (e digo ben, "defensa") da biblioteca, o coidado das infraestructuras, a dotación de recursos, a creación e actualización da web da Facultade, son outros tantos asuntos que, pese a precariedade (e desde a escrupulosa vixilancia do gasto público), atendéronse con agarimo.
- Por fin, facer que funcione plenamente a coordinación das sete titulacións deste centro, como paso previo a posta en marcha das titorías de primeiro curso, son os novos obxectivos para este ano (se ben, debo recoñecer van algo atrasados).
E neste clima de efervescencia institucional, case trepidante, o traballo intelectual e estrictamente académico non cesou: doce teses doutorais (más catro en cernes), sete novos profesores titulares de universidade, unha habilitación de cátedra, numerosos libros e artigos, e unha longa lista de actividades de proxección universitaria.
En fin, ¿qué conclusión se extrae de todo isto, é dicir, do feito de que esta Facultade funciona (como me consta por certo que o fan outros centros desta Universidade, aínda que a min, aquí e agora, correspóndame só falar do noso)?
Pois polo menos dous: A primeira, de portas adentro, é que se algunha vez tivo sentido aquelo de que había facultades de primeira e de segunda, iso acabouse. Esta Facultade conta; desde fai tempo, e aínda contará máis. En canto á segunda conclusión, de portas afora, é que ante tanto zafio cuestionamento do traballo universitario -polo común procedente de quen non o coñece, ou as veces de xente da que cabería dicir que se pasaron pola universidade a universidade non pasou por eles-, é que: nos podemos ir ca cabeza ben alta.
E conste que fixen este relato con entusiasmo, pero sen triunfalismo de ningunha clase. Eu creo que convén, desde logo, afianzar a nosa autoestima, pero sen enganarnos.
Sendo así, por suposto que temos algúns problemas: o máis importante de todos, na miña opinión, é que mentres non estemos reunidos nun mesmo edificio non seremos realmente unha Facultade. A identidade constrúese mediante o diálogo, e sen encontros cotiás ese diálogo non existe ou, cando menos, non da todos os froitos que do enorme esforzo de comunicación no que estamos empeñados cabería esperar.
Outro problema importante é o da falta de participación nos órganos colexiados e nas múltiples iniciativas institucionais. Facer de todo iso só un dereito e non un deber representa para min unha perversión, por máis xustificacións biográficas que se queiran dar. Participar -e ademais intensamente- só para votar ó Decano e despois desentenderse, non é de recibo.
Nunha orde menor, pero moi relacionado con esto, encontrámonos co feito de que sempre recae na xenerosa entrega dos mesmos o traballo que redunda en beneficio de todos; sen dúbida seu esforzo é moi de agradecer, pero a Universidade reclama o compromiso de todos sen excepción. Non cabe desertar, nin tampouco alentar ó discrepante a que se marche. Moito menos aínda, tolerar que uns poucos impoñan os seus privilexios e intereses.
En fin, quixen cinguirme a determinados aspectos do clima institucional porque os considero moito máis relevantes que calesquera outras necesidades materiais, que tamén temos: de espacios, de recursos tecnolóxicos, etc.
Con todo, nesta augaforte plena de claro escuros, as luces impóñense ás sombras. E nese saldo, tamén é de xustiza recoñecer e agradecer o apoio que para moitas das iniciativas citadas tivemos do Rectorado da Universidade. É público, pero en absoluto notorio, que o equipo decanal, como tal equipo, non se atopa na órbita do rectorado, nin de ningunha outra opción de goberno (salvo a título individual). Pese a iso, a colaboración institucional prevaleceu sempre en beneficio da Universidade "como Misión". A lealdade que fai explícita a nosa crítica mutua, o rigor na análise das discrepancias, e a cordialidade sempre e en todo momento do diálogo, presidiron as nosas relacións "en case" todos os casos.
O Señor Rector saberá desculpar -espero- ese "case", que en honor a verdade non podo omitir. Gustenos ou non, temos, ¿cómo dicilo?, un curtocircuíto (e non somos os únicos), en todo o que concirne ó Terceiro Ciclo e o Postgrao. En calaquera caso, debo engadir que teño confianza no Rector á hora de resolvelo.
Hai outros asuntos pendentes, pero felizmente todos eles enmárcanse nese clima de colaboración que antes destaquei. Permítame Señor Rector que os recorde aquí:
- É unha imprudencia dilatar por máis tempo a postura colexiada desta Universidade respecto ó Título de Especialización Didáctica.
- De igual maneira, non ten sentido impoñer criterios xerais para nada, sen estudiar caso por caso e coa profundidade que sexa necesaria a singularidade de cada centro e cada departamento; non todos son igual de complexos nin gozan das mesmas condicións de partida, polo tanto, os administradores de centro non se poden repartir por razóns xeográficas, nin a supresión de grupos de docencia pódese decretar ó marxe das condicións de espacios e horarios, ou o que é peor, da consideración e respecto ós perfís profesionais.
- Hai que aceptar, alomenos como hipótese, que das necesidades dos diversos servicios saben as Facultades e Escolas, e que poden argumentalo; neste sentido, que a LOU -tan contestada-, sacara ós Decanos do Consello de Goberno da Universidade, non nod xeime de traballar colaborativamente na análise dos problemas e na búsqueda contextualizada de solucións.
En calquera caso, e xa remato, esta dinámica interna de reclamacións mutuas, que é inherente a toda organización, baixo ningún concepto debería servir para debilitarnos fronte ós embates da estulticia mercantilista que nos ofende e lesiona. Ben ó contrario, a dialéctica que mantemos debería servir para esclarecer a nosa postura como Universidade ante a realidade que estamos a vivir. Nesa dirección, non me atrevo a recomendar, pero si a expresar en voz alta o meu desexo de que antes de que o fagan outros debemos ser os primeiros en exercer a autocrítica, en depurar responsabilidades, en separar o grao da palla na defensa do interese público.
A Universidade non merece o trato que recibe da Administración e que amplifica a prensa. É unha vergoña que a USC apareza nos periódicos como se fora unha empresa ó borde da suspensión de pagos por un desfalco ou un supermercado que perde clientes porque non é fiable. E é unha vergoña ademais dunha inxustiza porque simplemnete non é verdade. En cambio, case ninguén faise eco de miles (que se di pronto) de investigacións e publicacións.
En fin, que a Universidade española tivera aceptado esa linguaxe economicista, que empezou co dos sexenios e quinquenios (unha ardide para non subirnos o soldo daquela), arroxounos pola pendente da privatización. Desde entón, cometéronse moitos erros. Sen dúbida, claudicouse ante a LOU e con iso perdeuse boa parte da autonomía que consagra a Constitución. No sei quén nin por qué decidiron asumilo, pero o certo é que non reaccionamos coa dignidade intelectual que debíamos ó insulto da endogamia. Tal vez foron compañeiros que non tiñan a conciencia tranquila. En todo caso, agora proliferan por doquier Axencias de Avaliación (en realidade de acreditación), que ameazan indirecta pero gravemente a liberdade de cátedra: basta dicir que algo non é rendable para que unha líña de investigación ou incluso unha titulación sexa posta en entredito. A Universidade ten aceptado demasiadas cousas; unha corrente hexemónica de pensamento neoliberal ven infectándonos fai tempo. Na universidade española -porque esto non é endémico da Universidade de Santiago de Compostela-, iso ten datas coñecidas. Por entón algúns imaxinaron que saberían xogar a ser empresa: mágoa de non regalarlles un Monopoly. E é que se algo teño claro -moi a contracorrente- é que á Universidade non lle corresponde gañar diñeiro (ou alomenos non como obxectivo prioritario) senón gastalo xuiciosamente facendo algo que ninguén máis pode facer: cultivar todas as pólas do saber (non só as rendables económicamente), e proporcionar unha formación superior "con prezos públicos" (isto do diñeiro non se pode dicir máis claro).
A sociedade, e a clase política que a representa é a quen lle corresponde agora mover ficha e non tanto a nos (que tamén). Nesa dirección, todos debemos saber que a calidade nunca é cara, compensa, pero costa, non resulta gratis. De acordo con isto, sen dúbida a clase política esta lexitimada para distribuír os recursos en función das necesidades sociais debidamente priorizadas, agora ben, se eses recursos non chegan a determinados servicios públicos -como o é a universidade-, non é de recibo que se lles faga a estes exclusivos responsables da súa precariedade ou de seu escaso nivel de éxito. Non citarei as porcentaxes do Producto Interior Bruto que se destinan á Universidade en Galicia comparándoas con España e Europa porque resultan neste sentido simplemente escandalosas, en tanto que nos condenan, non de momento pero si nun futuro próximo, a relegarnos á cola de Europa.
A excelencia ten sido sempre e será o Norte que guía a actividade universitaria -acádese ou non, ese é o Norte-. Xamais renunciamos a esa aspiración, e a maioría non escatimamos esforzos. Outros tamén deben realizar o seu.
Por todo isto, Señor Rector, saiba que a Facultade de Ciencias da Educación traballa e traballará na dirección de facernos acredores do respecto científico e do recoñecemento social; xa conseguímolo respecto a igualdade da muller ante o traballo no eido da educación, algo que conven lembrar tal día como hoxe: un oito de marzo. Esa é a nosa contribución ó desenvolvemento da USC.
En contrapartida correspóndelle neste momento ó Goberno da Universidade -ou polo menos permítame que llo solicite-, evitar a vía do enfrontamento interno en beneficio da busca dun común denominador, que nos faga realmente fortes para superar a situación tan delicada que estamos a vivir. Este momento, esíxenos a todos altura de miras, xenerosidade, apoio solidario: en definitiva, unha nova postura que de verdade nos acolla e represente a todos.
¿Será isto o noso particular "Viaxe a Ítaca", o noso "Eterno Retorno"?
Por se acaso fora así, convén non perder o tempo, e co permiso de Suso de Toro (o noso conferenciante de hoxe), facer como fixeron Antía e Don Antonio Parga: "ver se no anda moi lonxe aínda e a damos pillado".
- blogue de admin1
- 1258 lecturas

