USC: O vicerreitor de 3º Ciclo demite a dous meses dos comicios

USC: O vicerreitor de 3º Ciclo demite a dous meses dos comicios

A primeira baixa no equipo de goberno de Senén Barro materializouse onte, dous meses antes das eleccións ó reitorado da USC.

O reitor aceptou a demisión do ata agora vicerreitor de Terceiro ciclo e Extensión Docente, Marcelino Agís Villaverde, que aludiu a motivos persoais para abandonar.

O certo é que Agís figuraba nas quinielas como un dos ‘ministros’ cos que Barro non contaría no caso de que volva gañar as eleccións do vindeiro 10 de maio. O outro nome de ‘prescindibles’ é Mar Lorenzo, que exerce de vicerreitora de Extensión Cultural. Os dous pertencen a Converxencia Universitaria, a plataforma que desde o comezo apoiou a Barro para sentar na cadeira de Fonseca e que a piques estivo de desligarse cando en decembro do ano pasado Senén asinou un inusitado pacto con outra ‘plataforma’, a nacionalista Universidade Aberta, ‘azouta’ ata daquela do goberno da USC, para concorrer xuntos ós comicios.

Así as cousas, o reitor ten case perfilado o seu suposto equipo de goberno no caso de recuncar, empresa para a que conta co apoio das tres plataformas de docentes mobilizados: Plataforma Universitaria Porgresista, a súa; Converxencia Universitaria, os conservadores; e Universidade Aberta, os nacionalistas.

Os movementos ‘tectónicos’ están á orde do día para acadar un "equilibrado" reparto de escanos.

Así, CU seguiría representada por dous nomes: o catedrático de enfermería José Manuel Mayán Santos, no posto de Elena Vázquez Cendón na Vicerreitoría de Estudantes, e Mª Paz García Rubio, catedrática de Dereito Civil, no canto de José Sordo en Calidade.

UA lograría meter Xoán Carlos Carreira, que asumiría Infraestruturas, que se desliga de Economía. Amais de a Elías Torres, Lourenzo Fernández Prieto e outro nome aínda sen decidir.

E da PUP só repetirían Miguel Vázquez Taín, en Economía, e Carlos Herrero, que coordinará o campus de Lugo. Únese Mª José Alonso, catedrática de Farmacia, para o cargo de Investigación en substitución de García Rodeja.

Galicia Hoxe, 22/03/06