Lourenzo Fernández Prieto: Plano de Financiamento Universitario, un traxe novo pero estreito

Lourenzo Fernández Prieto: Plano de Financiamento Universitario, un traxe novo pero estreito

O Consello Galego de Universidades acaba de aprobar o Plano de Financiamento das Universidades de Galiza 2005-2010 coa abstención do Bloque Nacionalista Galego. Lourenzo Fernández Prieto, membro deste órgano polo Parlamento a proposta do BNG, explica a posición nacionalista.

Este plano, que aportará aos tres campus galegos 299 millóns de € no primeiro ano de vixencia, presenta aspectos positivos, pero insuficientes para preparar ás universidades para asumir os criterios de calidade que esixe a converxencia universitaria europea. A isto hai que sumar a inexistencia dunha Lei de Universidades, que deixa o financiamento dos campus galegos a expensas dos Orzamentos autonómicos e dos vaivéns que poidan sufrir as contas públicas. E, por último, é máis importante: a ausencia dun modelo universitario que esté contido no Plano.

Son estes os tres aspectos esenciais que motivaron a abstención do BNG ante un plano que Fernández Prieto define gráficamente coma “un traxe novo, pero estreito”, cuxas costuras empezarán a romperse no momento en que teña que afrontar o reto máis importante no futuro inmediato: mellorar a calidade do ensino universitario galego para adaptalo ao Espazo Europeo de Educación Superior e Investigación.

Esta adaptación “terá un custe elevado que non queda garantido e que nen siquiera figura neste plano de financiamento”, subliña. “O máis importante dos próximos anos e que as universidades galegas terán que incrementar notabélmente a calidade para adaptarse ao Espazo Europeo de Educación Superior, o que suporá un custe que non se prevé neste plano. E ahí é onde a Universidade galega se xogará o seu futuro”, recalca.

A abstención do BNG no Consello Galego de Universidades susténtase nun segundo argumento. Non existe unha Lei de Universidades, tal como o Bloque Nacionalista reclama desde fai dous anos, “que ofreza garantías parlamentares de cumprimento do plano de financiamento”.

"Non podemos fiarnos dun Goberno e dunha Consellería de Educación que foron os responsábeis de afogar económicamente ás universidades”. O plano actual “é un respiro”, pero a súa cobertura económica só aos Orzamentos autonómicos e, sen unha lei que lle de soporte, nada garante que se vai cumprir, explica Fernández Prieto.

O plano deseñado para o periodo 2005-2010 ten aspectos que o BNG valora, pois recolle algunhas das propostas nacionalistas estabelecendo unha financiación a longo prazo e non finalista, xa que non vincula os recursos a percibir ao número de alumnos matriculados en cada campus. Tamén se valora a aparición, aínda que tímida, dos contratos programa, que vinculan unha parte da financiación á obtención de obxectivos.

ANTECEDENTES

O primeiro plano de financiamento foi aprobado polo Goberno tripartito para o periodo 1990-1995, e posteriormente terminou por ser executado “con tacañería”, critica Fernández Prieto, por unha Consellería de Educación xa en mans do PP. Finalizada a vixencia deste acordo ábrese unha etapa “de puro caciqueo”, favorecida pola decisión da Xunta de Manuel Fraga de rematar cun sistema de financiación plurianual, que tiña aportado certa estabilidade e garantías económicas aos campus. Esta situación foi sustituída polo plano de financiamento 2000-2003, vixente até hoxe tras ser prorrogado e que agora queda substituido polo plano aprobado o pasado 9 de novembro polo Consello Galego de Universidades e que debe ser ratificado pola Xunta.

A UNIVERSIDADE GALEGA EN CIFRAS

Os datos ofrecidos na Conferencia de Rectores das Universidades Españolas, tomando como referencia o curso 2000-2001, indicaban que o gasto contraído polos campus galegos era de 324,8 millóns de €, equivalente ao 0,95 % do PIB de Galiza, porcentaxe superior ao gasto de todas as universidades españolas, que representaban o 0,80% do PIB estatal.

O informe indica que o 7,28% dos universitarios están matriculados nos campus de Santiago, A Coruña, ou Vigo, mentras que só 6 de cada cen € ingresados e 6,5 de cada cen € gastados en todo o Estado corresponden á Universidade galega. En ambos casos porcentaxes inferiores a de alumnos.

Galiza tampouco sae ben parada se tomamos como referencia o financiamento neto por alumno, que nese curso ascendía a 3.541 €, case 20 puntos por debaixo da media estatal de 4.354,3 € netos por universitario. Os recursos dos campus galegos para financiar as necesidades dos seus estudiantes estaban por debaixo da media estatal tanto en recursos proprios como en recursos alleos.

En canto á situación financieira, o citado estudo indica que o saldo orzamentario da Universidades galega, -diferencia entre financiación neta e gastos netos- era negativo en 28 millóns de € en 2000.

BNG, 29/11/04