USC: Comunicado de A Trabe: Sobre vetos, ceses e dimisións

USC: Comunicado de A Trabe: Sobre vetos, ceses e dimisións

(Recibido por correo electrónico)

Ante a dimisión de D. Marcelino Agís como virreitor de Terceiro Ciclo e Posgrao e os acontecementos vividos nas últimas semanas no pacto UA (Universidade Aberta) e PUP (Plataforma Universitaria Progresista), o colectivo A TRABE, maioritario na representación do Persoal de Administración e Servizos, fai as seguintes valoracións:

Xa non cabe dúbida de que, como se insinuou nalgún medio de comunicación, a dimisión de Marcelino Agís foi realmente un cesamento camuflado, entregado como moeda de cambio polo veto a unha candidata a vicerreitora proposta por UA. O dito veto foi do actual reitor e estivo relacionado co feito de que esta persoa, no exercicio da súa liberdade de expresión, hai xa máis de un ano tivo a valentía de posicionarse publicamente a respeito dun conflito no Servizo de Terceiro Ciclo, conflito no que un dos protagonistas principais foi un familiar do Sr. Reitor.

As razóns dese veto non poden atoparse no papel xogado polo propio ex-vicerreitor Agís no  dito conflicto de Terceiro Ciclo, xa que só lle quedaban un par de meses de mandato e non ía formar parte do novo equipo que resultara do pacto (é cuestionable acreditar que as súas inquinas persoais teñan peso político abondo e resultaría totalmente contradictorio co feito de que, diante do primeiro contratempo polémico que provocou o veto, a súa cabeza foi tamén a primeira en rodar, incluso a dous meses de acabar mandato). Dado que non constan razóns doutro tipo, o veto só pode vincularse a un axuste de contas do señor reitor en satisfacción de intereses familiares, e só pode ser considerado como un aviso sobre os límites da liberdade de expresión cando o seu uso afecta a familiares ou amigos do señor reitor.

Non é a primeira vez que o Sr. Senén Barro asume intereses vinculados aos seus familiares (fíxoo ao longo de todo o conflito de Terceiro Ciclo), ou a amigos ou coñecidos noutros casos xa denunciados no seu día (comisións de servizos e nomeamentos de secretarias, por exemplo), poñéndoos por diante dos intereses da Universidade, caendo nun “nepotismo político” de difícil encaixe nunha cultura e prácticas democráticas.

A Trabe nunca gustou das descualificacións globais e, menos aínda, de meter no mesmo saco a todos os implicados nun pacto como o que estamos a falar, e sobre o cal nos posicionaremos cando saibamos como queda configurado finalmente, pero non podemos quedar en silencio diante de acontecementos como o aquí descrito. Este tipo de prácticas retratan o seu autor e cuestionan calquera proxecto de goberno universitario que el encabece.

- A onde vai a Universidade cun reitor que se rexe por estes principios?

- Como vai acreditar a comunidade universitaria nun acordo UA-PUP, que ten como un dos seus eixos principais a rexeneración democrática na Universidade, se se decota a liberdade de expresión mesmo antes de botar a andar o pacto?

- Que confianza vai xerar un reitor que accede ao cargo con estes condicionantes?

- É que en UA ou na PUP, a maioría progresista desta Universidade que nós tamén quereriamos, non teñen outro candidato?

- Pero... que pasa?