USC: Silencio abafante: a mercantilización da política

USC: Silencio abafante: a mercantilización da política
Eleccións na USC

Os estrategas decidiron silencio. Falar o mínimo posible. Pasar desapercibidos. Xa escampará. As eleccións pasan rápido, e logo voltará a calma. Nin o Xornal electrónico da USC deu unha soa nova sobre as candidaturas e os candidatos. Como se non existiran. Como se non tiveran nada que ver coa nosa Universidade. Como se non lle interesaran a ninguén, nin tiveran por que interesarlle. Agardarán a que se abra o período de campaña para botar todos os foguetes xuntos. Unha "campaña a la americana", das que agora se estilan, nas que todo estará medido e cada paso responderá á coreografía en versión pas-à-deux dirixida polo cerebro central: o especialista en marketing. Fronte á "acción comunicativa" democrática que propuxo Habermas, que consiste no establecemento de códigos, reglas e formatos de deliberación pública que permitan argumentar, contextualizar e potencialmente decidir sobre os máis variados temas e asuntos da vida en común, optarán pola política como mercadoría, pola democracia como espectáculo, que virá acompañada de colorín,  jingles, confeti e anuncios publicitarios de 30 segundos de cando en cando. Trátase do baleirado ideolóxico da política, devida en descarnado pragmatismo. Trátase de vender un candidato a uns votantes que somos considerados consumidores, non cidadáns. Trátase dunha democracia sen demócratas. Trátase de deixar facer aos que mandan. Trátase, en fin, da "corrupción do debate político, nai de todas as corrupcións". As cousas non van moi ben cando isto sucede na Universidade, "templo da intelixencia", a dicir de Unamuno.

Silencio