A USC presentou a súa segunda Memoria de Responsabilidade Social

A USC presentou a súa segunda Memoria de Responsabilidade Social
Esta universidade converteuse o pasado ano na primeira que presentaba unha Memoria destas características

A Memoria de Responsabilidade Social da USC correspondente ao ano 2004 foi presentada esta mañá nun acto no que interviron os vicerreitores de Calidade e Planificación Estratéxica, José Sordo, de Estudantes e Relacións Institucionais, Elena Vázquez Cendón, a xerente da USC, Mar Rodríguez, e o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira.

Esta Memoria é a segunda elaborada pola USC, que o pasado ano se converteu na primeira universidade española e das primeiras de Europa que realizaba un documento deste tipo segundo a metodoloxía Global Reporting Initiative, principal referente internacional na elaboración de Memorias de Sostibilidade. Este documento realiza unha análise comparativa que mostra a evolución de certos indicadores en relación aos datos obtidos en 2003.

A través deste documento, a institución docente compostelá pretende render contas á sociedade do uso dos recursos postos á súa disposición para o cumprimento das súas funcións, aclarando o alcance dos seus logros e as expectativas reais do seu desenvolvemento, dando conta en difinitiva da súa responsabilidade social e, como afirmou José Sordo, corroborando que a USC é unha institución “socialmente responsable”. Para o cumprimento deste obxectivo, utilizouse un modelo contrastado e verificable que incorpora unha perspectiva multidimensional, esencial para comprender a contribución da USC ao desenvolvemento económico, social, cultural, ambiental e humano.

Segundo se recolle no documento refórzase o compromiso da USC cun novo modelo de rendición de contas das universidades públicas, idea na que incidiu na súa intervención Manuel Puga quen felicitou a toda a comunidade universitaria por participar neste proceso de transparencia cara á sociedade. Xunto cos avances experimentados pola institución académica compostelá nos eidos social, ambiental e de desenvolvemento económico, a memoria recolle aspectos relacionados coa mellora continua na calidade da oferta docente, servizos e de administración, o impacto crecente da investigación, ou o empeño por liderar unha nova época que virá determinada polas universidades emprendedoras.

Datos contextualizadores

A USC estrúturase en dous campus universitarios, Santiago e Lugo, con 465.172 metros cadrados construidos e un espazo total ocupado en 2004 de 68 hectáreas. No curso 2003-2004 eran 33.191 os estudantes matriculados en titulacións oficiais de 1º e 2º Ciclo e 179 en titulacións propias. A decembro de 2004 a USC contaba con 2.149 PDI e 1.087 PAS. Cunha oferta de 63 titulacións nese ano, a USC tiña 6.680 postos de lectura en bibliotecas, 1.621 ordenadores en aulas de informática e 1.660 prazas ofertas no Servizo de Residencias. O orzamento dese ano ascendeu a 252.970.591 euros.

Docencia e oferta académica

A preocupación pola docencia supuxo un importante esforzo nos últimos anos para adaptala ao novo Espazo Europeo de Educación Superior. A procura da eficiencia e a calidade en todo o proceso académico levou á USC a implantar un Sistema de Xestión da Calidade conforme á norma ISO 9001 na Área de Oferta e Xestión Académica. En 2004, adaptouse a oferta académica ás novas necesidades creando catro novas titulacións oficiais de 1 e 2º Ciclo, dúas delas no Campus de Lugo, co fin de reorientar os recursos dispoñibles na USC.

Desenvolveuse ademais unha serie de xornadas de información e formación do profesorado a través de experiencias piloto de implantación dos créditos ECTS en varias materias de distintas titulacións, incorporándose así mesmo un módulo relacionado co Espazo Europeo no novo programa de formación e innovación docente.

Fomento da investigación en novas tecnoloxías

En relación ao Sistema Universitario de Galicia (SUG), cabe resaltar o peso relativo da USC no ámbito do I+D con máis do 40 por cento dos investigadores con dedicación plena do SUG e entre o 40 e o 50 por cento da solicitudes de patentes deste sistema. Do mesmo xeito, entre 2002 e 2004 a USC aumentou a súa proxección social e económica no referido a actividades de investigación e servizos de innovación, converténdose no primeiro recurso xerador de coñecemento de Galicia e ocupando o sétimo lugar entre as universidades máis activas do sistema universitario español, segundo explicou a xerente da USC, Mar Lorenzo, responsable de detallar na súa intervención os aspectos máis salientables do documento presentado.

Ademais, nese ano profundizouse na internacionalización de Uniemprende a través da creación da rede Uniemprende que permitiu optimizar así os recursos invertidos na oferta de servizos. Así mesmo, continuouse coa creación de empresas spin-off en diversos campos de tal xeito que, baixo o marco do CITT, se xestionan os programas Empresa-Concepto e Uniemprendia.

En canto aos resultados científicos, en 2004 solicitáronse 11 patentes, defendéronse 199 teses, publicáronse 932 capítulos en libros de investigación, 278 libros de investigación, 1.672 artigos en revistas e 2.186 publicacións de investigacións derivadas de congresos. Neste senso, a Memoria subliña que Galicia é a quinta Comunidade Autónoma en número de artigos publicados en revistas internacionais, dos que máis do 60 por cento corresponden á USC.

Un contorno para facilitar a aprendizaxe

O esforzo da USC por crear un ambiente que facilite a formación e a inserción laboral dos seus estudantes reflíctese en múltiples actuacións no campos das TIC, as titorías, a oferta de bibliotecas e os cursos de idiomas. Ademais, incrementáronse os programas de prácticas profesionais para titulados da USC a través de Feuga, os acordos con empresas e colexios profesionais e o programa Europracticum de prácticas en empresas da Unión Europea. Tamén en 2004 experimentouse un aumento no número de acordos con universidades europeas supoñendo un significativo incremento da mobilidade de estudantes que desexaban cursar os seus estudos nestas universidades.

Rendemento da xestión económica

O principal reto ao que tivo que enfrontarse a USC en 2003-2004 foi a súa complicada situación económica derivada da incapacidade do Acordo de Financiamento do SUG de dar resposta ás necesidades desta universidade. Esta situación foi afrontada coa elaboración do Plan de Equilibrio Económico Financeiro para 2004-2006 que debe entenderse como “o maior exercicio de responsabilidade feito pola USC coa sociedade galega á que debemos render contas da nosa eficiencia e compromiso”, segundo se recolle na Memoria.

O desenvolvemento deste plan permitiu reconducir a situación existente ao tempo que fixo viables os orzamentos de 2004 garantindo a execución do Programa de Investimentos previsto para o período 2004-2006 así como o saneamento dos dereitos recoñecidos pendentes de cobro de exercicios anteriores que se prevé non van ser ingresados.

Compromiso co desenvolvemento sostible

A USC puxo en marcha en 2004 o seu Plan de Desenvolvemento Sostible que establece un compromiso coa sociedade asumido pola comunidade universitaria e que debe estar presente en todas as actividades que se desenvolvan na USC. No marco deste plan e nese mesmo ano leváronse a cabo numerosas iniciativas entre as que cabe destacar a convocatoria de 25 bolsas de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria. Por outra banda, a consolidación do Plan de Optimización Enerxética en Santiago e Lugo permitiu acadar salientables resultados en canto a eficiencia enerxética, coa conseguinte racionalización do custe correspondente e unha diminución do impacto ambiental.

Xa no referido á xestión ambiental, en 2004 destaca a experiencia piloto de implantación dun sistema de xestión ambiental no Servizo de Prevención de Riscos Laborais, feito destacable por ser este o encargado da xestión de refugallos perigosos da USC. Por último executáronse accións de divulgación e fomento das enerxías renovables e comezouse a deseñar a Aula de Enerxías Renovables, tentando integrar o respecto ao medio ambiente e a súa sostibilidade na formación das persoas.

Universidade sensible ás necesidades sociais

Pola súa banda, a vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais, Elena Vázquez, referiuse ás accións dos voluntarios universitarios no eido social co apoio e coordinación da Oficina do Voluntariado, e dirixidas a todo tipo de colectivos con necesidades especiais. Ademais, as actuacións neste senso enfocáronse tamén aos ámbitos da infancia e menores, saúde, terceira idade e atención primaria.

USC Xornal electróncio, 19/04/06