A USC, en cabeza

A USC, en cabeza

A Universidade de Santiago (USC) sitúase como a cuarta universidade española en gasto por investigador, detrás das politécnicas de Madrid, Cataluña e Valencia, cun total 5.432 euros captados por investigador para investigación aplicada en 2004, fronte á madrileña, situada en primeiro lugar con 8.549 euros. Ademais, e a quinta universidade en captación de recursos externos en investigación.

Así o destacou onte a xerente da USC, Mar Rodríguez, na presentación da Memoria de Responsabilidade Social correspondente ó 2004, a segunda elaborada pola institución académica compostelá.

A USC converteuse nunha das primeiras de Europa en realizar un documento deste tipo segundo a metodoloxía ‘Global Reporting Initiative’, que fai unha análise comparativa que amosa a evolución de certos indicadores en relación ós datos obtidos en 2003.

A xerente destacou o peso da USC no ámbito da I+D, con máis do 40% dos investigadores con dedicación plena do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e coa captación duns 11 millóns de euros por contratos e servizos para investigación aplicada,

Mar Rodríguez manifestou ademais que representa tamén entre o 40 e 50% das solicitudes de patentes deste sistema. En concreto, a USC achega ó SUG o 20% das patentes que se obteñen.

Galicia é a quinta comunidade en artigos publicados

No que atinxe a publicacións, destacou que Galicia se sitúa como a quinta comunidade en número de artigos publicados en revistas internacionais, e máis do 60% corresponden á USC.

Solicitudes de patentes

Entre 2002 e 2004 –resalta– a USC aumentou a súa proxección social e económica en actividades de investigación e servizos de innovación, "converténdose no primeiro recurso xerador de coñecementos de Galicia e ocupando o sétimo lugar entre as universidades máis activas do sistema universitario español".

En canto ós resultados científicos, en 2004 solicitáronse 11 patentes, defendéronse 199 teses, publicáronse 932 capítulos en libros de investigación, 278 libros de investigación, 1.672 artigos en revistas e 2.186 publicacións de investigación derivadas de congresos.

A memoria do exercicio 2004 pretende estender a metodoloxía de rendemento de contas a outras universidades coa incorporación da Responsabilidade Social. Por iso, o documento centrouse en tres eixes: adaptar a oferta á demanda social; a calidade da docencia, entendida como un proceso de mellora continua; e as actuacións e experiencias piloto relacionadas coa adaptación ó Espazo Europeo de Educación Superior.

Pola súa parte, a vicerreitora de Estudiantes, Elena Vázquez Cendón, comentou o incremento nun 100% da participación dos universitarios galegos en accións solidarias e destacou que, en concreto, os da USC aumentaron nun 60%.

Ademais, precisou que os programas promovidos nesta materia se incrementaron nun 80%.

Prórroga para os 45 ‘Parga Pondal’ galegos e un 15% de suba salarial

A Consellería de Industria e as tres universidades galegas firmaron onte un convenio de colaboración dotado con 3,5 millóns de euros para prorrogar os contratos do Programa Isidro Parga Pondal, concedidos en 2004, e mellorar a retribución dos investigadores para os anos 2006 e 2007. "Esta medida é un primeiro paso encamiñado a frear a precarización das condicións laborais do persoal investigador en Galicia", subliñou a Xunta.

O importe do convenio é de 3.590.630 euros, que se destinarán á prórroga dos 45 contratos Parga Pondal adxudicados por resolución de 6 de xullo de 2004 durante dous anos máis, así como a actualizar para os anos 2006 e 2007 o importe das axudas das convocatorias do programa dos tres últimos anos, cun incremento salarial por investigador do 15%.

A contía máxima individual por ano destas axudas será de 31.000 euros e as 45 prórrogas corresponden á totalidade das axudas vixentes na actualidade: 14 na Universidade de Vigo, 17 na de Santiago, 13 na de Coruña e 1 no CSIC.

Ademais, o programa posibilitará a inserción de investigadores nas tres universidades galegas, nos centros do CSIC en Galicia, nos organismos públicos de investigación (OPI) dependentes da Administración autonómica e central, nos centros tecnolóxicos públicos e privados, e nas empresas.

Emite tanto CO2 como 2.820 voltas á Terra en coche

Outro dos compromisos destacados na memoria de 2004 céntrase no desenvolvemento sostible e medio ambiente. O documento destaca a consolidación do Proxecto de Optimización Enerxética nos dous campus da USC, que permitiu alcanzar "destacados resultados" na racionalización do custo e diminución do impacto ambiental. Rodríguez apuntou que as emisións de CO2 en 2004 da USC alcanzaron as 16.699 toneladas, "que equivalerían a 2.820 voltas en coche á Terra" e lembrou que a USC produce un 33% da enerxía eléctrica que consome.

Galicia Hoxe, 20/04/06