Privatizando a avaliación educativa: o CERTICAP

Privatizando a avaliación educativa: o CERTICAP

O CERTICAP (Certificación de Competencias de Acción Profesional) é un sistema de avaliación e acreditación de competencias desenvolto por Universia S.A., empresa filial do Grupo Santander. O CERTICAP emite certificacións en tres ámbitos, Informática, Idiomas e Competencias Participativas e Persoais, así como en calquera outro que chegue a decidirse conxuntamente por Universia e as universidades.

Os alumnos que desexen obter o CERTICAP en algún dos ámbitos sinalados deberán presentarse a unha proba de avaliación elaborada e convocada por Universia. As universidades teñen que aportar os recursos materiais e humanos necesarios para a realización da proba, e poderán constituir Axencias de Certificación baixo a supervisión de Universia.

Para realizar as probas, os alumnos deberán abonar a Universia os dereitos de inscrición, cos seguintes importes:

  • Ofimática: 50 €
  • Idiomas: 60 €
  • Competencias: 130 €

As universidades percibirán por cada inscrición realizada o 35 %, quedándose Universia co 65 %.

Ata o de agora, quen tiñan recoñecidas as competencias avaliadora e acreditadora eran as universidades. As certificacións por elas emitidas tiñan valor por si mesmas. A penetración do Grupo Santander no mercado educativo lévalle a abrir unha nova liña de negocio en torno a unha función esencialmente educativa, a avaliación, que as universidades lle ceden a cambio dun 35 % da cifra de negocio.

Xa non se trata da "externalización", "terceirización" ou privatización de servizos definidos como "non esenciais" para as universidades, os denominados hard services (residencias, limpeza, cafeterías, fotocopiadoras, etc.), senón de soft services, é dicir, funcións nucleares da actividade educativa das universidades.