USC: Entrevista | Senén Barro Ameneiro: «Este equipo non busca un reparto de poderes, senón unir esforzos»

USC: Entrevista | Senén Barro Ameneiro: «Este equipo non busca un reparto de poderes, senón unir esforzos»
O catedrático de Intelixencia Artificial defende a transparencia que houbo no seu mandato, imprescindible para reconducir a situación económica tal e como se fixo

A candidatura de Senén Barro acadou por primeira vez o apoio das tres plataformas de profesorado, un obxectivo que segundo o aspirante a revalidar o cargo de reitor, «vén despois de máis de dous anos de diálogo intensificado».

-Maioritariamente. Ao principio quizais non, porque ao mellor non fomos capaces de explicar cómo se chegou a esta situación. Levamos máis de dous anos cun diálogo intensificado, con tentativas que fracasaron -como a de hai un ano para incorporar a Universidade Aberta ao consello de dirección- e a de agora, que si fructificou. Agora xa se entende, porque tanto as persoas da candidatura como o documento de compromisos que presentamos están amosando que isto non foi un proceso no que se buscaba o reparto de poderes ou de protagonismo, senón que se entendeu que unha candidatura ten que buscar as grandes apostas e unir en torno a elas os esforzos das persoas individuais.

-¿Cedeuse moito para acadar o consenso?

-Un consenso sempre significa ceder por todas as partes, pero houbo unha aposta en común de todas as partes, un diálogo sen prexuízos máis alá de moitos anos de confrontación. Estamos a falar de máis de dúas décadas de confrontación nos procesos electorais, pero todas as partes cederon en deixar de insistir no diferente en beneficio do común, en renunciar a confrontar en beneficio de colaborar. A cesión que fixemos vaise a ver revalorizada con creces.

-¿Esperan revalidar cunha maioría máis ampla ca do 2002?

-Traballamos para iso, e sería moi importante non só para a candidatura senón para a universidade, porque nos daría unha maior fortaleza tanto para actuar internamente como para a interlocución cos axentes externos, e moi singularmente coa Administración autonómica.

-O outro aspirante insiste na falta de transparencia que houbo nestes anos.

-Unha das cousas que é innegable do actual consello de dirección é o enorme esforzo que fixo precisamente por avanzar nesa transparencia, interna e externa. É impensable reconducir a situación económica como se fixo, levando adiante medidas excepcionais nalgúns casos, e ademais nun clima de progresivo encontro e non de desencontro, senón houbera transparencia e un rendemento detallado do estado de contas. Eu creo que por aí non vai a gañar rédito a outra candidatura.

-No seu mandato fíxose un plan de equilibrio económico, ¿tardará moito en superarse a débeda da USC?

-O máis relevante, que era o noso obxectivo prioritario, era acadar o equilibrio económico financieiro. O fixemos cumprindo exactamente o plan que negociaramos, por tanto no 2006 conséguese a finalidade absolutamente imprescindible de equilibrar ingresos e gastos, despois de cinco lustros onde non foi así. Agora xa é outra cuestión diferente o feito de que a débeda debe ser amortizada, e aí non se trata de ir a carreira, senón ao contrario, trátase de facer unha amortización progresiva para que non se atenúe a capacidade de desenvolvemento que esta universidade ten.

-¿A USC terá novas carreiras no 2010?

-No próximo curso xa terá os primeiros posgrados oficiais. Na implantación dos grados imos lentos, porque aínda non hai ningunha directriz aprobada, pero no 2010 seguro que estarán implantados novos grados.

«Somos a única candidatura que respecta o proxecto de lei de paridade»

-Temos medidas para todos os ámbitos. No persoal docente e investigador xa avanzamos nun proceso de reconversión e estabilización das figuras contractuais administrativas da LRU en figuras laborais de profesorado de LOU, e no persoal de administración e servizos tamén queda moito por facer, como reforzar a estrutura xerencial. Pero tamén me gustaría singularizar medidas como a creación dunha oficina de igualdade de xénero, xa que somos a primeira candidatura na historia da universidade que concorre cunha composición que respecta o que neste momento establece como paridade o anteproxecto de lei de paridade.

-¿Se revalida verá acabado o campus da saúde?

-A totalidade non, pero a maior parte si. O Cimus vai a comezar a súa construción a principios do 2007, e a escola de enfermería, o aulario e odontoloxía van estar rematadas neste próximo mandato. O resto de pezas seguramente estarán iniciadas pero non sei se totalmente rematadas, a maior parte desde logo. Temos que desenvolver unha política de infraestruturas cun calado como tampouco tivo unha universidade que se construíu durante 510 anos.

La Voz de Galicia, 07/05/06