Salvador Soutullo Carolo: Pensamento único

Salvador Soutullo Carolo: Pensamento único

Agora vai celebrarse unha nova edición do Foro Social Mundial, ese espazo de debate e análise de ideas que sirvan para facer máis xusta a vida dos que menos teñen no mundo. Podería ser un slogan do Foro Social a frase de Federico García Lorca cando dicia "Ojalá se dé la vuelta a la tortilla para que se quemen por debajo los que ahora están por arriba".

O Foro Social Mundial nace como unha forma de contrapoñerlle á chamada globalización e ó chamado pensamento único, argumentos e ideas.

Eu sempre pensei que o capital, o sistema capitalista e os seus ideólogos repartidos por diferentes organizacións políticas, económicas e mesmo sindicais están a marearnos para que non nos decatemos de cal é realmente o seu xogo; para que pensemos que as cousas cambian cando o que fan é cambiar as cousas para que sigan a estar exactamente igual. É como o que dá un xiro de 360 graos para quedar no mesmo sitio onde xa estaba; todo cambia para que todo sexa igual ou peor.

Que quere dicir senón iso do pensamento único? Os novos ideólogos do neoliberalismo falan de pensamento único ó mesmo tempo que defenden o sistema democrático como único válido. E se defenden o pensamento único como poden ó mesmo tempo defender a pluralidade partidaria? Para min é precisamente aí onde esta agochado o gato, inventaron o que xa hai tempo que inventaran no Estado español Cánovas e Sagasta con aquilo do bipartidismo. Trátase de disfrazar o sistema de plural e democrático para que logo no que verdadeiramente lle interesa ó capital propio ou internacional sempre siga a ser igual, como máximo con algún matiz que non faga cambiar o substancial do que a eles lles interesa, que non é outra cousa que o manexo dos cartos, de todos os cartos.

De feito no artigo 38 da Constitución española de 1978 dise textualmente: "Recoñécese a liberdade de empresa no marco da economía de mercado. Os poderes publicos garantirán e protexerán o seu exercicio e a defensa da produtividade, de acordo coas esixencias da economía xeral, e no seu caso da planificación."

Queda polo tanto claro nesta constitución que o marco económico ten que ser obrigatoriamente a economía de mercado, polo tanto legalizáronse os partidos comunistas pero négaselles ós partidos comunistas poder levar a cabo o modelo económico que lles é propio a eles. Eu non estou defendendo neste artigo que se aplique o comunismo tal e como se fixera na antiga URSS, simplemente estou a poñer en evidencia as contradicións do sistema.

Pódese defender o pensamento único pero non o partido único. Pasaron a vida criticando os países do antigo Pacto de Varsovia por ter un partido único e agora o que queren é facernos tragar cun pensamento único.

Dentro desta defensa do pensamento único que fan algúns o que se pretende é que tódalas organizacións politicas defendan as mesmas propostas que lle interesan á grande banca e ás grandes multinacionais cuns pequenos matices entre eles que lles sirvan de distinción para votar o pobo.

Ó final tanto ten que votes a un ou o outro porque os dous están, no fundamental, de acordo e farán unha política similar. Por sorte aínda quedan organizacións políticas, sindicais e sociais que non comungan con esa roda de muíño do pensamento único.

Un exemplo práctico disto do pensamento único tivémolo graficamente na famosa foto dos Azores. George W. Bush, Jose María Aznar e Tony Blair xuntos defendendo e exercendo a guerra contra o Iraq; ademais de mentíndolle á opinión pública internacional dicindo que existían armas de destrución masiva onde non existían. Ós tres mandatarios que saían na foto dos Azores o único que realmente lles interesaba do Iraq era o seu petróleo, os cartos, e non as supostas armas de destrución masiva que nunca foron atopadas.

Que facía un laborista, un socialdemócrata, na foto con estes dous representantes da extrema dereita internacional como son o actual presidente dos USA mais José María Aznar?

Na Gran Bretaña as diferenzas entre os dous partidos maioritarios son mínimas, máxime cando se trata de política internacional ou de defender algúns intereses economicos. Nos USA pasa o mesmo. Conseguirán estes ideólogos neo-liberais impoñer o seu pensamento único en todo o mundo? Esperemos que non.

Primeiro foi o colonialismo, logo deuse o paso a unha fase superior co imperialismo, e agora quérese dar otro paso coa globalización e o pensamento único. A esquerda internacional hai anos que inventamos o internacionalismo proletario para axudarmos uns ós outros no mundo, non para aliarse catro para ter entre eles o poder económico do planeta.

Galicia Hoxe, 07/05/06