Xosé Manuel Beiras: Atenas: ágora do Forum Social Europeu

Xosé Manuel Beiras: Atenas: ágora do Forum Social Europeu

O nome é Sintagma. Mais non aludo á lingüística de Saussure –libreme o demo de semellante intrusismo. Enuncio o nome da praza ateniense que sinala sintagmáticamente o epicentro da cidade, cabo do pazo do Parlamento, perto do templo do Zeus olímpico, ao pé da Acrópolis como quen di, e a pouco máis ca un tiro de pedra –cunha boa zondra– das agras largacías da ágora antiga e o rochedo do areópago. Imaxinade a fascinación de acharvos nunha praza cun nome así. Imaxinade a emoción de camiñáredes por unha cidade salferida de nomes asi en cada recanto da sua xeografía.

Si, Atenas. Volveu á vida a antiga ágora helena, dous mil cincocentos anos despois do nacemento da democracia ateniense. Recobrou a voz. Máis ben: volveuse poboar de voces que articulan o logos. Só que desta vez non son os cidadáns da Ática os únicos protagonistas. Éo unha moitedume multiétnica e plurilingüe de xentes do común das máis diversas procedencias. Maiormente europeus, mais non só, inda con gravitar en Europa esta edición continental do Forum Social de movementos en loita fronte á globalización ultraliberal.

Si, tamén. Digo que tamén, si, segue a haber vida política fóra do chouso das institucións políticas. Afortunadamente. Se cadra incluso é máis certo que nunca que a vida política está a frolecer precisamente fóra dos recintos convencionalmente atribuídos para faceren política os políticos de profisión. Refírome, enténdese, á política como forma de vida social, como relacións humanas con "poder de construir o mundo" –reitero a cita. Alí estaban estes días pasados, en Atenas, milleiros de cidadáns do mundo conscientes, activos e exercentes como tais, no enorme turreiro de Helinikon, beiramar abaixo do Pireo cara o sul. Tres densas xornadas de debates, seminarios e obradoiros. Cada día, tres roldas consecutivas de sesións, entre as dez da mañán e as nove da noite: ás sete é alí o solpor. Logo, festa –para os máis resistentes. Na tarde do sábado, camiñata de case dez kilómetros en manifestación peripatética: dende a praza Omonia até o Parlamento, en percorrido elíptico todo arredor do lexendario e escarpado outeiro do Licabeto, que cinxe o corazón da cidade na banda oposta ao farallón da Acrópolis.

Moito andei estes días, e non só na "manifa". Moito andamos, o Xabier e máis eu: as cidades compre tripalas, camiñar no meio da xente, escoitala falar, descifrar os rótulos das tendas e das ruas. No céntrico bairro popular entremedias do noso hotel e Sintagma, a sucesión de rótulos das estreitas ruas e calexas compoñen a santa compaña de espectros da Grecia clásica. Están aí, nas moradías da xente humilde, e non nas grandes avenidas, os nomes que dende a nosa infancia prestan figuración humán á cultura helénica, filósofos, dramaturgos, poetas, historiadores, científicos, tribunos, guerreiros, escultores, arquiteitos. O fulcro está en Monastirakis, á beira da ágora antiga, enxamio de xente nunha labiríntica abellariza de tendas, boticas, tabernas, cafés, telderetes e mercados na rua. Relémbranos o Portugal do Alentejo, a Italia do mezzogiorno –mais tamén Bahía, e Recife, tan distantes e porén tan perto. O tranvía que sal de Sintagma lévanos até Helinikon: tes cartos de hora de viaxe. Deslízase coma un verme xigante, sen bambear, cun zunido metálico en sordina, reptando por ruas axardinadas até chegar á beiramar. Logo acelera, bordeando as praias dese mar azul turquesa. No recinto do Forum trocamos euros por billetes impresos para as transaccións internas en comida e bebidas: o Forum bate moeda propria!. Repartímonos as sesións e debates que escolmamos no programa Xabier e máis eu. Somos só nós os dous, por xunto, a presencia galega activa no Forum. O segundo día abordaráme unha rapaza viguesa que se apuntara voluntaria como intérprete de galego: calculara que iría unha nutrida embaixada galega, como en anos anteriores, mais non achara aínda a quen traducir. Os tempos mudaran: non había presencia colectiva do benegá.

Mais axiña ligamos cos compañeiros portugueses do Bloco de esquerdas. Iles sí, alí estaban, en grupo: duas ducias de mozas e mozos a máis de cadros veteráns, como Renato Soeiro e Joao Semedo. Co Renato participo nun debate sobre a esquerda actual en Europa. Il é membro da mesa, eu só falo no coloquio. Logo conversamos con Callinicos. Aínda non tivera eu ocasión de coñecelo en persoa. Editáramoslle en Laiovento o seu espléndido Against Postmodernism, e máis a entrevista que lle fixeran Marcos Mariño e Araceli Varela, incluída no volume Á man esquerda. Simpático e cordial, faime o galano de dicirme que estar traducido ao galego é un dos seus meirandes motivos de orgullo. Agradézolle a mintireira cortesía. Cos portugueses faremos o sábado a camiñata da manifestación, ao pé das suas pancartas e bandeiras. Penso: menos mal que nos queda Portugal. E relembro, cun chisco de nostalxia, hai tres anos, en Portoalegre, con Camilo, o Chema e os demais, a efusiva simpatía que suscitaban as nosas bandeiras do Bloque e pancartas de Nunca Máis. Os tempos mudaron certamente: co nacionalismo no goberno, xa non está o forno bloqueiro para trapalladas de romería altermundialista. Para qué acudir, se ao cabo o planeta móvese arredor de nós –do noso embigo, quérese dicir. Onde o mundo se chama Sancaetano.

Pensamento e acción progresan combinados. Non, non perdeu folgos o proceso. Ano a ano, paso a paso, vaise transitando da negación do existente, perverso, á afirmación do porvir, necesario –e necesariamente emancipador. Vanse elaborando alternativas á orde imposta polo poder imperial. Vaise vertebrando en vectores converxentes a diversidade de análises e diagnoses criadas por ese enorme e multiforme suxeito histórico plural que é, hoxe, a humanidade rebelde ás novas formas de escravitude. Todos teñen dereito á palabra, e exerceno. Ningunha opinión é desprezada, sí controvertida. O logos está vivo: todos falan, e todos escoitan. A multiplicidade idiomática non enxendra confusión de linguas: non é unha babélia, é un diálogo plurilingüe antre leituras culturalmente múltiples dunha problemática común dende comúns arelas emancipadoras. Un exercizo activo de fraternidade igualitaria que a ninguén esixe a renuncia á sua identidade social ou nacional, ideolóxica ou cultural, de xénero ou de clase. Trátase de artellar, non de amalgamar. Internacionalizar, non uniformizar. Na constelación temática programada neste Forum percíbense focos de gravitación. En dous planos. O primeiro: os máis graves azoutes que padece a humanidade desherdada, os "damnés de la Terre" de Fanon na periféria do sistema. O segundo: decántase a tradución en clave de alternativa política das diagnoses converxentes, inanque non homoxéneas, sobre dous procesos continentais en plena ebullición: o europeu e o latinoamericán.

No primeiro plano, os centros gravitatorios están a ser andacios como a expoliación de recursos, a débeda externa, a privatización e contaminación da auga, a corrupción das administracións, o enfeudamento dos poderes estatais aos organismos da orde imperial, a agresión bélica –en ameaza ou consumada– aos gobernos rebeldes por lealdade aos seus povos. Non precisades que volo esprique nen cabe eiquí un relatorio dos debates presenciados. Só dous apuntes indicativos. Un, a intensa presencia dos conflitos do Oriente Meio –alí tan próximo e viciño. Outro, o salto adiante en dimensión e enerxía do movemento que cataliza o Comité pola Anulación da Débeda do Terceiro Mundo (CADTM). O seu inspirador e primordial artífice, o belga Eric Toussaint, expuña diáfanamente este paradoxo: mentras as oligarquías da periferia finanzan a débeda externa do imperio USA, os organismos imperiais fan préstamos máis caros cos mesmos fondos aos empobrecidos Estados periféricos. Negocio redondo. Quén debe a quén?.

No segundo, o apaixoante proceso latinoamericán de arestora, nas suas luces e sombras, debátese nesta ágora europea coa voz dos seus proprios protagonistas en contrapunto coas de acó. Sen intermediarios. A Bolivia dos indíxenas e a Venezuela bolivarián, son os luceiros xémeos da nova constelación. No decurso da sesión chega a nova infame: o propósito dos disolbentes insolbentes –non é erro ortográfico– de volveren roubar aos quechuas e aimaras a enerxía que o coraxe de Evo lles devolvera. Daquela, por qué non ENDESA para os teutóns? Ai, Europa!.

Pero, mesmamente, Europa non é a UE: ficou claro nos debates a prol dunha alternativa ao modelo antisocial rexeitado en plebiscito por franceses e holandeses. Un amplo leque de formacións europeas, dende a esquerda radical ás demócratas progresistas, achegaron posicións sobre postulados básicos: construírmos a Europa dos cidadáns e dos povos, dos dereitos sociais e laborais irrenunciábeis, das irrenunciabeis identidades culturais e lingüísticas de cada un. Un proceso constituínte de abaixo arriba: "construirmos Europa devolvendollela aos cidadáns, abrirlles aos povos de Europa o vieiro para faceren irrupción no cenário europeu".

Despois do logos, a preparación da acción. O domingo, ao remate das xornadas, asamblea de orgaizacións para programaren movilizacións vindeiras. Xabier e máis eu, orfos de orgaización de noso, gaveamos ao alto da Acrópolis para saudar á compañía dos espritos antergos atenienses. Conmovido eu, enviso e estremecido, nun recanto do Partenón, albisquei o espectro de Fidias, que se achegaba a min, discreto e cordial, un chisco hesitante. Perguntoume por Silverio. Admira moito a sua obra. Deume lembranzas para il. Téñollo que dicir.

Galicia Hoxe, 14/05/06