Alfredo Iglesias Diéguez: O Tribunal dos pobos acusa

Alfredo Iglesias Diéguez: O Tribunal dos pobos acusa

Mentres se celebraba o IV Cumio Europa América Latina e o Caribe en Viena, baixo o lema "Reforzo da asociación estratéxica birrexional" e coa cuestión da promoción da cohesión social, a integración rexional e as relacións multinacionais na axenda, 30 empresas transnacionais de orixe europea eran acusadas polo Tribunal Permanente dos Pobos (TPP) de violar os dereitos humanos e dos traballadores na América Latina e no Caribe, así como de non ser respectuosas nin co medio natural nin cos pobos indíxenas.

Efectivamente, entre os días 10 e 12 de maio, o TPP (www.filb.it) escoitou os casos relativos ao impacto que sobre os recursos naturais, os dereitos laborais, a diversidade agrícola e os servizos públicos (prestando especial atención á provisión de auga, saneamento e electricidade), provocan 30 empresas transnacionais europeas, entre as que se atopan Suez, Benetton, Unilever, Bayer, Repsol, ENCE, Unión Fenosa, Telefónica, BBVA, British Petroleum, ING, British Tobacco..., e, logo de estudar os correspondentes expedientes (dispoñibles en www.tni.org), nos que se atoparon abondas evidencias relativas a abusos en relación cos dereitos humanos, sociais, culturais e laborais dos pobos, emitiu un veredicto de malas prácticas en materia de auga, terra, soberanía alimentaria, dereitos laborais, dereito á terra dos pobos indíxenas, destrución ecolóxica e dereitos civís.

Así pois, o TPP identificou as seguintes ameazas sobre o futuro dos pobos: ameazas ao dereito ao acceso aos servizos básicos esenciais, fundamentalmente auga e electricidade; ameazas ao dereito á terra, provocadas pola expansión das plantacións de monocultivos para a exportación (soia e madeira, fundamentalmente); ameazas ao dereito á soberanía e á seguridade alimentaria, causada pola privatización da biodiversidade; ameazas aos dereitos laborais, procedentes da flexibilización do mercado laboral; ameazas aos dereitos dos pobos indíxenas, provocadas pola invasión e explotación dos seus territorios sen ter en conta as comunidades afectadas; ameazas aos dereitos ambientais, derivadas das actuacións agresivas sobre ecosistemas fráxiles que están a provocar graves e profundos impactos a escala local e, en última instancia, global; ameazas aos dereitos políticos e civís, motivadas pola total impunidade coa que actúan as corporacións transnacionais grazas á complicidade dos gobernos locais, mesmo contra a oposición popular. Ameazas que, combinadas co comportamento errático dos mercados financeiros, constitúen un ataque aos dereitos sociais e económicos dos pobos, polo que cómpre modificar as actuacións dos transnacionais, dos gobernos nacionais e da Unión europea, que nas súas negociacións cos países latinoamericanos perseguen a liberalización dos mercados internos, do comercio e das finanzas, así como garantir o apoio dos gobernos locais ás transnacionais, como acaba de facer no cumio celebrado esta mesma semana en Viena.

É obvio, ninguén o dubida, que o TPP carece da autoridade xurídica precisa para facer efectivas as súas sentenzas; porén, debido á gravidade das ameazas, cómpre desenvolver un instrumento legal internacional que tivese a potestade para facer as corporacións transnacionais responsables das súas malas prácticas. Non obstante, en tanto que todo parece indicar que se están a establecer as bases dun proceso de integración dos pobos das Américas baseado na solidariedade entre os pobos e no respecto da dignidade dos traballadores e dos indíxenas e debido a que cada día son máis as alternativas construídas fronte ao paradigma económico e social dominante, o que polo de agora era un estimulante exercicio académico, pode tornarse nunha convocatoria formal para xulgar as actividades e responsabilidades das corporacións transnacionais no mundo, o que constituiría unha excelente noticia para a humanidade.

Galicia Hoxe, 16/05/06