Lourenzo Fernández Prieto: Galego na escola

Lourenzo Fernández Prieto: Galego na escola

MUDOU o Goberno e algo vai mudar no idioma. Non é sen tempo. Cando a Consellería de Educación propuxo hai semanas o establecemento de cursos monolingües en galego para o vindeiro curso reparei en que por fin un Goberno galego -pensado para ocuparse das nosas especificidades- atendía os meus dereitos, preteridos e conculcados durante anos. Apreciei na conselleira unha sensibilidade que cría esquecida. Certo que xa había grupos enteiros só en galego, pero ningún pai podía escoller que os seus fillos fosen educados neste idioma. Tan certo como que o sistema público non me permitiu en ningún caso educar as miñas fillas en galego. O meu fillo terá máis sorte.

Mais despois do alegrón inicial empecei a velo de xeito máis melancólico: despois de 25 anos de autonomía, de 22 anos de Lei de Normalización, de acordos sucesivos e de milleiros de declaracións retóricas gobernamentais, por fin, e «de modo experimental», nalgúns centros que reúnan certos requisitos poderase lograr que algúns pais poidan educar aos seus fillos en galego na Galiza. Onde o 98% entenden o galego e onde é idioma común e habitual para máis do 50% (deixémolo así por iso de que as estatísticas son enganosas) dos seus habitantes. ¿Que pouco, non?, ¿canto tempo perdido?, ¿que inxusto?, ¿que desigual?

Aínda estamos así, a 150 anos do celebrado Rexurdimento, case 100 anos despois da fundación das Irmandades da Fala, a 70 do primeiro Estatuto de Autonomía. Moito avance non é, tendo en conta que aínda viven as primeiras nenas israelís educadas integramente en hebreo por uns pais sionistas empeñados a comezos do século XX en converter ese idioma sen uso escolar daquela no idioma do futuro Estado de Israel (¡o que hoxe é!). Un idioma morto reavivado por vontade ideolóxica primeiro e política despois, fronte a un idioma vivísimo e popular que segue agoniando. E van ¿cantos séculos? ¡Sómosche ben resistentes, oh!

Non escribín aquel artigo e agora foi Quintana quen anunciou as galescolas. Parabéns. Miguel agradecerao: terá garantía de aprender galego dende a escola infantil. Espero. Outra xiringa de optimismo. Xa non é un asunto experimental. Xa non se trata das escolas do rural onde se emprega maioritariamente o galego, senón dunha rede pública completa na que se garante ademais unha alta calidade. Será por iso que aparecen os temores de Núñez Feijoo e de Pilar Rojo en forma de ataques desmesurados que poñen en evidencia ese seu protestado galeguismo. ¿Ou que só lles serve para andar na procura do voto dos pailáns e dos marulos pero non para educar aos nenos? ¿Onde estaban eles cando eu quixen educar as miñas fillas en galego? Tómoo como cousa persoal. Xaora. ¡E logo non o vou tomar! Esta lingua que elixín non foi a miña lingua, sendo a de toda a miña familia por xeracións, só porque meus pais, sen mudar de país, pasaron da aldea á urbe. Moi normal non é. Non quero que os meus fillos teñan que elixila: quero ter o dereito de darlla. Por liberdade de elección.

La Voz de Galicia, 17/05/06