USC: O pacto arredor de Barro reduce a oposición no claustro da USC

USC: O pacto arredor de Barro reduce a oposición no claustro da USC
Os de Casares, os alumnos e o persoal de administración nacionalista serán os máis belixerantes

O claustro da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que se formará tras as eleccións do pasado 10 de maio será máis favorable para o reelixido reitor Senén Barro que o dos últimos catro anos. O pacto entre as tres plataformas de profesorado para apoialo na súa candidatura ten, obviamente, moito que ver, aínda que tamén haberá espazo para novas caras nas bancadas dos críticos. Será a través dos apoios de Juan Casares Long, o seu rival nos pasados comicios, que por primeira vez na súa carreira será membro do que se pode considerar o parlamento da USC.

Barro parte cos apoios do seu grupo, a Plataforma Universitaria Progresista (PUP, de tendencia socialista), os seus habituais socios de Converxencia Universitaria (CU, que aglutina diversas tendencias) e Universidade Aberta (UA, na órbita nacionalista), o colectivo que en 2002 apoiou ao seu rival, Xosé Manuel Sabucedo, e que historicamente ten sido opositor da PUP.

Unha vez integrado o seu contrincante no seu equipo de goberno, a oposición vese de entrada moi debilitada, xa que só os profesores funcionarios doutores son máis da metade do claustro. Pero ao mesmo tempo empeza a artellarse outra nova arredor de Casares, aínda que ao peche desta edición non daban por cuantificados os seus apoios reais.

Estas non serán as únicas voces que non están dispostas a poñerllo doado a Barro. Entre o estudantado, o segundo sector con maior representantes no claustro (72), os Comités Abertos de Facultade (CAF), a primeira forza, con 25 representantes, a posición é clara.

Aos alumnos nacionalistas non lles agrada a política do reitor e tampouco parece que vaian cambiar de opinión a pesar da entrada no goberno do profesorado da súa ideoloxía. De feito, nas eleccións a San Xerome pediron o voto nulo. Foi a favor da mascota da TVG Xabarín, quen, por certo, gañou aos aspirantes oficiais en centros como Ciencias da Comunicación.

O mesmo acontece co persoal de administración e servizos (PAS). O colectivo nacionalista A Trabe, o primeiro neste sector, con 16 dos 24 posibles representantes, tamén se desmarcou de UA, pedindo o voto en branco. Está por ver qué postura dos Cupas. Nas últimas sesións do claustro non dubidou en presionar a Barro, aínda que o compromiso deste dun novo esforzo cos PAS podería mudar a súa postura.

O resto dos grupos maioritarios semellan estar más da banda do máximo representante da USC. Mazarelos, que aglutina os docentes contratados, tampouco pediu o voto para ninguén, pero o certo é que este colectivo apoiou maioritariamente a Barro, así que é de agardar que os seus case 25 claustrais (dos 34 postos que podería ter cuberto) non sexan especialmente belixerantes co reelixido reitor.

Enxeñería votará de novo

O día 10 tamén se escolleron os departamentos e as xuntas de centro. Neste último proceso, haberá que repetir a votación en Enxeñería Técnica Superior, debido a un erro nas papeletas.

O FUTURO

As plataformas redefínense

¿Ten sentido que sigan a existir as tres plataformas de profesorado se prospera a súa alianza no goberno de Barro? Segundo o coordinador da PUP, Jaime Barreiro, o futuro pasa por unha redefinición.

"Desde logo a dinámica non vai ser a mesma que ata agora. As plataformas poden seguir, pero creo que se prospera o acordo, é indispensable unha renovación, na que se difuminen máis os seus perfís", di Barreiro que, iso si, coida que por agora a alternativa a estas organizacións como forma de participación é a improvisación .

El Correo Gallego, 17/05/06