USC: Un curso orienta aos universitarios en diversas cuestións relacionadas co emprendemento
USC: Un curso orienta aos universitarios en diversas cuestións relacionadas co emprendemento
A Universidade de Santiago, dentro do seu programa de creación de empresas Uniemprende, organiza o Curso para Emprendedores Universitarios, cunha carga lectiva de 30 horas. Con este curso a institución docente compostelá pretende contribuir á difusión da cultura emprendedora na comunidade universitaria para facilitar a detección temperá de universitarios e proxectos con potencial emprendedor.
Esta iniciativa vense sumar ás xa postas en marcha pola USC de cara a ofrecer instrumentos de apoio aos emprendedores universitarios, sendo unha das institucións de ensino superior máis activas neste eido.
As sesións do curso están abertas a estudantes de últimos cursos, recén licenciados, estudantes de Terceiro Ciclo, membros de equipos de investigación e departamentos universitarios e estudantes de pogramas de posgrao. A asistencia ás sesións poderá ser recoñecida por un crédito de libre configuración.
O curso desenvolverase no Auditorio Universitario do día 29 de marzo ao 2 de abril, en horario de 9:00 a 14:00 horas, cun custe de 30 euros no que se inclúe o material e a documentación do curso.
Contidos do curso
No programa temático previsto para este curso ofreceráselles aos asistentes información sobre o programa Uniemprende así como sobre os apoios que a administración pública ou BIC Galicia ofrece aos emprendedores. O estudo de mercado, con especial atención ao financiamento, os erros máis frecuentes na creación de empresas, as pecualiaridades de emprender en carreiras de Ciencias e de Humanidades, ou as experiencias de emprendedores universitarios, serán algunhas das cuestións temáticas que se abordarán nas distintas sesións previstas.
Para acadar máis información sobre este curso, as persoas interesadas poden consultar na páxina web: http://www.uninova.org/CursoEmprendedores/index.htm.
USC Xornal electrónico, 18/03/04
- blogue de admin1
- 1395 lecturas

