Ramonet: "Agora sufro censura, con Franco non"

Ramonet: "Agora sufro censura, con Franco non"
O director de "Le Monde Diplomatique" recolle para o seu xornal o Premio José Couso ante a ollada da familia do cámara asasinado

Os xornalistas galegos decidiron non esquecer nunca esta data: Hai tres anos o cámara ferrolán José Couso falecía en plena guerra de Iraq, baixo lume do Exército norteaméricano. Paralelamente ós sucesos no hotel Palestina, medios de comunicación internacionais cubrían ou valoraban a evolución deste conflito bélico. E entre eles encontrábase Le Monde Diplomatique, testemuña imprescindible de crise como a de Oriente Medio ou Vietnam.

Pola súa independencia informativa durante o seu medio século de vida, o xurado formado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol concedeulle onte o II Premio José Couso de Liberdade de Prensa a esta publicación francesa.

O seu director Ignacio Ramonet recollíao ante o auditorio do teatro Jofre, emocionado por tres motivos: recibir a testemuña do falecido Couso, ser galego e sufrir actualmente a censura dun medio de comunicación. Ante a ollada da familia do cámara, presente nos actos, Ramonet indicou que "a honra reside sobre todo no nome do premio, Couso foi un mártir da liberdade de expresión, un xornalista asasinado polos que mentían á súa sociedade sobre as razóns dunha guerra".

Neste sentido, Ramonet mantén o ideario de esquerdas do seu periódico: "Estados Unidos e os seus aliados mentíronnos, realmente o réxime de Sadam Husein non estaba implicado nos atentados do 11-S nin posuía armas de destrución masiva".

Curiosamente, a censura non lle chegou durante o franquismo cando traballaba en Triunfo senón en plena estabilidade democrática: "Censuróuseme como autor dunha columna en La Voz de Galicia, Ramón Chao e eu fomos sancionados sen explicación nun atentado contra a pluralidade, a liberdade de prensa".

"A verdade ten que imporse ó interese"

O xornalista nado en Redondela (Pontevedra) pero establecido en París asegurou que manter a liberdade non é doado pero advertiu de que hai formas que axudan. É o caso da estrutura de Le Monde Diplomatique participada por lectores e redactores, onde non permiten que a publicidade supere o 5% do periódico para "evitar ceder á chantaxe".

Antes da intervención do homenaxeado, o alcalde accidental, Juan Fernández (IF), cualificou a "liberdade de prensa de ben imprescindible" e apostou porque "a verdade se impoña ós intereses máis vergonzantes".

Fernández agradeceulle a Ramonet "a súa liberdade insubornable" e lembroulle a Couso, de cuxo pai foi compañeiro na Escola Naval. Xan Morales, presidente do Club de Prensa de Ferrol, aludiu á cidade como "capital internacional da liberdade de prensa".

Galicia Hoxe, 27/05/06