Xosé Lorenzo Puime: Os nenos e o mundo do traballo en occidente e no terceiro mundo

Imaxe de xlp

Xosé Lorenzo Puime: Os nenos e o mundo do traballo en occidente e no terceiro mundo

No terceiro mundo cada día nacen máis nenos, no mundo occidental cada vez son menos. As causas deste comportamento demográfico diferente obedecen a razóns económicas e culturais.

Durante moitos séculos tamén no mundo occidental a natalidade e a mortalidade foi moi alta. As familias trataban de ter varios fillos e non era por causa do amor que sentían cara aos nenos, senón tal como explica Yves Lacoste no seu libro "Geografía del subdesarrollo", por razóns económicas e culturais. Os pais e nais consideraban que ter fillos supoñía contar cunha achega máis ao sustento da casa, ben a través do traballo no campo, o coidado do gando ou aportando o salario acadado traballando fora do fogar. No século XIX as rúas e industrias de cidades como Manchester ou Londres estaban cheas de nenos traballando para levar o seu salario a casa. En España non fai falta ir tan lonxe: a natalidade non cae ata ben entrados os anos 70 e as familias numerosas eran algo moi común. Os nosos avós empezaron a traballar de pequenos, coidando dos animais, axudando na sementeira e recolección das colleitas ou no regadío dos cultivos. Moitos dos nosos avós apenas foron á escola e prácticamente ningún á universidade : tiñan que traballar para levar un pouco de pan a casa.

Ao longo do Século XX cambiou a concepción occidental sobre a infancia e o traballo infantil. Pero isto non ocorreu por obra de Deus ou do "azar". A erradicación do traballo infantil xunto ao desenvolvemento dunha educación e sanidade públicas para todo o mundo foron produto das loitas do movemento obreiro. Á burguesía non lle importaba explotar nas súas fábricas a miles de nenos que traballaban a cambio dun salario mísero, nin lle importan agora os miles de nenos que traballan nas súas empresas do terceiro mundo. Aos seus pais obreiros sí que lle importaba ver aos seus fillos morrer por mor de accidentes ou enfermidades laborais, mentres que os fillos dos patróns xogaban felices nos xardíns das súas casas e posteriormente ían estudar á universidade para converterse así, no día de mañá, nos novos xerentes das fábricas e novos dirixentes da sociedade.

No mundo occidental, o movemento obreiro conseguiu coas súas loitas estender todo tipo de conquistas sociais, que os gobernos burgueses ou a propia burguesía nunca concederon sen oposición: a historia do Primeiro de Maio como día internacional da clase obreira ou o 8 de marzo como día da Muller Traballadora , mostran a represión e sacrificios que sufriu a clase traballadora á hora de reivindicar a xornada laboral de oito horas ou o dereito das mulleres a traballar en igualdade de condicións e non ser despedidas durante o embarazo [cousas que seguen ocorrendo aínda hoxe en día nalgunhas empresas].

Unha vez conquerida toda unha serie de dereitos sociais[continuamente recortados e cuestionados pola burguesía sen excesiva resistencia dos dirixentes sindicais maioritarios tal como observamos no recente acordo de reforma laboral] os traballadores non estamos dispostos a ter varios fillos sen poder garantir económicamente o seu desenvolvemento en condicións dignas, e é obvio que con salarios tan precarios como os que temos a maioría dos mozos, xa non só é complicado ocuparse dun fillo,senón que tamén o é facer fronte á carestía da vivenda ou outros bens necesarios.

Hoxe os nenos non son unha axuda no sustento da casa. A esclavitude infantil está prácticamente erradicada en occidente, aínda que seguen existindo algúns casos lamentables. O movemento obreiro acadou escolas públicas para a súa educación [cada vez máis depauperadas en beneficio dos colexios privados] onde os nenos permanecen como mínimo ata os 16 anos, ou centros de atención médica. No terceiro mundo, con todo, este proceso non se desenvolveu. A natalidad é enorme.En países como Etiopía hai unha media de 7 fillos por muller, fronte a 1,3 en España. Os fillos son vistos como unha axuda no sustento da casa e un seguro de atención na vellez. A burguesía destes países e as multinacionais pechan os ollos e benefícianse como auténticos vampiros destas circunstancias. Os nenos apenas teñen escolas e ningunha oportunidade para estudar na universidade.

Apartir dos anos 40 do século pasado, os países subdesenvolvidos viviron un crecemento da poboación brutal. Este crecemento vén motivado por un descenso da mortalidade debido ao aumento de vacinas, para frear as posibilidades de contaxio do primeiro mundo. Con todo este crecemento non foi acompañado dun desenvolvemento económico da industria e da poboación, polo que as familias seguen tratando de loitar pola subsistencia, coa axuda do traballo infantil . Todo iso coa colaboración de todas as confesións relixiosas, especialmente dos dirixentes islámicos, que consideran que o fin da muller é "traer fillos ao mundo, tantos como Deus queira". En todo caso hai que denunciar que aínda que a mortalidade xeral se reduciu bastante, a mortalidad infantil segue sendo bestial, con taxas do 140 por mil [fronte ao 9 por mil dos países desenvolvidos] ou o que é o mesmo que cada segundo morra un neno. A falta de alimento, os traballos e vida en condicións insalubres e a falta dunha atención sanitaria digna son as causas fundamentais.

En todas as conferencias mundiais sobre poboación desde as potencias capitalistas plantexase políticas anti-natalistas máis rigorosas no tercer mundo e unha maior difusión dos anticonceptivos. Con todo o mellor anticonceptivo para calquera sociedade é o desenvolvemento social: mellorando drásticamente as condicións de vida, prohibindo o traballo infantil e xeneralizando a educación e sanidade públicas. Con todo, isto non será posible mentres a man de obra barata e as materias primas dos países subdesenvolvidos sexan unha fonte fundamental de beneficios para unha minoría capitalista da sociedade. É dicir, non será posible ata que a maioría da sociedade, os traballadores de todo o mundo, acabemos co sistema que xera estas desigualdades: o sistema capitalista.