Xosé Manuel Beiras: A esquerda imaxinaria

Xosé Manuel Beiras: A esquerda imaxinaria

Leo a Zizek, e teño a impresión de ter lido xa moito do que di. "Literatura sobre literatura, como calquera obra de calquera tempo e de calquera língua" -escribira hai xa vinte anos o Ferrín en defensa d" Os Eoas de Pondal. Relémbranolo Manolo Ferreiro, na escelsa edición crítica do enorme poema épico póstumo pondalián que ven de levar o premio Lousada Diéguez de ensaio. MacFerrin -chamábao así sempre o inesquecíbel Alexandre Cribeiro, "compañero del alma"- recibíu simultáneamente o de poesía, polo seu Contra Maquieiro, nova "crónica de nós" finisecular, desta vez en roupaxe de metáfora épica transida de ardente lirismo, "de pólvora e cristais liberados" -como se comprometera a escreber hai decenios.

Leo a Zizek, dixen. Filosofía sobre filosofía, só que resultante de matinacións sobre o acontecer da nosa contemporaneidade. Un feixe de ensaios curtos agrupados nun libriño e enfiados cunha doble óptica, de esquerda e europea, en clave irónica -por veces sarcástica. Tireino hoxe dun saco de papel que leva dous meses pousado ao pé da miña mesa de traballo, cunha morea de libros que mercara en Montpellier e que vou lendo aos poucos, pillando con liña un a un como as fanecas nas pedras de Guixar na miña adolescencia, ao ritmo dos meus azos nas noites brancas da Mahía.

Mais, índomos ao caso, veleiquí o sarillo desas matinacións: cál é o ámago da herdanza europea que merez ser preservado? Transcribo para vós o enunciado do dilema no que desemboca a sua percura de resposta a esa interrogación. "Se a defensa da herdanza europea se limita á defensa da tradición democrática de solidariedade e dereitos humáns arestora ameazada, a batalla está perdida por adiantado. Se compre defendermos a herdanza europea, daquela Europa debe reinventarse: no acto mesmo de defensa, debemos reinventar o que temos que defender. Cómprenos volver pór en custión, despiedadamente, inclusive esas vacas sagradas que son a democracia e os dereitos humáns." Aí remata o discurso, o decorrer ideatorio de Zizek. Así de abruptamente. Condúcenos á beira dunha cachafunda, detense, cóllenos da man e sinálanos o abismo. Non nos indica cómo salvármolo. Dános a escoller entre precipitármonos nil ou refacermos cara atrás o camiño andado para pórmos en custión o vieiro que escolléramos en cada encrucillada. E, para meirande desamparo noso, advírtenos: "Infortunadamente, a chamada á defensa de Europa lanzada polos filósofos non se aplica a esa tarefa urxente." O que equival a termos que facer outravolta o itinerario dos sete círculos infernais sen guieiro virxilián -sen outro guieiro ca nós mesmos: "voume soio, sin arrimo", cantara Rosalía.

Con todo, se cadra, o proceder máis habitual dos poderes políticos imperantes nesta "Europa nostra" de hoxendía afórranos boa parte dese percorrido indagatorio a contrafío, e máis do suplicio dubitativo na reconsideración das encrucilladas polas que históricamente xa transitaramos. Ou acaso non son eses poderes os que están a adiantárense a nós a póren en custión, de facto, "esas vacas sagradas que son a democracia e os dereitos humáns"? Non están iles a botar pola borda, un tras outro, os máis prezados cofres de valores da "herdanza europea" estivados nas adegas do pailebote "Europa Unida"? Qué outra cousa fan, se non, poderes e contrapoderes, gobernos e oposicións, segundo sexan os casos e ocasións, en Gran Bretaña ou Franza, en Polonia ou Alemaña, Italia ou Reino de España? Úlos, os valores da democracia, cando se decretan estados de excepción encubertos ou fragmentários para os insumisos habitantes de arrabaldos fartos da marxinación, cando se suspenden de facto garantías constitucionais co pretexto da ameaza terrorista, cando se ampara o lock-out contra os traballadores co disfraz da "deslocalización" de empresas? Úlos, os dereitos humáns, cándo se deixa que afoguen no "mare noustrum" inmigrantes que fuxen da miseria causada por Europa na outra beira, cando se prende e empaqueta de volta aos que logran arribar, cando se criminaliza -vitriólico Acebes fixoo- aos que conseguen pasar esas duas peneiras? Úlos, "droits de l"homme et du citoyen", ou sexa, dereitos e democracia por xunto, cando se desmantelan servizos sociais, se privatiza ensino e sanidade, ou sexa, cando bens sociais como saúde, cultura, educación se convirten en mercadurías tal que fosen cenouras, alfaias ou mesas de billar? E cántas mortes de inocentes custa cada ano este proceder deses poderes, tan europeus iles, tan democráticos iles, tan celosos -e armados- gardiáns iles dos dereitos humáns nos "Estados malandros" dos arrabaldos do Imperio?

Se cadra. Sí, se cadra non é o cerne da herdanza europea o que temos que descubrir desbastando o sámago. Se cadra non é a améndoa máis celmosa dos valores modelados pola historia social dos nosos povos o que temos que preservar. Se cadra non son as vacas sagradas da democracia e os dereitos do home o que nos compre volver pórmos en custión -senón a sua conversión en idolos de barro polos poderes económicos, políticos e mediáticos que sistemáticamente os transgreden na Europa contemporán, a sua metamorfose en fetiches totémicos petrificados carentes de sentido e valor moral para eses poderes, e brandidos por íles como alienantes tabús disuasorios contra o común das xentes, contra a consciencia cidadá.

Hai cousa de seis anos, dous honestos xornalistas cultos, franceses iles, publicaran unha fascinante diagnose clínica do estado de saúde ideolóxico-política da sociedade europea. Titularana "A esquerda imaxinaria e o novo capitalismo". A leitura de Zizek que fixen hoxe relembroume esa obra de artesanía inteleitual e inducíume a revisala. Volvo transcribir para vós, desta vez a xeito dun "collage":

"A sociedade europea de hoxe abandónase, deixa que lle dicten a sua conducta, valéirase progresivamente do seu contido. O discurso iguálase, o pensamento múrchase. Non é o final da Historia, é o final da política. O imovilismo prevalece, a sociedade semella tetanizada. A consigna dos gobernos, conservadores ou reformadores: xestionar. A consigna dos indivíduos, solventes ou non: mirar. Se a esquerda e a dereita se confunden, para qué comprometerse, para qué tomar parte no teatro de sombras chinesas da democracia?

"Instálase un modelo de sociedade que varre ao seu paso aquilo que constituía o fundamento democrático dos nosos vellos países: o control cidadán das decisións públicas. Triste fin de século para a esquerda: xa non é apenas outra cousa ca unha esquerda imaxinaria."

Esta prognose pesimista do destino da "herdanza europea" debera darnos que pensar. Máis aínda no horizonte celtibérico de aquén Pirineus, onde só se moviliza a caverna. Porque se non hai quen lle pare os pés, con afouteza e reciedume, na instancia política, daquela quén llos vai parar, se non somos todos nós, a xente do común? Os dereitos, a paz, as liberdades, nunca gratis foron dados. Nen, unha vez conquistados, nunca foron de gratis conservados. Máis aínda: históricamente só a esquerda gañou e conquistou a vixencia efectiva deses valores. E non pra ela, senón para o común dos cidadáns. E nunca a esquerda política só, nunca cando menos por sí soa: compríulle o pulo ascendente da esquerda social. Se a política -institucionalmente entendida- frouxea, é a esquerda social quen ten que tomar a iniciativa. É o común, a maioría social do común, que só pode alentar con democracia igualitaria, é il o suxeto histórico chamado a abalar, como a maré viva de nunca máis, e confinar á caverna no avesío inframundo do seu tobo. É ise o xeito de "reinventarmos o que temos que defender" para resolvermos, na praxe, o dilema formulado por Zizek.

Galicia Hoxe, 18/06/06