Xosé Manuel Beiras: A traizón do aznarismo

Xosé Manuel Beiras: A traizón do aznarismo

Non é da miña colleita. Non o dixen eu. Dío Xosé Luis Barreiro, por escrito, nun seu libro, o último até agora publicado. O que, sí, dixen eu varias veces dende hai un lustro, é que a dereita aznarista era o partido ianqui en Madrid. Segue a ser tal, só que dende fóra do goberno e en permanente campaña de obstrución aos propósitos civilizadores do actual. Dixen ben fóra do goberno -e por fortuna para o común, engado agora. Non dixen fóra do poder. Porque poder segue a télo, o aznarismo, e moito: as probas dese poder e dos seus destragadores efectos están ben á vista. Poder político emisario, ou sexa, non autóctono, senón seudópodo da ultradereita integrista e belicista empoleirada nos pináculos da metrópole imperial. Poder económico, nos segmentos da plutocracia celtibera máis enfeudados co capital ianqui e as arañeiras da globalización financeira ultramariña. Poder institucional, nos sectores máis reaccionarios da maxistratura, ou sexa, do "independente" poder xudicial, que arbitra á contra e imita aos xuíces ingleses na Irlanda de antano. Poder propagandístico sectario, en grupos mediáticos que manipulan a información ao xeito da "agit-prop", outrora peculiar das estremas da esquerda, e esgrimen a moca das antigas mallas na eira como argumento de razón. Enfin, poder ideolóxico estupefaciente, na máis involucionista xerarquía eclesial católica que, a diferencia da igrexa alemá, aínda non confesou nen fixo contrición pública polo trinta e seis, e xa leva camiño de declarar a segunda cruzada en setenta anos contra infieis indíxenas rojo-separatistas. Así anda a corte -co valor semántico que prefirades darlle.

Mais o que suscita este requilorio meu, se cadra por forza esperpéntico, é a leitura da solprendente obra de Barreiro Rivas, o percorrido da sua diáfana matinación sobre o proceso de estratexia belicista norteamericana que conducíu á "guerra de Irak" -esa delirante reprodución material en carne humán e tempo real dunha onírica viaxe ao país de irás e non voltarás, que xa coidabamos existir só no imaxinario dos máis tétricos contos infantís de tempos idos. Matinación, para min, conmovedora, reconfortante e reconciliante. Conmoveume anímicamente, porque nela se amostra unha persoalidade humán que, autodefiníndose sempre como conservadora, acada unha cosmovisión que está nas antípodas de calquer prisma definíbel como conservador -e a min conmóvenme sempre as evolucións biográficas que, a contrafío do usual, no canto de amoleceren, vanse radicalizando coa idade, é dicir, gañando liberdade mental e anímica pra iren á raíz dos fenómenos humáns máis problemáticos. Reconfortoume moralmente, porque nefeito constitue un reconfortante exercizo de honestidade e coraxe moral e inteleitual, un valente combate contra o andacio do pensamento correcto e único, e unha esforzada defensa dos valores da "herdanza europea" que avaliaba eu eiquí mesmo, hai oito días, no ronsel de Zizek: o patrimonio de cultura política democrática e dereito internacional de xentes forxado no ciclo europeu da modernidade, co albor no Renacemento, o cénit na Ilustración e a proxección orbital no pensamento e a praxe social revolucionarios no último século e meio da nosa diversa historia común. Enfin, reconcilioume inteleitualmente coa intelixencia. Coa intelixencia criativa, debo dicir, farto como ando de aturar, dentro e arredor de nós, os destragos de tanta intelixencia destrutiva como resulta haber e estar en acción no meu país e en toda a redonda.

Esperpéntica situación escénica ésta, na que un conservador elabora un alegato de contidos ideatorios e axiolóxicos progresistas que a actual esquerda política indíxena non fai. Unha rotunda denuncia das falacias basilares da "nova" orde mundial que a esquerda presente nas "nosas" institucións políticas non ousa formular, e que as esquerdas europeas instaladas no poder renuncian a converter en política de Estado. Mais o feito é que, lendo a Barreiro, pensaría estar un a reler con outros lentes a Gopal Balakrishnam (Estados de guerra), Patrick Cockburn (O abismo de Irak), Perry Anderson (Armas e dereitos) ou Tony Wood (En defensa de Chechenia), poñamos por caso. E ónde?: pois nada menos que na New Left Review.

Resulta patente hoxe que a deriva belicista desatada pola banda Bush era unha estratexia premeditada e posta a punto antes do 11-S do 2001. O obxetivo estratéxico era redeseñar e afortalar a función xeopolítica do Oriente Meio a prol da hexemonía ianqui: contra a Europa da UE, a reactivada Rusia de Putin e a emerxente hexemonía asiática de China. O "providencial" ataque ás Torres Xémeas servíu de pretexto para botar a andar esa estratexia. Mais o "estilo Bush" de manexar o imperio requería levala adiante sen rédeas políticas, con absoluta impunidade e revestido de carisma mesiánico. Para o primeiro compría dinamitar a ONU e suplantar á OTAN. O segundo esixía abolir o dereito internacional, sustraer á xurisdición penal internacional calquer delito -mesmo crime de guerra ou contra a humanidade- cometido por dirixentes ou militares norteamericáns en calquer punto do planeta. Tocantes ao terceiro, a "instrumentación ideolóxica do terrorismo", co fantasmal Ben Laden como carátula, permitiulle a Bush transmutar o fundamentalismo islámico en "eixo do mal" e travestirse il en anxo exterminador. O conceito de guerra desnaturalizouse: a guerra declárase e faise contra un Estado ou grupo deles coaligados, e o terrorismo non é tal, senón unha trama criminal como a dos gansters de Chicago nos anos trinta ou a rede do narcotráfico actual. Como di Barreiro, contra o terrorismo compre unha "coalición xudicial e policial internacional", non unha (seudo) "coalición militar internacional" -porque é un problema de criminoloxía e dereito penal, non de conflicto bélico entre institucións políticas soberáns de diferentes pobos. Mais só a guerra lle servía á banda Bush para o seu real obxetivo: destruir os estados de Afganistán, primeiro, e Irak, despois, para controlar os recursos enerxéticos e a posición xeoestratéxica do Meio Oriente. Non erradicar o terrorismo -ben sabían iles que, pola contra, se recrudeceria, "como as metástases dun cancro": Bali, Casablanca, Madrid, Londres... Irak enteiro dende a ocupación ianqui até hoxe.

Con todo, había dous atrancos máis complexos: a cultura cívica europea e a crecente coesión económica e política da UE sobre o eixo franco-alemán. Contra a primeira lanzáronse os "think tanks" blindados de pensamento único, pilotados polas axencias ianqui-sionistas que controlan a información mundial, e servidos pola grea de "yuppies, comunicadores, estrategos e asesores de diversa caste que fan as suas análises (...) con absoluto desprezo dos principios da moral universal". Contra a UE, ofreceuse a ser cabalo de Troia o Trío das Azores: Blair e Aznar prestáronse a "unha auténtica traizón contra o proceso de construción de Europa."

Os que hoxe, en celtiberia, berran que se "rompe España", son os que se ofreceron a "romper Europa" pra poñérena, escachizada, aos pés de Bush. Os alarmistas "patriotas constitucionais" son os que, dende o poder, alienaron a soberanía política da "única nación" española para póren o Reino de España nas mans de Bush como torpedo contra a UE. Os cruzados antiterroristas que sabotean a percura democrática dunha solución política negociada para a paz en Euskadi, son os cómplices sectarios da conversión da guerra, por Bush, nunha forma de violencia "excedente" sen límite, regras nen control -ou sexa, da destrución da legalidade internacional construída sobre os alicerces do "dereito de xentes" botados polos españois Vitoria e Suárez hai catrocentos anos. Mais o aznarismo non ten corazón nen memoria -por iso tampouco ten futuro.

Galicia Hoxe, 25/06/06