Xosé Lorenzo Puime : A canción de Esteban. En recordo dun compañeiro de traballo tóxicomano

Imaxe de xlp

Xosé Lorenzo Puime: A canción de Esteban. En recordo dun compañeiro de traballo tóxicomano

Fóramos a dar un paseo pola praia e á volta Esteban acendeu o ordenador e baixou de internet unha canción. O tema era Special K de Placebo. Era a súa canción.

Esteban tiña 40 anos e era heroinómano. Empezou a pincharse aos 18 e tras varias recuperacións e recaídas morreu o ano pasado. Escoitando Special K, acórdome de moitos momentos con él. Sobre todo dos días que estivo comigo á fronte do Departamento de Lecturas da nosa empresa, planificando as tarefas, coa mesa chea de papeis e a calculadora na man, para conquerir as cargas de traballo máis xustas para todos, aínda que iso significase estar moitas veces ata as dúas da madrugada estudando variables e cadrando números.

Esteban era de esquerdas, como eu, nacera nun barrio obreiro de Barcelona e consideraba que o PSOE se esquecera moitas veces das súas siglas, pero tiña a esperanza de que con Zapatero isto ía cambiar. Aínda cos problemas que lle ocasionaba a drogodependencia foi un bo compañeiro e un forte apoio en todas as decisións que tomamos á marxe dos nosos superiores para beneficiar ao conxunto da plantilla . El igual que eu, non tiña ningunha dúbida, se había que elixir entre a empresa ou os nosos compañeiros, quedábase cos nosos compañeiros.

Fai un tempo escoitei a Carmen Avendaño (unha das nais que máis loitou en Galicia contra a droga) que os mozos da xeración dos oitenta, aínda que estivesen doentes e roubasen para comprar droga, tiñan unha idea de compañeirismo e complicidade moi diferente á que hai hoxe en día. E con Esteban isto tamén foi certo. Estivo en contacto comigo ata os seus últimos días. Vivín con el momentos de mono tanto na miña casa como na súa, pero nunca tratou de facerme dano para conseguir diñeiro.

O que tardei en entender é como Esteban, logo de varios anos sen chutarse recaeu na droga. Esteban era unha persoa culta, que lía moito e estudara Traballo Social na Universitat Rovira i Virgili, aprobara con Matrícula a asignatura de drogodepencias, e fixera prácticas con toxicómanos no cárcere de Tarragona. Co tempo comprendino: Esteban estaba enfermo. Tiña un problema e este sistema deulle as costas, porque aínda a día de hoxe non se inviste o suficiente nin na rehabilitación de drogodependentes nin en eliminar as causas sociais que producen desalento e desvelo en cada vez máis mozos, nin en proporcionarnos un lecer gratuito e de calidade moito máis creativo e útil que o alcohol e as drogas. Aínda recordo cando me dicía:  Xose, eu quero loitar, pero só non o consigo e na unidade de drogodependencias déronme cita para dentro dun mes?. Con todo, Esteban non era un desgraciado, mais este sistema si que o é.

Non quero volver nunca a estrelarme, non hai indecisión, non hai atraso, ti encéndeste como special k e volvo pedir droga, estou sobre areas movedizas... (Fragmento de Special K de Placebo, traducido ao galego).

E é verdade, estamos sobre areas movedizas, non pode haber indecisión, nin atraso. Hoxe máis que nunca necesitamos loitar polo socialismo, para acabar coas frustracións provocadas por este sistema e para dar unha resposta gratuita e de calidade tanto no lecer como con axuda psicolóxica a todos os que a precisan.

[* A imaxe foi extraída da páxina web do plan nacional sobre drogas: http://www.pnsd.msc.es]