Miguel Anxo Fernán Vello: Nenos mortos na guerra

Miguel Anxo Fernán Vello: Nenos mortos na guerra

Acaba de facer público a ONU o seguinte dato: 2 millóns de nenos morreron nos últimos dez anos vítimas de conflitos bélicos. Que cadaquén, diante da barbarie, garde os minutos de silencio correspondentes. Non hai moitos días varios xornais publicaban a imaxe do cadáver pulverizado dunha nena libanesa de moi poucos anos, convertida pola linguaxe do poder nun "dano colateral" producido, velaí, por unha "arma intelixente". ¿Cantos nenos engrosan arestora a lista de mortos en Gaza e no Líbano, produto da "resposta civilizada" de Israel á detención de dous soldados do seu exército? ¿Será que os nenos na actual Sociedade do Coñecemento, fabricante de guerras, pasan a ser, cando son masacrados, simples "efectos colaterais"? Actualmente existen arredor de 40 conflitos armados no mundo e os nenos continúan a ser as principais vítimas do terror. Prestemos atención a estes datos: calcúlase en 12 millóns o número de nenos que viven hoxe en campos de refuxiados, sobre 300.000 mil están enrolados nas guerras e 1 millón son orfos ou malviven separados das súas familias. O intelectual xudeu Gideon Levy, editorialista do xornal Haaretz, non ten reparos en afirmar, referíndose á actual guerra que sofre o Líbano, que o exército de Israel se comporta como un auténtico "matón de barrio", e os nenos, tan fráxiles e inocentes, por outra banda, acaban sendo vítimas ben doadas. As guerras modernas, tan bárbaras como as do pasado, ou máis, contemplan sen reparo, directamente, o infanticidio. E isto lévanos a pensar que o progreso moral e a conciencia ética da humanidade son un conto de fadas. Non se avanza. Noutras épocas as principais vítimas da guerra eran os propios soldados e hoxe en día son os civís e, entre estes, os nenos. Pobre humanidade esta –Estados, institucións, exércitos, responsábeis políticos e económicos– que permite a morte incesante dos nenos. Algo falla, algo moi grave está a acontecer na sociedade actual, dominada por forzas violentas e destrutivas que nos fan retroceder séculos na historia.

Galicia Hoxe, 28/07/06

Outras novas relacionadas: