Xosé Lorenzo Puime : Máis elitismo e menos democracia. Análise da evolución das residencias da USC

Imaxe de xlp

Xosé Lorenzo Puime : Máis elitismo e menos democracia. Análise da evolución das residencias da Universidade de Santiago de Compostela nos últimos anos.

 puime1

As residencias da Universidade de Santiago de Compostela(USC) todavía conservan en parte o carácter social acadado tralas mobilizacións estudiantís dos anos 70 e 80 por unhas prazas de aloxamento baratas. Unhas prazas que posibilitaron que moitos fillos de traballadores poideramos estudar na universidade superando a carestía dos colexios maiores, das residencias privadas e dos pisos de aluguer.

Aínda así, o Reitorado dende 1994 ven aplicando progresivamente unha política cada vez máis elitista no Servizo Universitario de Residencias (SUR), reducindo prazas, abrindo os cuartos aos estudantes de renda alta, recortando as subvencións e as bolsas de colaboración… etc.

O número de prazas do SUR

puime2

Dende o curso 2002-2003 o número de prazas do SUR vén reducíndose de forma constante. O Reitorado aproveita a caída do número de estudantes matrículados para xustificar e enmascarar os seus recortes. O que non dí o Reitorado e que nos últimos catro cursos (dende o 2003-2004) recortou un 24% de prazas no SUR, fronte a unha caída do número de estudantes da USC do 15, 34 % . Asemade resulta ilóxico pensar que 1353 prazas de residencia poden ser suficientes nunha universidade con 30.000 alumnos.

puime3

O peche do Monte do Gozo

No ano 2004, o Reitorado decidíu pechar a residencia "Monte do Gozo", recortando 300 prazas do SUR. Unha vez máis, xustificouse o peche deste centro, co pretexto de que non se chegaban a cubrir tódalas prazas. Porem isto non é exactamente así. Sempre houbo lista de agarda para entrar na residencia, mais como o proceso non remataba ata principios de curso, moitos estudantes a esas alturas xa tiñan buscado unha alternativa para comezar o curso contando cun lugar onde vivir. Asemade a nefasta política do Vicerreitorado de Estudantes, da dirección da residencia e da empresa concesionaria das instalacións, conducíu a un empeoramento da situación deste centro, tanto nas condicións laborais das persoas subcontratadas, como nos servizos ofrecidos, particularmente no servizo de autobuses, que no 2003 foi recortado drásticamente, aumentando o aillamento entre a residencia e a cidade e espantando do Monte do Gozo aos estudantes recén chegados. Aínda así no momento do peche, vivían neste centro 195 estudantes, a maioría fillos de traballadores que protestaron varias veces fronte as decisións arbitrarias do Reitorado.

Máis elitismo

puime4

O primeiro Reitor que procurou destinar unha porcentaxe de prazas de residencia para os estudantes con renda máis alta e un bo expediente académico foi Darío Villanueva, que mudou os criterios de acceso, para facilitarlles a estes unha praza no SUR en detrimento de rapaces cun expediente e rendas máis modestas. A filosofía dos criterios anteriores era que as residencias accedían preferentemente os estudantes con menos recursos aínda que tivesen un simple aprobado. Aqueles que contaran con máis posibilidades económicas, aínda que tiveran unhas boas notas, debían buscarse a vida si non quedaban prazas. Con Blanca Roig como Vicerreitora de Estudantes avanzouse un escalón máis neste sentido, suprimindo na convocatoria de prazas do SUR para o curso 2001-2002 a exclusión que impedía acceder a unha praza ós estudiantes de rendas persoais superiores a 2.617.000 ptas.( artigo 6.5 das convocatorias de prazas anteriores).

Senén Barro continuou a liña seguida por Darío Villanueva cargando sobre o SUR boa parte do peso da crise económica que sufríu a USC no inicio do seu mandato. Así, os prezos do SUR aumentaron entre o curso 2003-2004 e o 2004-2005 un 20% e a subvención das prazas se reducíu de 709.194 euros a 550.000 euros na actualidade. Asemade por primeira vez en moitos anos alugáronse cuartos das residencias sen subvención.

Ás veces o Reitorado trata de agochar todas estas medidas, escudándose en que hai cinco niveis nos prezos de aloxamento e que os niveis máis baixos pagan moi pouco. O que oculta o Reitorado e que os beneficiados destas cotas son só unha pequena parte, xa que os baremos económicos son moi estreitos, o que leva a un rapaz dunha familia de dous membros cunha renda para as dúas persoas duns 10.000 ou 12.000 euros anuais a que teña que pagar a cota E (155 euros en cuarto compartido).

puime5

Menos democracia no SUR

Todo este proceso de recortes sociais veu acompañado de recortes no funcionamento democrático das residencias. Antes de 1998 os Consellos de Goberno, formados por residentes tiñan competencias de goberno compartidas coa dirección da residencia e a Asemblea de Residentes. A partir de 1998 os Consellos de Residentes só teñen funcións consultivas e as Asembleas de Residentes xa non existen. Unha consecuencia máis destes cambios foi a desaparición do Consello do Sistema de Residencias Integrado, que si ben só era deliberativo, si cumpría un papel de debate entre os representantes dos residentes e o Reitorado.

puime6

Asemade o Reitorado promoveu unha e outra vez como subdirectores, ou mesmo directores das residencias (con asignación económica e cuarto gratis) ós representantes estudiantís que lle brindaban apoio a súa política. Os exemplos sobran : No Monte do Gozo, Fernando Torres (ex-presidente de AUGE) era o Director e Jorge Fernández (claustral de Ficus) Subdirector; no Burgo, Isabel Mociño (presidenta de UITC), foi Directora e José Ramón Parada e Eduardo Costas (de Ficus), Subdirectores; en Fonseca Angel Otero Blanco (de UITC) foi Subdirector; no C.M. San Clemente, Susana Vázquez (de Ficus) foi Subdirectora ou no C.M. Rodríguez Cadarso, Eulalia Agrelo (de UITC) foi Directora.

puime7

A USC non é unha empresa

Con todo, o Reitorado pensa, do mesmo xeito que o PP, que a nosa universidade debe ser xestionada como unha empresa; xestionala así supón esquecer os dereitos sociais da maioría e subordinalos ós interes duns poucos. Mais si queremos unha universidade realmente democrática e sensible co mundo que nos rodea, nen a investigación, nen a distribución dos orzamentos das facultades, nen as residencias públicas se deben xestionar así.

Para rematar, dicimos unha vez máis que é certo que a USC oferta nas suas residencias o maior número de prazas das universidades do estado e algunhas das cotas de aluguer máis baixas. Máis esta é unha situación produto das loitas estudiantís dos anos 70 e 80. Pola contra, o periodo actual se caracteriza polo recorte de prazas e subvencións e polo aumento de estudiantes con renda alta nas residencias. Xa que logo seguimos pensando que os estudiantes con máis cartos poden acudir sen nengún obstáculo a oferta privada. Seguimos pensando tamén, que a mobilización volve a ser o camiño para reivindicar os fondos públicos necesarios para financiar a educación pública e recuperar así o carácter máis social do SUR... e seguimos chamando ao profesorado progresista da USC a constituir unha alternativa realmente de esquerdas a este Reitorado.

[Xosé Lorenzo Puime foi claustral da USC polo Sindicato de Estudantes e conselleiro do SUR polo grupo ARCO]

Bibliografía e documentación:

- Arce, Alberto. A democratización do SRI. En Moita Leria, revista de MEU filoloxía, nº 2.

- Bergantiños, Paula. Habitacións para os listos. Prima o baremos académico sobre o económico para acceder a unha residencia.En A Nosa Terra. Outubro, 1996. 

- Cantelar Esparís, Carmen. (traballadora do SUR -sen título- ). En A Trabiña, nº 6, boletín do colectivo de persoal de administración e servicios da USC A Trabe.

- González Avión, Xosé Carlos. SUR-SRI. En A Trabiña, nº 6, boletín do colectivo de persoal de administración e servicios da USC A Trabe.

- Lorenzo Puime,Xosé. ARCO : un grupo de mozos en defensa das residencias públicas. En Moita Leria, revista de MEU-Filoloxía, nº 3.

- Lorenzo Puime,Xosé. A conta atrás nas residencias universitarias da USC. En Inzar Razóns, nº 24, abril 2001.

- Morais, Carlos. A luita dos pisos 1979-1980.Unha aproximación. Ediciós do Castro.

- Piñeiro, Paula. De fachas y Rojos. En 500 Anos de Universidade ás voltas. Nº2, xaneiro de 1996. Plataforma por un SRI público e digno

- Torres Feijoo, Elías J. Modelo de residencias, modelo de universidade. En A Trabiña, nº 6, boletín do colectivo de persoal de administración e servicios da USC A Trabe.

- Lois. Así andan as cousas.... En 500 Anos de Universidade ás voltas. Nº2, xaneiro de 1996. Plataforma por un SRI público e digno.

- Verdugo, Rosa e outros. Cronoloxía. En 500 Anos de Universidade ás voltas. Nº2, xaneiro de 1996. Plataforma por un SRI público e digno.

- Programa Electoral do Profesor Darío Villanueva. Eleccións á Rector 1994. Universidade de Santiago de Compostela, 1994.

- Convocatorias de prazas do SRI e do SUR

- Orzamentos e memorias económicas da USC dende o ano 2001