Xosé Lorenzo Puime: Líbano e Gaza. Menos guerras imperialistas e máis pan. ¡Hai que parar a Bush e a Olmert!

Imaxe de xlp

Xosé Lorenzo Puime: Líbano e Gaza. Menos guerras imperialistas e máis pan.  ¡Hai que parar a Bush e a Olmert!

"Nós cineastas israelís, saudamos a todos os cineastas árabes reunidos en París para a Bienal de Cine Árabe. Queremos envíar unha mensaxe de amizade e de solidariedade aos nosos colegas libaneses e palestinos que son actualmente asediados e bombardeados polo exército do noso país. Opoñémonos categóricamente á brutalidade e á crueldade da política israelí, que alcanzou niveis aínda máis altos nas últimas semanas. Nada pode xustificar que continúe a ocupación, o sitio e a opresión en Palestina. Nada pode xustificar o bombardeo a civís e a destrución de infraestructuras no Líbano e en Gaza".

Así se manifestaban a semana pasada corenta cineastas israelís en París nunha carta envíada aos seus compañeiros árabes e libaneses. Esta mesma idea era expresada por 5000 traballadores xudeus e árabes o pasado 4 de agosto nunha manifestación que percorreu as rúas de Tel Aviv contra a política do seu goberno e a do goberno de EEUU. Aínda que a maioría das enquisas sinalan que a poboación israelí apoia prácticamente en bloque ao goberno de Olmert, ese apoio está comezando a reducirse. Moitos israelís están vendo como o seu goberno en alianza co de Bush condena a toda a rexión a máis guerras, fame e desemprego. Sobre todo en Palestina e no Líbano, pero tamén en Israel, onde un de cada catro israelís, máis de 1,4 millóns de persoas, viven por baixo dos umbrsais de pobreza.
E é que hoxe, 25 días despois do comezo da guerra en Oriente Medio, no Líbano van xa máis de 900 persoas mortas(un terzo eran nenos), 3000 feridos e un millón de desprazados. En Gaza o exército israelí cercou con muros e alambradas os poboados palestinos e destruíu as súas infraestructuras, deixando á xente sen electricidade, auga potable e con escasos alimentos. Hoxe mesmo as incursións israelís en Gaza deixaron dúas persoas mortas, unha delas un raparigo de 13 anos . A ofensiva de Gaza matou, segundo Aljazeera, polo menos a 167 palestinos, máis da metade deles civís. No norte de Israel , os misís de Hezbolá tamén mataron a máis de 75 persoas, entre elas varios árabes-israelís.


O estalido da guerra

A escusa do goberno de Israel para iniciar un ataque e bombardeo nas poboacións veciñas, foi o secuestro dun cabo do seu exército en Gaza, por parte do sector militar de Hamás; e de dous soldados na fronteira co Líbano, por parte das milicias do grupo chií Hezbolá. Os propios pais dos soldados secuestrados, non comparten que o  goberno de Tel Aviv lance esta ofensiva sen realizar un intercambio de prisioneiros coas milicias árabes. De feito, hai que ter en conta que o secuestro e intercambio de persoas de ambas frontes é algo bastante común na historia deste conflito. Con este secuestro Hamás esixía, entre outras cousas, que os 350 nenos menores de dez anos (a maioría secuestrados dos seus fogares polo exército israelí en "operacións preventivas") fosen postos en liberdade. Hezbolá tamén advertira que se non se liberaba aos seus prisioneiros libaneses, veríase obrigado a tomar soldados israelís como moeda de cambio. O certo é que a auténtica razón para bombardear aldeas enteiras, escolas, aeroportos, estradas, ambulancias da Cruz Vermella, transportes de civís ou de axuda humanitaria, a observadores da ONU....etc. é aterrorizar ás masas árabes e controlar a rexión anulando toda resistencia. Con todo, os gobernos de Bush e Olmert erraron novamente nos seus cálculos. O intento de enfrontar a Hezbolá co resto de etnias do Líbano, responsabilizando a éste do conflito e abrir así unha guerra civil que os autodestruira, non deu bos resultados. Tampouco acadaron gran cousa sementando un enfrontamento entre Hamás e Al Fatah en Palestina, camelando a esta última con cederlle un protagonismo político e diplomático na zona e desprezando a Hamás (vencedora nas últimas eleccións palestinas) á que nun acto sen precedentes, afrontou cun secuestro de varios dos seus ministros na Autoridade Palestina, entre eles o Viceprimerministro, o Ministro de Finanzas e o Ministro de Traballo, ademais de 30 parlamentarios e funcionarios, lanzando ademais un ataque con misís contra a oficina do Primeiro Ministro Ismael Haniyeh.

Unha historia longa

O conflito en oriente medio é unha historia longa que parte de finais do século XIX. Nesta época Inglaterra era a principal potencia colonial da zona. Aqui a metrópoli inglesa fixo un xugoso negocio, arrebatando terras á poboación árabe e vendéndoas aos xudeus máis ricos. En 1917 Inglaterra chegará a un acordo co nacionalismo xudeu para ocupar unha parte de Palestina (a "terra prometida" bíblica conquistada polos hebreos e da que máis tarde foron desterrados polos imperios babilónico e romano hai máis de dous mil anos) . Así en1929 novas expropiacións de terras levarán a unha revolta dos árabes contra os colonos xudeus que producíu máis de 133 mortos. Esta revolta foi sufocada polas forzas británicas. O obxectivo de Inglaterra e máis tarde dos EEUU, foi crear neste territorio un estado xudeu afín aos seus intereses , para manter así o control colonial sobre a zona. Miles de xudeus supervivintes do holocausto de Hitler foron utilizados como carne de canón para dominar Oriente Medio esmagando ao nacionalismo árabe. En 1948, coa creación do Estado de Israel expulsouse a case un millón de palestinos por medio de métodos terroristas por parte do Irgún, organización paramilitar sionista. A ONU, dirixida polas potencias imperialistas, decretara a creación de dous estados, un xudeu e outro palestino, pero os países e poboación árabe negáronse a aceptar esta imposición, polo que foron a unha guerra na que venceu Israel . Novas guerras tiveron lugar en 1956 e particularmente en1967 (Guerra dos Seis Días) na que Israel ocupou Gaza, Cisxordania, o Sinaí e os Altos do Golán. En 1973 tivo lugar a Guerra de Yom Kipur cun novo fracaso para todos os implicados. Posteriormente a OLP*, trala súa expulsión de Xordania, fixo do Líbano o seu novo centro de operacións contra Israel. Isto conduciu a unha guerra civil entre as distintas etnias do país e a ocupación do sur do territorio por parte do exército israelí en 1978, un exército que en 1982 masacrou os campos de refuxiados palestinos e obrigou á OLP a trasladarse a Tunez. Fronte a esta ocupación xurdíu a resistencia libanesa e Hezbolá. A crecente hostilidade cara á invasión, ata dentro do propio Israel, levou á súa retirada no ano 2000.

En canto ao problema palestino, a OLP de Arafat asinou con Israel o tratado de Oslo en 1992. Arafat recoñeceu o estado de Israel a cambio dunha administración autónoma, sobre algunhas posicións de Gaza e Cisxordania, que se convertería no futuro Estado. Con todo, na práctica, o Estado de Israel xamais aceptou ningún dereito palestino a un estado propio, nin sequera neses pequenos territorios. Logo dese acordo, envíou a 400.000 colonos a Gaza e Cisxordania, ocupando as mellores terras e quedándose co 95% das fontes de auga, apropiándose tamén de Xerusalén Este. Así mesmo levantou un muro que recorta un 48 % o escaso territorio que lles quedaba aos palestinos.

O goberno dos Estados Unidos, foi e é en todo este conflito o principal alíado de Israel. Bush defende nesta guerra, do mesmo xeito que en Irak e Afganistan, os incontrolados intereses da industria armamentista, as petroleiras e as empresas que teñen contratos millonarios co Pentágono e o goberno de Israel. Con todo, a grave situación de Irak e Afganistán, xunto coa nova ofensiva israelí fai tremer a todo o mundo árabe que corre o risco de desestabilizarse. Isto obriga a Bush a actuar como un equilibrista que xoga con varios pratos á vez. Tendo en conta a incapacidade actual do capitalismo por encher eses pratos con alimento para todos, tarde ou cedo acabaránselle rompendo. Tal como afirma o marxista israelí Yossi Schwartz "Ao final logo de todo isto poden conseguir algún tipo de acordo, pero os problemas subxacentes seguirán e as tensións volverán" .

A solución ao conflito

¿Cal é a solución a este conflito?. Na miña opinión Greg Oxley, editor do xornal marxista francés A Risposte, dá coa clave, nun artigo publicado recentemente en In Defence of Marxism : "Todo home, muller e nenos, especialmente entre os chiítas, ofrecerá diñeiro, aloxamento, apoio e axuda ás milicias. Esta forza non pode ser derrotada, polas mesmas razóns que a resistencia en Iraq non pode ser derrotada. Estas persoas, como os mozos palestinos, non temen á morte. E hai boas razóns para iso. Aínda que se escribíron moitos libros tentando explicar este fenómeno "complicado", a xente sabe explicalo e en poucas palabras. Din que non poden vivir nunha opresión e humillación constantes. Iso non é vida, senón a morte en vida, e prefiren morrer que vivir deste xeito. A vida e a morte equivalen á mesma cousa. Por suposto, esta rebeldía con frecuencia exprésase en términos relixiosos, e a miúdo con todo tipo de retórica reaccionaria. Pero hai que entender que na mente dos oprimidos e explotados, o fervor relixioso ás veces é unha expresión do odio ardente á opresión, é un desexo de liberación, dunha vida mellor, xa sexa neste mundo ou noutro. Claramente, non hai solución aos problemas de pobreza e explotación, á trampa nacional e relixiosa, ás interminables tensións, conflitos e guerras en Oriente Medio sobre a base do capitalismo. Só o camiño do socialismo internacional, a erradicación do capitalismo, o establecemento dunha asociación libre e igualitaria dos pobos e estados dentro dunha federación socialista de Oriente Medio, pode ofrecer un futuro aos pobos da rexión. Debemos facer o que podamos para axudarlles a atopar ese camiño".

*OLP = Organización para a Liberación de Palestina.

* A fotografía procede de 20minutos.es 

Bibliografía:

Greg Oxley, Israel prepares to invade Lebanon, en In Defence of Marxism, julio 2006

Yossi Schwartz, Ground offensive in Lebanon - Israeli ruling class faces dilemma, en In Defence of Marxism, julio 2006

Bernabé López, Libano, el conflicto inacabable, en Historia 16, Madrid 1985.

Silvia Centenera, Explicación histórica del conflicto, en http://es.geocities.com/quierosabertodo/israel/index.html

Web Site The Alternative Information,Center http://www.alternativenews.org/

Web Site Haaretz http://www.haaretz.com/

Si desexas ler este texto en español, pulsa aquí.