Xosé Lorenzo Puime: Incendios en Galiza, un desastre causado por intereses calculados

Imaxe de xlp

Xosé Lorenzo Puime: Incendios en Galiza, un desastre causado por intereses calculados

Nos últimos días arderon en Galiza máis de 15.000 hectareas de monte. O 80 % da superficie dos concellos de Rianxo ou Rois quedou arrasada polo lume. Tres persoas morreron e deceas feridas e intoxicadas. En Rianxo varias persoas asoladas polas chamas tiveron que pasar a noite no pavillón de deportes da localidade. A principal vía de comunicación do país, a A-9, cortada en diferentes puntos. Centenares de veciños autoorganizados, loitando contra o lume con caldeiros de auga pasados de man en man, as campás das igrexas soando para avisar a xente da proximidade do lume...etc. Esta é a imaxe dun novo desastre, que está a afectar a costa galega, aínda que esta vez non se trata dun accidente, esta vez foi provocado por intereses calculados.

En Galiza levamos sete días infernais nos que o lume non deixou descansar nin aos servizos de extinción nin aos veciños. O panorama é insólito, e varios obreiros de diversas comarcas costeiras, tiveron que faltar ao seu traballo, para tratar de evitar que o lume destruíse as súas casas. Nun programa de televisión feito en aberto por unha emisora comarcal das Rías Baixas (desde as 11 da noite ata as tres da madrugada) moitos veciños chamaron para denunciar a situación e explicar que en numerosas aldeas atoparonse sós e sen medios para apagar o lume, xa que os servizos públicos de extinción de incendios estaban completamente desbordados polos cuantiosos focos en activo. As declaracións do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, realizadas o martes pasado, dicindo que "todo está baixo control" pedindo á prensa "menos atención informativa para non provocar aos incendiarios" , ás que o Conselleiro de Medio Rural, Suárez Canal (do BNG), engadíu que se están poñendo todos os medios necesarios" , sentaron como un xarro de auga fría nas poboacións máis industriais e mariñeiras de voto obreiro. A sombra da desastrosa xestión do Prestige por parte do PP está viva na memoria da Galiza obreira e mariñeira, unha Galiza que agarda por parte da Xunta unha xestión da situación notablemente diferente. A nova Xunta non se foi de cacería, tal como fixo Fraga cando a marea negra chegaba ás nosas costas, máis a poboación busca unha maior eficacia na loita contra o problema, cunha actitude sincera, na que admitan que os medios, aínda sendo mellores aos dos anos do PP, víronse desbordados polo aluvión de chamadas de xente avisando de lume en infinitos lugares . Os veciños saben moi ben que toda a propaganda dos últimos días de "gran despregue de medios" non é a que se enfrontou ao lume estos días en diversas aldeas da comarca do Salnés e outras zonas de Galiza.

Falta de medios e precariedade

O novo goberno da Xunta destinou nos seus orzamentos 70 millóns de Euros, fronte aos 60 millóns que destinaba o goberno do PP na loita contra o lume . Con todo, a política aplicada nesta materia como en moitas outras, non varíou sustancialmente da que aplicaba a dereita. O eixe desta política segue sendo alimentar con partidas millonarias ás variadas empresas privadas que xurdiron na Era de Fraga no sector forestal, tanto empresas de servizos, como de aluguer de maquinaria ou hidroavións e helicópteros. E é que segundo as declaracións do Conselleiro Suarez Canal, realizadas á La Voz de Galicia o 10 de agosto do ano pasado, a política de extinción de incendios da Xunta do PP foi "razonablemente satisfactoria" . Polo tanto, está claro que con está filosofía ao goberno PSOE-BNG resúltalle absurdo fortalecer un servizo público de calidade, ofrecendo máis traballo e en condicións dignas e estables a todo o persoal de extinción de incendios. De feito, os traballadores das brigadas forestais da Xunta, durante o mes de xullo saíron á rúa para denunciar as súas condicións laborais. Nas súas protestas queixábanse da precariedade á que están sometidos, con contratos temporais de tres meses, sen máis formación sobre as súas funcións que un manual de lectura, con xornadas laborais de 12 e 14 horas, sen protección para a cara e roupa adecuada, etc. Por outra banda, os anuncios do BNG de destinar máis esforzos á prevención dos incendios en tarefas de limpeza e control do monte, quedáronse en tímidos avances. Os convenios asinados para tarefas de desbroce forestal afectan a 14.000 hectáreas (coa anterior Xunta eran 9.000 hectáreas)dunha superficie de risco total de 391.549 hectareas. Así mesmo, segundo denuncian algúns expertos mediambientais, o número de axentes forestais que coiden e vixíen os espazos naturais é moi reducido e apenas se incrementaron. Polo tanto, aínda que é verdade que os medios son un pouco mellores que nos anos anteriores, a política da Xunta, en esencia, segue sendo similar á dos anos nos que Fraga gobernaba.

Incendios provocados


Que o lume está sendo provocado só o dubida o PP, que segundo as declaracións a Tele-Salnés do seu Secretario de Organización en Pontevedra , Juan José Durán, non hai probas de que isto sexa así, e carga toda a culpa sobre o PSOE e o BNG. Con todo a intencionalidade do lume en Galiza xa non a dúbida ninguén, mesmo un xornal local afín ao PP como é El Correo Gallego, afirmaba estes días que "a inmensa maioría de incendios céntranse na franxa costeira máis desenvolvida de Galicia, a comprendida entre Carnota e Gondomar, e abarca as zonas colindantes no interior das provincias da Coruña e Pontevedra. Son as máis ricas e poboadas, nas que cada verán se aglomeran deceas de milleiros de turistas. Resulta cando menos sorprendente esta selección cualitativa do espazo destruído". E efectivamente, calquera persoa que coñeza mínimamente Galiza e vexa o mapa dos principais focos de incendios, sabe que non están ardendo as provincias máis boscosas, senón os montes costeiros máis próximos a cidades atlánticas como Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa ou Santiago de Compostela, e ademais en espazos próximos as vivendas e vías de comunicación como a A-9.

A hipocresía do PP

O PP está actuando en todo este conflito cun cinismo que roza todos os límites do absurdo. Acusan á Xunta e a Zapatero de falta de medios, porem xa se lles esqueceu a súa xestión á fronte do desastre do Prestige, onde os medios brillaban, pero pola súa ausencia. Ademais están utilizando este problema cunha actitude absolutamente carroñeira, criticando á Xunta porque nas bases de contratación de persoal anti-incendios sexa necesario coñecer o galego, cando o decreto do ano 2003 para a contratación de persoal, dictado polo PP, xa fixaba este criterio. O PP di demagóxicamente que para apagar lumes non é necesario saber galego, en cambio, considera indiscutible que os funcionarios dos servizos contra incendios ou de limpeza de edificios teñan que saber a constitución española para acceder aos concursos de emprego público. Así mesmo é bochornosa a súa actitude, sobre todo cando trinta alcaldes do PP se negaron a asinar convenios coa Xunta para a creación de brigadas contra o lume, xa que estes convenios introducían por primeira vez unha xestión centralizada desde Santiago dos servizos dispoñibles e un control da contratación, que lles deixaba menos marxe de manobra, para empregar á súa xente.

Intereses escuros

Obviamente detrás de tantos incendios, en zonas tan concretas da Galiza máis urbanizada, con boa parte dos lumes iniciados pola noite e en horarios similares, fan pensar que detrás de todo isto hai gato pechado. Algúns ecoloxistas sinalan intereses urbanísticos que buscan trocar a situación legal que impide construír en parcelas forestais. Isto podería ser así, aínda que actualmente a lei prohibe construír nos lugares queimados por un periodo longo de tempo, no entanto é fácil que non se cumpra dada a carencia de axentes forestais que vixíen estas zonas. Aínda así hai que ter en conta que coa política urbanística levada a cabo en diversos concellos, moitos constructores e promotores, non precisan queimar o monte para conquerir sen esforzo, que os seus alcaldes recalifiquen o chan a favor dos seus intereses. Os intereses da industria papeleira, tamén se apuntaron en varias ocasións como posible cómplice da situación, buscando abaratar a madeira polos efectos do lume na mesma. Porem nestes momentos o prezo do eucalipto, ao parecer, está moi baixo, dada a súa abundancia, e aínda que non sería desbotable que pretendesen tirar polo chan o prezo da madeira, parece que podería haber outras causas máis escuras, nas que na miña opinión non sería descartable, tal como insinuou a Ministra de Ambente, que algún persoal que traballou para o PP en anteriores campañas contra o lume ( o actual goberno renovou dos seus postos a máis dunha ducia de xefes de distrito, xefes xerais e provinciais nos servizos de extinción) que coñecen os montes e as zonas máis volátiles teñan algo que ver con esta historia, ata algúns veciños chegaron a pensar, algo que tamén a nosoutros nos pasa pola cabeza, que o PP na súa campaña de acoso aos gobernos da Xunta e do Estado pode ter algo que ver con todo isto.

O capitalismo non é ecolóxico

Hai un feito, que sen ningunha dúbida facilitou a propagación dos incendios, este feito é a difusión masiva por toda Galiza de especies arboreas non autóctonas, tales como o eucalipto. Esta política comezada no franquismo co fin de favorecer os intereses dunha minoría de empresarios papeleiros, converteu os nosos espazos forestais nun polvorín, e absorveu boa parte do auga que percorría os nosos bosques primitivos. Hai que ter en conta que o eucalipto é unha árbore fácilmente inflamable, que bebe moita auga e medra moi rápido, o que contribúe á desertización do terreo. Con todo, neste desastre, hai unha cousa que unha vez máis quedou en evidencia: a organización do espazo natural e humano sobre bases capitalistas, leva a un saqueo sistemático da natureza e das persoas e fai ao capitalismo algo claramente incompatible co planeta. Para evitar isto, e afrontar o problema ecolóxico que estamos vivindo estes días é necesario reivindicar:

  • Servizo público de loita contra os incendios digno, con medios e persoal suficiente. ¡Basta de subcontratacións e precariedade laboral!.
  • Anulación dos plans urbanísticos que propoñen multiplicar varias veces a edificabilidade en chan rural.
  • Plan de recuperación e repoboación dos montes con especies autóctonas, que respecten o equilibrio ecolóxico.
  • Aumento do persoal de vixiancia e coidado dos espazos forestais.
  • Nacionalización inmediata e reconversión ecolóxica das industrias papeleiras, mantendo e incrementando os postos de traballo a través dunha maior recolleita e selección de papel reciclable.
  • Nacionalización das grandes industrias inmobiliarias e das hidroeléctricas que esquilman a nosa paisaxe.

[* Xosé Lorenzo Puime é membro da Fundación Federico Engels de Galiza]