Vandana Shiva: ¿Proteger o expoliar? Los derechos de propiedad intelectual

Piratas en acción
Vandana Shiva:
¿Proteger o expoliar? Los derechos de propiedad intelectual
Intermón Oxfam, Barcelona, 2003

Como se sinala na contraportada de ¿Proteger o expoliar?, termos como dereitos de propiedade intelectual (DPI), patentes, ADPIC ou similares sonan, en primeira instancia, a aburridas cuestións técnicas, a discusións de expertos asépticos en luxosas oficinas empresariais ou públicas, con escasísimo, por non dicir nulo, interese poliético. Pero, como Vandana Shiva (VS) amosa documentadamente, se afinamos o ouvido, se prestamos maior atención ao tema desenvolvido, a música soa moi distinta: as chamadas "novas ideas", as tecnoloxías "de punta", a identificación de xenes, as manipulacións dos organismos vivos que poden posuír e explorar as transnacionais para obter beneficios astronómicos son temas cruciais da nosa época que afectan a toda a Humanidade e especialmente ás poboacións do Terceiro Mundo. A xusta e supostamente inocente protección intelectual estase transformando nun novo espolio empresarial-colonial, nunha nova forma de piratería.

Algunhas das razóns esgrimidas por VS para xustificar a tese que desenvolve en ¿Proteger o expoliar? serían as seguintes:

1. As patentes non formaron parte da nosa vida cotiá ata a década dos oitenta. Ata entón, os únicos interesados eran os propios inventores, os examinadores de patentes e, sen dúbida, os abogados especialistas. Dous feitos cambiaron radicalmente a situación e fixeron que o tema se convertira nun asunto crítico que afecta directamente ás nosas vidas: 1. A decisión do Tribunal Supremo de Estados Unidos de considerar a vida como un invento, permitindo deste modo que o correspondente departamento da Administración usamericana concedera patentes sobre a vida. Así, o 12 de abril de 1988, a oficina de patentes de EEUU concedeu a DuPont unha patente sobre un rato cuxa liña fora modificada para facelo susceptible ao cancro. 2. A introducción, por parte de EEUU, de patentes e DPI na Ronda Uruguay e no GATT.

2. Durante os últimos anos do século XX concedéronse patentes sobre coñecementos tradicionais e plantas autóctonas, e incluso sobre microorganismos, xenes, animais e células e proteínas humanas. "Hoxe non só se outorgan patentes para as máquinas, senón para os seres vivos e a biodiversidade; non só para os novos inventos, senón sobre o saber das nosas avoas" (p.9). Así, os coñecementos tradicionais que países como a India utilizaran durante séculos para intentar satisfacer as súas necesidades máis básicas, están en perigo de ser patentados por importances transnacionais.

3. Os sistemas de DPI lonxe de evitar a piratería intelectual máis ben a fomentan, chegando a violar, nalgunhas ocasións, os dereitos humanos. De feito, o sistema de patentes non estimula necesariamente, como se adoita publicitar, a xeración de tecnoloxía e moito menos a difusión. Nun estudio de 1984, o 80% das empresas norteamericanas analizadas admitiron que o principal motivo para sacar unha patente era bloquear determinados sectores técnicos, sen que tuveran intención algunha de explotar a invención. A eso se lle segue a chamar a regla de ouro da "sagrada competencia" no "libre mercado".

4. Se as patentes conceden ao seu titular o dereito exclusivo á súa invención (creación, uso, venda, distribución), os titulares de patentes sobre a vida poden impedir que outros poidan elaborar ou utilizar as sementes, plantas ou animais patentados. "Como os recursos vivos e os seres vivos 'se fan' a si mesmos e os agricultores sempre gardaron as súas sementes e conservado os seus xatos, o dereito de patentes occidental considera que gardar e intercambiar sementes é un 'roubo contra a propiedade intelectual’"(p.12). Moitas veces o que se patentan son os coñecementos das poboacións indíxenas e a innovación tradicional. "A medida que a era do combustible fósil deixa paso á era da bioloxía, as patentes de material vivo convértense no medio para controlar as materias primas e os mercados do terceiro Mundo" (p.25).

5. As patentes estanse estendendo ao mesmísimo ámbito humano. En 1984, o médico dunha persoa que estivo sometida a un tratamento contra o cancro de bazo patentou a súa liña celular sen o seu consentimento. A "liña celular de Mo" foi vendida posteriormente á transnacional farmacéutica Sandoz. "As estimacións relativas ao valor final da liña celular sobrepasaron os 3.000 millóns de dólares" (p.13).

6. As patentes convertéronse nun dos compoñentes máis importantes das exportacións dos Estados Unidos. Se en 1947 a propiedade intelectual supoñía algo menos do 10% de todas as súas exportacións, en 1994 superaba o 50%. Precisamente, unha das liñas de actuación dos gobernos americanos, desde o primeiro goberno Reagan, é presionar con todos os medios a todos os países para que modifiquen as súas leis de protección intelectual e lexislen de forma similar ao dereito norteamericano. Se o conseguiran, EEUU podería reducir drásticamente o seu escandaloso déficit comercial.

7. O financiamento das grandes empresas pode crear unha investigación sesgada que debilita enormemente o interese público e favorece en exceso aos patrocinadores empresariais. Aínda que existan campos que quizáis non sexan rendibles comercialmente son, en cambio, socialmente necesarios. Necesitamos "a epidemioloxía, a ecoloxía e a bioloxía evolutiva e do desenvolvemento, como sociedade que quere enfrontarse aos problemas ecolóxicos" (p.37). En canto se ignora o útil e o necesario e nos centramos únicamente na rendibilidade económica, estamos destruíndo as condicións para a creación da diversidade intelectual. Non hai que esquecer que a criminalización do intercambio de coñecementos, unha das reglas básicas da actividade científica segundo a socioloxía da ciencia (Merton), é xa unha realidade.

8. As patentes relacionadas cos recursos biolóxicos amosan o lado máis sinistro da situación: coa creación de "propiedade" a través de patentes, as transnacionais estanse convertindo nos novos "señores da vida", como o son ou o foron os terratenentes ou os antigos señores feudais. "Poderán cobrar un aluguer por cada semente sementada, por cada medicina elaborada coas dádivas gratuítas da natureza, ás que a xente accedeu libremente durante xeracións" (p.45). De feito a autora entende que a biopiratería, esta nova forma de colonialismo capitalista, sería o emprego dos sistemas de propiedade intelectual para lexitimar o control exclusivo dos recursos, productos e procesos biolóxicos que se usaron desde sempre nas culturas non industrializadas. Por exemplo: o phyllanthus niruri é unha planta medicinal utilizada en toda India para tratar diversas formas de hepatite e outros trastornos do fígado. Pois ben, o Fox Chase Cancer Center de Estados Unidos solicitou unha patente sobre esta planta para fabricar un medicamento para o tratamento da hepatite B vírica. Argumentan, para xustificar a súa patente, que o phyllanthus niruri nunca fora proposto para ese tratamento antes do traballo desenvolvido polos actuais investigadores.

9. VS conclúe a súa investigación sinalando que "os sistemas de patentes que se deseñaron e configuraron poden reintroducir unha nova época de colonialismo na que non só nos volveremos a ser colonizados como povo, senón todos os seres vivos" (125-126). Deberíamos, pois, e ésta é unha tarefa que tamén nos atinxe, cuestionar o actual paradigma das patentes, lexislación que permite tratar aos seres vivos de simples invencións humanas e permitir a súa apropiación empresarial, pirateando con iso séculos de innovación e creatividade de poboacións dominadas.

El Viejo Topo, nº 192, abril, 2004