USC: Carlos Hernández Sande: "A universidade ten que axudar a converter a investigación en algo comercializábel"

USC: Carlos Hernández Sande: "A universidade ten que axudar a converter a investigación en algo comercializábel"
Conselleiro delegado de Uninvest

Canso de ver marchar ao estranxeiro a xente máis emprendedora, axudou a crear a sociedade capital risco Uninvest, promovida polos tres campus galegos. Logo de seis anos de traballo acaban de recibir o premio á mellor iniciativa pública da revista "Actualidade Económica"

A sociedade capital risco Uninvest, promovida polas tres universidades galegas, acaba de recibir o premio á mellor iniciativa pública da revista Actualidade Económica. Esta iniciativa posúe unha estrutura única en Europa, xa que a ela uníronse distintas universidades españolas e portuguesas, así como outras institucións públicas como o CSIC.

O conselleiro delegado de Uninvest é o profesor Carlos Hernández Sande, impulsor tamén doutros proxectos como Uniemprende -o programa de creación de empresas da USC- ou Unirisco, unha sociedade pioneira en toda España e na que participan bancos, empresas privadas e as tres universidades da comunidade. Para Carlos Hernández Sande "o recurso máis valioso das universidades son os licenciados, pero a xente con máis iniciativa está marchando de Galiza".

O xermolo de Uninvest foi a sociedade Unirisco, cando e como xorde?

Creamos esta iniciativa hai seis anos, porque tiñamos a intención de converter a investigación en algo comercializable, nunha empresa rendible. As universidades teñen que axudar a crear riqueza e tecido social. O noso recurso máis valioso son os licenciados, e estabamos notando que a xente con máis iniciativa marchaba ao estranxeiro, ou a outras universidades.

Resulta algo novo que as universidades aposten polo emprendemento empresarial?

Si, ata hai anos había a conciencia xeral de que o prioritario nas universidades era a docencia. Máis adiante tamén se apostou pola investigación como prioridade, e agora xa se empeza a falar da terceira misión, a de emprender.

Por que quedou pequena Unirisco?

En Unirisco estamos as tres universidades galegas, ademais dos bancos e caixas galegas e empresas como Inditex, San José, R ou o consorcio da Zona Franca de Vigo. A través delas fixemos 17 operacións e potenciamos máis de 70 empresas, pero empezamos a ter proxectos de fóra de Galiza e decidimos crear Uninvest en novembro de 2005, como un proxecto firme e no eido estatal.

Teñen previsto ampliar as universidades colaboradoras?

Si, en Uninvest estamos 16 universidades españolas e pronto se integrarán outras catro, como a de Barcelona ou a de Navarra, ademais de cinco universidades portuguesas e 135 centros de investigación.

Que cobertura ten o proxecto de Uninvest?

Aproximadamente estamos á disposición de 600.000 estudantes e de 45.000 investigadores de feito, é a estrutura financeira dedicada á I+D máis importante de Europa, aínda que contamos cun capital social de 20 millóns de euros. É un programa que transcende de ámbito da universidade, case é unha forma de facer política.

Cal é a diferenza entre Uninvest e calquera entidade bancaria que ofrece créditos?

Basicamente nós aparecemos a modo de capital semente, é dicir, cando hai un risco elevado na actividade. Neses momentos non están os bancos e por iso a nosa función é tan importante.

Son proxectos complicados de financiar?

É unha cuestión de rendibilidade. No ámbito da farmacia, se deseñamos unha diana terapéutica poden pasar 10 ou 12 anos para aplicar os resultados. Con estas perspectivas é moi difícil que unha entidade bancaria te apoie. Por iso a nosa especialidade é achegar valor engadido ó que xeran os investigadores.

En que áreas existen máis oportunidades de negocio?

Hai moitos campos, pero a investigación que se xera nas universidades pode aplicarse en campos como a biotecnoloxía, as ciencias materiais, a nanomedicina, o medio natural ou as tecnoloxías da información e da comunicación.

E en Galiza hai algún campo específico?

Moitos, como a biotecnoloxía, o ambiente, ou a xenómica. Unha empresa química situada preto de Santiago, que se chama Galchimia, empezou con dúas persoas e agora xa ten 20 empregados.

Interésalles ós universitarios esta posibilidade?

Esa é a impresión que temos. Na Universidade de Santiago convocamos un concurso de proxectos emprendedores, e por agora levamos centos de proxectos e de ideas estudadas. Temos que convencelos a todos eles de que detrás dun grande empresario houbo un pequeno empresario.

Esta semana aparecía unha referencia a Uninvest no diario "Financial Times". Orgulloso?

Si, demostra que algo importante estamos facendo nestas universidades. É curioso, pero en cultura emprendedora España está considerada como un dos líderes. A diferenza é que en países anglosaxóns, hai 25 anos, había empresas de capital risco co mesmo capital que temos nós agora. A Universidade de Cambridge ten unha sociedade, e en Inglaterra hai centos.

Pero, hai bo nivel en canto á investigación galega?

Si, a USC é a cuarta de España e en xeral temos unha investigación de altura en Europa.

Pero ten que estar acompañada de estruturas que se encarguen de converter investigación en comercio. Todo o mundo recoñece que a universidade galega é a máis emprendedora de España. Uniemprende, outra en Valencia e outra en Cataluña.

Galicia Hoxe, 17/11/06