USC: Lourenzo Fernández Prieto: “Queremos unha oferta conxunta con Portugal para os Erasmus”

USC: Lourenzo Fernández Prieto: “Queremos unha oferta conxunta con Portugal para os Erasmus”
Vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago
Fernández Prieto aposta por que os alumnos do programa poidan estudar un tempo en dous campus da eurorrexión
Sobre a nova reitoría, con tres grupos, asegura que ten sintonía e actúa

A proxección exterior da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é un dos compromisos claves do novo equipo reitoral. Aproveitar a presenza dos galegos no exterior para promocionala, captar máis alumnos estranxeiros e potenciar as relacións en investigación con outros países son algunhas das claves nesta estratexia. Lourenzo Fernández Prieto (Ribadeo, 1961) é o responsable de artellala desde a Vicerreitoría de Relacións Institucionais.

- Que asume a súa área?

- As relacións institucionais son un tema moi amplo, pero a vicerreitoría encárgase daquelas ás que o reitor non pode chegar, as relacións exteriores e a comunicación xunto co reitor.

- Nas relacións exteriores a mobilidade de alumnos é unha acción destacada. Como se potenciará?

- Estamos a desenvolver un plan de internacionalización que tratará de incrementar o nivel de entradas e de saídas. Para iso hai medidas de aproveitamento de recursos que ata agora non foron utilizados, como é a presenza dos galegos no exterior organizados a través dos centros galegos, e dos titulados pola USC que están polo mundo adiante. Tamén é importante que Santiago se publicite non só como vía de peregrinación, senón tamén como vía de coñecemento e de formación, igual que Lugo, que tamén ten moita capacidade de proxección turística.

- E cara a onde se mira para atraer estudantes estranxeiros?

- Refírome fundamentalmente a Iberoamérica, ao mundo brasileiro e a África, a onde podemos chegar co galego pola vía da vinculación entre o galego e o portugués, ademais de a Europa. Tamén estamos tentando que a vinculación lingüística e cultural con Portugal sirva para facer ensaios de mobilidade interrexional. Queremos unha oferta conxunta co norte de Portugal para os Erasmus, entre as tres universidades galegas e as tres do norte de Portugal, coordinada a través do Centro de Estudos Eurorrexionais, con sede en Santiago. Os alumnos de fóra poderían facer unha parte da estadía nunha universidade galega e outra nunha portuguesa.

- Só para estudos de grao?

- Para graos e posgraos, aínda que é unha idea que vai levar tempo. O novo programa Erasmus vai permitir estadías máis longas e en máis dunha universidade. Sería estupendo aproveitar esta novidade nun espazo interrexional como o noso, cunha relación tan fluída. Ademais, é evidente que as relacións vía internacionalización teñen que servir no ámbito da investigación e no da docencia para captar recursos e estudantes, que é unha tarefa importante.

- A captación de alumnos é unha preocupación crecente...

- Sen dúbida. As universidades teñen que ser axentes activos na captación de alumnos. Xa o somos co programa Ponte cos institutos, pero hai moitos máis instrumentos que desenvolver.

- E potenciará a internacionalización na investigación? Os científicos xa manteñen pola súa conta numerosos contactos co exterior.

- Así é, pero tamén é certo que en moitos casos ao tentar concursar en programas novos hai necesidade de encontrar socios que non é doado atopar. O Grupo Compostela (con sede en Santiago e con 73 universidades europeas) debería permitir iso, cunha base de datos con todos os equipos de investigación das institucións que pertencen a el.

- Van xa sete meses de goberno entre o grupo de Senén Barro, o seu tradicional socio e o grupo ao que vostede pertence, que pasou de ser a oposición do reitor a apoialo para un segundo mandato. Como funciona este novo consello de dirección?

- Temos un goberno cunha nova composición e así está actuando. Creo que está sendo capaz de afrontar algúns asuntos complexos e problemas inerciais e tentar empezar a resolvelos. Creo que o establecemento dunha estrutura xerencial, que é unha cousa pouco visible para fóra pero moi importante dentro da universidade, permite dar a medida do tipo de cambios que queremos facer. Vai permitir abordar cuestións administrativas que ata agora non foran concretadas e separar tamén mellor o que é a iniciativa política da equipa reitoral do que é a xestión ordinaria e a lóxica administrativa da universidade.

- E como é a relación entre sensibilidades tan distintas?

- As sensibilidades son distintas, pero ao final, no día a día, a forma de ver os problemas non é tan diferente, porque a universidade non é a sociedade, non se pode facer unha relación directa entre as sensibilidades externas e internas. En todo caso, apreciamos que está dando froitos, estamos entrando en cuestións nas que era difícil entrar, como é a corrección e mellora da estrutura do gasto, algo que non é sempre fácil porque hai moitas inercias de gasto.

El Correo Gallego, 05/02/07