A USC comeza as experiencias dun proxecto pioneiro de formación on line interactiva en tecnoloxías da información

OutsourcedA USC comeza as experiencias dun proxecto pioneiro de formación on line interactiva en tecnoloxías da información dirixido á comunidade universitaria
A plataforma Training Channel, sobre a que se apoia o proxecto, integra as potencialidades da videoconferencia con outros servizos virtuais avanzados e ferramentas para compartir ordenadores, escritorios e aplicacións de modo remoto

A Universidade de Santiago está a desenvolver un proxecto polo que os membros da comunidade universitaria poderán formarse a distancia en materias básicas de tecnoloxías da información e ofimática. Trátase da primeira universidade española que utiliza este novo sistema, baseado na plataforma Training Channel, para o que a USC ten os acordos correspondentes con Vettera Training.

O proxecto, que complementa a formación presencial, suma as vantaxes do tradicionalmente denominado e-learning asíncrono, sistema polo que se accede a clases previamente gravadas en formato multimedia, coa participación on-line na propia formación. Trátase por tanto do primeiro canal interactivo de formación en directo que utiliza aplicacións estándares do mercado, integrando as potencialidades da videoconferencia con avanzados servizos virtuais e ferramentas para compartir ordenadores, escritorios e aplicacións de forma remota.

Os asistentes poden asistir dende o seu navegador web, para o que unicamente precisa ter conexión a internet, a aqueles cursos do seu interese, interactuando cos profesores e co resto de alumnos. A interactividade é polo tanto unha característica básica, xa que o usuario pode estar en contacto co resto de participantes e mesmo compartir máquinas e aplicacións, facendo que a dispersión xeográfica dos participantes non sexa un inconveniente senón un elemento enriquecedor.

Como valor engadido, o sistema permite ademais o acceso aos cursos emitidos con anterioridade, ben como repaso ou complemento de temas tratados ou ben naqueles casos nos que o usuario non puidera asistir á sesión en directo.

A USC desenvolverá unha proba propia de avaliación que acredite os coñecementos acadados polo alumnados dos distintos cursos. Independentemente, os cursos de ofimática ofrecidos baséanse no Syllabus 4 da certificación europea ECDL/ICDL polo que é posible acreditarse tamén con esta certificación profesional.

Primeiros cursos: ofimática básica

Os primeiros cursos que agora comezan céntranse nas ferramentas ofimáticas básicas, tanto en contorno Windows como Linux. Os contidos coñécense con tres meses de antelación  e son impartidos por instrutores certificados de alto nivel acreditados en cada un dos produtos. Dende a Vicerreitoría de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior puxéronse en marcha esta mesma semana cursos, tanto para o profesorado como para o estudantado, que servirán como proxecto piloto para unha máis ampla oferta e difusión. Ademais, a ferramenta está a ser utilizada por técnicos especializados da Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da USC e por algúns departamentos para a formación de carácter tecnolóxico en ferramentas e linguaxes de programación.

A USC xa participara ao longo do pasado ano 2006 nas primeiras probas nacionais do sistema, xunto a institucións (IGAPE, o Hospital Juan Canalejo, o Instituto Galego de Estatística, a Universidade Autónoma de Barcelona) e empresas de varios sectores produtivos como Caser, Grupo Pérez Rumbao, Ferroplast ou o Grupo Cuevas, entre outros.

USC Xornal electrónico, 28/02/07

Outras novas relacionadas: