Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Pero entéranse de algo os reitores?

Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Pero entéranse de algo os reitores?

Fartáronse de dicirnos que o EEES supoñía fundamentalmente un cambio de metodoloxías docentes, que iban ser máis activas, máis participativas, máis motivadoras; que había que poñer aos alumnos no centro do proceso de ensinanza-aprendizaxe; que había que reducir as clases maxistrais e o dictado de apuntes; e que todo iso iba a verse potenciado pola utilización das famosísimas TIC.

Aula con pupitresE nós, cunha xa dilatada experiencia en innovacións educativas na Universidade, tiñamos a mosca detrás da orella. Entenderían realmente o que estaban a dicir? Apoiaban convencidos todo iso que afirmaban, ou era tan só retórica oca? Levamos anos (literalmente, anos) reclamándolles ás diferentes autoridades académicas algúns pequenos cambios que fixeran posibles as innovacións que estabamos a acometer (moitos anos antes de que se empezara a falar do "proceso de Boloña); nada radical, só cambios de mínimos: que nos puxeran mesas e sillas normais (non pupitres fixos cravados ao chan) co fin de que os estudantes poideran traballar comodamente en grupo e cos seus materiais, incluídos os seus ordenadores portátiles. O máximo que conseguimos foi poder utilizar unha aula con sillas de pa, a única que existe na nosa Facultade. Imaxínense a un estudiante co portátil enriba da pa agarrándoo cunha man e utilizando o teclado e o rato coa que lles queda libre!Silla de pa

Pero debemos ser os únicos en toda a Universidade que non temos aínda resolto tal problema, porque seica para o ano xa empezan a funcionar os másters "adaptados a Boloña". Temos que supor que xa se remodelaron todas as aulas da Universidade, quedando a nosa para o final. Por suposto, os profesores están xa todos formados nas novas metodoloxías (para iso se organizaron uns cursiños), e a partir de agora, nas novas aulas xa remodeladas, deixarán de dictar apuntes. A nós (que debemos ser un pouco lentos) aprender a facer as cousas doutro xeito levounos moitísimo máis tempo, e aínda non podemos dicir que esteamos plenamente satisfeitos.

Falando de cursiños, teremos que facer un deses nos que ensinan a cubrir os formularios para as "guías docentes". Parece que van ser obrigatorios para cobrar os incentivos. E ademáis, segundo nos din algúns compañeiros que xa foron, resultan por veces moi divertidos. Sobre todo cando se poñen a facer disquisicións sobre as diferencias entre competencias e obxectivos, que ninguén parece saber precisar. Din que lle van consultar a un de Madrid que si que sabe distinguilos. Pero cando xa a cousa se pon de revolcarse da risa é cando a alguén (non sabemos se con mala fe ou só por enredar) se lle ocorre preguntar pola diferencia entre competencias, destrezas e habilidades, por un lado, e obxectivos, finalidades e metas, polo outro. Ahí es el acabose. E saen todos moi contentos e felices.

Mentras non nos decidimos a facer o cursiño, nós seguimos ao noso. Desde hai anos temos integradas as tecnoloxías (utilizamos Moodle e Drupal) na nosa docencia, e prescindimos de apuntes e de exames. Queriamos ir desenvolvendo outros usos das tecnoloxías, pero temémonos que estamos equivocados, segundo o que hoxe nos din os Reitores, que parece ser que outra vez cambiaron de opinión. A partir de agora, do que realmente se trata é de que "coloquemos en internet os nosos apuntes" coa intención de "poñer en evidencia a aqueles profesores que se valen de contidos pobres ou desfasados". Xa caemos. O obxectivo non é utilizar as tecnoloxías para favorecer a aprendizaxe dos alumnos, senón "poñer en evidencia aos profesores". En fin, que teremos que repensar as cousas en función das novas directrices, xa que nós non queremos quedar en evidencia. Os Reitores non poden estar equivocados, e deben ter unha gran experiencia no uso docente das tecnoloxías. E se din que hai que colgar os apuntes, seguro que teñen razón. Cambiarían de opinión "con fundamento", que diría aquel famoso cociñeiro.

Con moito fundamento, xa o creo! Porque despois de árduas reflexións, consultas e desvelos, resulta que o tal EEES xa non consiste fundamentalmente nun cambio de metodoloxías docentes, como erroneamente se viña dicindo. Agora sabemos a verdadeira verdade: o EEES non ten nada que ver  con cambios de sistemas pedagóxicos para impartir as ensinanzas, senón que é, nin máis nin menos, que unha armonización de unidade de conta, ou dito en termos máis a ton coa precisa linguaxe empresarial da "nova universidade": trátase da "moeda única" da educación superior europea (Consejo de Coordinación Universitaria: Financiación del Sistema Universitario Español, p. 38). Moito máis claro, a verdade, porque antes era un pouco enrevesado. Agora, se nos preguntan que é iso do EEES, contestamos con presteza e erudición: "é unha armonización de unidade de conta". E quedámonos tan tranquilos.