Alfredo Iglesias Diéguez: Europa, ¡ese gran mercado!

Alfredo Iglesias Diéguez: Europa, ¡ese gran mercado!

Na última reunión do Consello da Unión Europea, fóra dos discursos oficiais e das mensaxes ofrecidas por algúns mandatarios, o que se decidiu foi reducir a Unión Europea a un gran mercado e dar por finalizado o proxecto político que aspiraba á unidade europea, para o que se tomaron unha serie de decisións profundamente antidemocráticas e marcadamente neoliberais. Efectivamente, na última reunión do Consello, os dirixentes europeos renunciaron a democratizar as institucións europeas e apostaron por un novo Tratado no que se conserven as políticas neoliberais.

Así, en primeiro lugar, aceptouse a pretensión británico-polaca de eliminar a Carta de Dereitos dos futuros tratados, que a partir de agora só será vinculante; suprímese calquera referencia á primacía do dereito comunitario; mantense o sistema de voto do Tratado de Niza, como defendían Polonia e outros estados membros...

Así mesmo, os dirixentes europeos demostraron que o non-nato Tratado constitucional era unha simple estratexia para lexitimar o modelo neoliberal en Europa, como quedou patente estes días pasados: se realmente o Tratado respondese a unha vocación democrática dos dirixentes europeos, a solución adoptada para saír da crise institucional sería outra ben diferente a que se acordou; lembremos: delegar nunha comisión a redacción de dous textos que deberán de estar elaborados a finais do 2007 e ratificados antes de xuño do 2009, o que implica, necesariamente, procedementos de elaboración moi forzados e mecanismos de ratificación parlamentarios, eludindo o debate público.

Agora ben, se no ámbito político os dirixentes europeos rexeitan calquera avance na democratización das institucións comunitarias, ao reducir a Unión Europea a un gran mercado, como propoñen os líderes europeos, con Sarkozy á cabeza, tamén optaron por renunciar ao proxecto de integración política. Neste sentido, as palabras de Sarkozy, quen dixo fronte aos 18 membros do Club de Madrid que xa ratificaran o Tratado constitucional que non era precisa máis Europa, senón máis mercado, son clarificadoras.

Así pois, para os dirixentes europeos como Sarkozy, Kaczynsky ou a mesma Merkel, que seguen o ronsel de Blair, un digno herdeiro do neoliberalismo de Thatcher, como sinalara Keith Dixon na súa obra Un digno herdeiro: Blair e o thatcherismo (Laiovento, 2004), que defendera ao longo dos seus dez anos de mandato que Europa debía reducirse a un mercado obedente aos intereses das transnacionais e renunciar á autonomía política e militar fronte aos Estados Unidos, Europa non é outra cousa que unha área de libre comercio que non debe vulnerar a hexemonía global dos Estados Unidos, ese é o derradeiro éxito de Blair.

Esa é, ademais, a razón pola que, fronte a esa Europa dos mercadores e dos banqueiros, fronte a esa Europa que acepta participar no proxecto imperialista dos Estados Unidos, cómpre mobilizarse, dende abaixo e pola esquerda, para construír outra Europa posible, unha Europa social e democrática, unha Europa solidaria, pacifista e ecolóxica.

Galicia Hoxe, 10/07/07

Outras novas relacionadas: