A Contrafío: A Nosa Terra, o proxecto nacional e o ladrillo

A nosa terra non é nosaA Contrafío: A Nosa Terra, o proxecto nacional e o ladrillo

Na portada do número 1 de A Nosa Terra, publicado na última semana de xaneiro de 1978, publicábase un comunicado asinado pola ‘Comisión de Fundadores’ no que se lembraba o nacemento desta cabeceira en 1907, que se convertería, 10 anos despois, no órgano de expresión das Irmandades da Fala e posteriormente, en 1932, do Partido Galeguista.

Nese mesmo comunicado, os fundadores explicaban tamén que nesta xeira “A Nosa Terra nace, xa que logo, concibida como prensa periódica de todos os galegos e pra todos os galegos. Unha ducia de nacionalistas, de varias tendencias ideolóxicas, xuntámonos inicialmente para fundar a editora que puxera adiante da opinión pública este periódico galego semanal de liña nacionalista. Tentamos que tanto a editora como o periódico estean abertos a todos, polo que facemos un especial chamamento para comprometer, desde xa, posíbeis accionistas na ampliación de capital que se vai facer, subscritores e colaboradores, xunguidos todos no ideario común da defensa dos intereses do pobo galego. Certos estamos de que así será”.

Transcorridos 100 anos desde o nacemento desta publicación e case que 30 desde a súa reaparición, naquel xaneiro de 1978, sorprenden, cando menos aos profanos, as inesperadas reviravoltas do destino. Seguramente máis sorprendidos estarán aqueles que conformaban a chamada Comisión de Fundadores. Como sorprendidos e indignados estarían Murguía, Pondal, Vilar Ponte e o propio Castelao se puideran asistir á xa imparábel operación que se viu xestando nos últimos anos e que non só deturpa o espíritu desta publicación de todos os galegos e para todos os galegos, senón que mesmo entrega –ou xa estaba entregada- unha cabeceira histórica do nacionalismo a unha empresa privada.

Comunicación e construción

O pasado 28 de xuño, o diario El País anunciaba que o construtor Jacinto Rey pasará a ser o principal accionista de Promocións Culturais Galegas S.A., editora do semanario. Unha operación a aprobar na xunta de accionistas do sábado 7 de xullo, pero que será de puro trámite se damos crédito á información do País, segundo a que “Udra, a sociedade patrimonial do construtor pontevedrés, é de feito (aínda que sen escriturar) a principal accionista de Cultura Popular Galega, que ao tempo é quen posúe o paquete de control do semanario nacionalista”.

Esta información resulta inquietante, porque Jacinto Rey teríase feito, con anterioridade, co control do semanario sen que a xunta de accionistas aprobase previamente a operación “é de feito (aínda que sen escriturar) o principal accionista”, co cal semella obvio que algún ou algúns terían utilizado a súa capacidade de manobra á marxe dos 900 pequenos accionistas que forman parte desa xunta. Se cadra os/as responsábeis haberá que buscalos nos titulares de Cultura Popular Galega.

Pero máis inquietante aínda é a aparentemente inexistente, pero real, transcendencia política que ten este asunto e sobre a que podemos especular.

Desde a súa chegada á portavocía nacional, Anxo Quintana puxo en marcha un proceso de, como el di, “modernización” do BNG. Parello a ese proceso houbo un achegamento progresivo á clase empresarial. En setembro de 2005 “el joven Quin”, como adoita alcumalo El Correo Gallego, paseou con Jacinto Rey no seu iate privado. O construtor viña de abandonar, recentemente, o proxecto de crear un xornal galego que daquelas dicíase que sería dirixido por José Luís Gómez, director de xornal.com e que é, casualmente, quen nos últimos días nos vai dosificando as informacións a respecto do que vai ocorrer co Consello de Administración da “nova” A Nosa Terra. Das conversas nese paseo marítimo nada transcendeu, pero se miramos atentamente o que foi ocorrendo en sucesivas datas podemos ir enfiando datos.

O papel de Anxo Quintana

O Día da Patria de 2006 o portavoz nacional, Anxo Quintana, deixábanos atónitos a moitos dos presentes falando dun BNG convertido en proxecto persoal “o BNG que eu quero”... Nunha entrevista concedida ao Faro de Vigo, previa a celebración da última Asemblea Nacional (decembro de 2006), falaba dun programa que el tería para o BNG e que o BNG -ou cando menos a súa militancia- descoñece, a nin máis nin menos que 10 anos!

Ese proxecto non explicitado nos textos a debate materialízase nun discurso cada vez máis morno, que conleva uns posicionamentos políticos “modernos” e que converten ao BNG, como el mesmo afirmou, nunha forza política “tremendamente moderada”. Unha forza política ben relacionada co empresariado que sería quen de pactar, como tamén el anunciou, co PP ou co PSOE, simplemente con que o PP rebaixe a súa radicalidade actual. O novo CIU versión galega que non é nin de esquerdas nin de dereitas nin todo o contrario.

Pero un dos principais problemas tanto do ‘vello’ BNG como do ‘moderno’ foi e é a falta de medios de comunicación propios. E aquí entran Jacinto Rey, A Nosa Terra e o paseo en iate.

O modelo de Quin para un BNG ‘aberto’ e ‘tremendamente moderado’ precisa para consolidarse do poder económico, que viría garantido a través dun empresariado que puidera constatar que esta forza política, outrora defensora dos intereses da maioría social, non ataca os seus propios intereses. Para iso é imprescindíbel irse rodeando daqueles que desde dentro defenderon sempre ese posicionamento e crear unha rede de poder que permita arrinconar aos sectores do BNG que, para os ‘modernos’, estarían ancorados ideoloxicamente no pasado.

Ensaio dun novo nacionalismo

O primeiro ensaio é A Nosa Terra. Dunha banda o novo nacionalismo faise, co apoio de Rey, cun órgano de expresión, algo que xa se vía no semanario nos últimos tempos. Aí entra, como presidente do Consello de Administración, Miguel Barros, ex socialista?; ábrese a porta a posíbeis incorporacións desde a dereita, representada polo ex presidente do Parlamento de Galiza, Vitorino Núñez; Alfonso Eiré desaparece como director e pasa a ser conselleiro delegado, e Manolo Veiga estréase de facto como director (só lle faltaba o papel).

Xornal.com, día a día, vai debuxando o perfil do novo xornal aínda que na última publicación sobre este asunto matiza que José Luís Gómez é alleo á operación. Si, pode ser. Porén, ao que non é alleo Gómez é á defensa a través dos seus artigos dese proceso de modernización do BNG, do propio Quin e mesmo de Antón Losada, do que publicou recentemente un panexírico explicitando que traballa á marxe da estrutura do BNG, algo que francamente non é noticia.

Doutra banda, coincide no tempo, e aí só abro un espazo á reflexión porque carezo de datos, a creación dunha patronal galega. Patronal auspiciada seguramente desde o BNG e, quen sabe, se cadra desde a propia administración.

Por iso, e se aínda queda no BNG alguén capaz de reaccionar ante esta situación, era ben que apurara a facelo antes de que sexa demasiado tarde. Os nacionalistas de esquerdas, que somos moitos neste país, estamos desorientados e se, desta volta, votamos tapando o nariz para evitar que o único beneficiado fora o PSOE, se cadra nas seguintes quedamos na casa.

A Contrafío, 05/07/07

Dereitización

Outras novas relacionadas: