Xulio Ríos: O extravío de Europa

Xulio Ríos: O extravío de Europa

Os ministros de exteriores da UE reuníronse a semana pasada para darlles un impulso aos traballos do novo Tratado. A Conferencia Intergobernamental debe rematar o seu labor en outubro próximo e o Tratado entraría en vigor para as próximas eleccións parlamentarias europeas de xuño do 2009.

Saímos da calella da crise constitucional? Estamos ante unha crise só constitucional? Case catro lustros despois da desaparición do muro de Berlín, Europa segue sen albiscar o seu camiño con claridade. Os principais polos de poder internacional, de EEUU a Xapón pasando por Rusia e as novas potencias emerxentes, especialmente China, redefinen as súas estratexias e alentan cambios de orientación e alianzas cun potencial suficiente como para mudar as regras de xogo que herdamos da guerra fría. Non obstante, Europa, semella instalada -e atoada- no mesmo proxecto formulado daquela.

Dirase que Europa non permaneceu inmóbil. Certo. Co alongamento e o euro, houbo un afondamento claro na súa dimensión económico-financeira, pero debilitouse algo substancial: a cohesión política. Europa perde cada día máis peso estratéxico no concerto mundial e mesmo a súa calidade democrática, sempre admirada e sempre cuestionada, recibirá un serio golpe cando dispoñamos do novo Tratado, elaborado e aprobado de costas aos cidadáns.

Europa vai camiño de transformarse nunha especie de sedimento continental daquela Sociedade de Nacións do período de entreguerras. Esta que podiamos chamar "Sociedade de Europa" experimenta un auxe económico e comercial que ninguén pon en dúbida, mesmo todos coindiden en sinalar que é indispensable como estrutura (coma Nacións Unidas: se non existira habería que inventala), pero carece de pulso e de consenso ambicioso. E a pregunta é obrigada: Non haberá que recoñecer que aquel modelo que naceu na guerra fría hoxe precisa dunha pensada moito máis fonda que a simple reescritura dun texto legal? Non faltan motivos para a existencia dunha Europa comprometida co progreso, a paz, a democracia, e os cidadáns. Pero esa Europa anda desmotivada de máis e os seus líderes, presos da escravitude mediática e outras servidumes, están noutra cousa. 

Galicia Hoxe, 31/07/07