Alfredo Iglesias Diéguez: O dereito á cidadanía

Alfredo Iglesias Diéguez: O dereito á cidadanía

En 1973, quen nese momento era secretario de Estado norteamericano, Henry Kissinger, afirmou, con respecto ao golpe de Estado polo que se puxo fin á democracia chilena, que "se hai que escoller entre sacrificar a economía ou a democracia, hai que sacrificar a democracia", entendendo por economía, a economía capitalista, non calquera economía. Así pois, de acordo coas palabras de Kissinger, debemos concluír que o capitalismo e a democracia son incompatibles, tese que constitúe a cerna do libro Educación para la ciudadanía: democracia, capitalismo y Estado de Derecho (Akal, 2007), un libro de Carlos e Pedro Fernández Liria e Luis Alegre Zahonero moi recomendable para quen queira saber o que realmente é a democracia.

¿Democracia e capitalismo incompatibles? Evidentemente haberá quen pense que iso é unha arroutada de excéntricos; porén, o certo é que a historia vén demostrar que todas as experiencias históricas nas que o pobo conquistou democraticamente o seu dereito á cidadanía, foron brutalmente interrompidas. Velaí están os golpes de Estado, as guerras, as invasións e outros mecanismos empregados polo capital para rematar coas diferentes experiencias democráticas nas que o pobo quixo controlar o seu destino, comezando polo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 en España, que puxo fin á experiencia democrática da Fronte Popular, e rematando polo golpe de Estado contra Hugo Chávez en 2002, pasando polo golpe de Estado contra o presidente guatemalteco Arbenz en 1954, o golpe de Estado do xeneral Suharto en Indonesia en 1965, o golpe de Estado dos coroneis en Grecia en 1967, o golpe de Estado contra Allende en Chile en 1973 e mesmo polas actividades da rede Gladio, que actuou en diferentes países de Europa para impedir que os comunistas chegasen ao poder por medios democráticos.

Así pois, se algo demostra a historia das experiencias democráticas abortadas polo capital é o feito de que existe unha contradición real entre democracia e capitalismo, polo que cómpre concluír que actualmente vivimos nunha ilusión democrática, na que os nosos dereitos rematan cando entran en contradición coas leis do capital, velaí está a precarización laboral, a dificuldade para acceder a unha vivenda digna, a privatización dos servizos sociais e públicos... Unha contradición que obedece a un feito elemental: a democracia precisa cidadáns; o capitalismo, pola contra, precisa de proletarios, de individuos libres para vender a súa forza de traballo a calquera prezo e en calquera condición, de cidadáns desposuídos de todos os seus dereitos democráticos: do dereito a un traballo digno, do dereito a unha vivenda digna, do dereito a unha educación e sanidade públicas, de calidade e gratuítas... en fin, do dereito a ser donos de seu, a ser plenamente libres.

Xa o advertía Rosa Luxemburgo: socialismo ou barbarie, onde o socialismo representa a democracia, o dereito do pobo a rexer o seu destino libremente, e a barbarie, o capitalismo, ese sistema que nos deshumaniza e arrasa a natureza.

Galicia Hoxe, 07/08/07