Lourenzo Fernández Prieto: Financiamento dos estudos superiores

Foto de Lourenzo Fernández PrietoLourenzo Fernández Prieto: Financiamento dos estudos superiores
Vicerreitor de Relacións Institucionais da USC

No debate dos orzamentos, entre as prioridades a determinar polo Goberno bipartito, algunhas son máis de futuro ca outras. Unhas son tanxíbeis, como as infraestruturas, a sanidade, a Cidade da Cultura ou a construción dun auténtico Estado do benestar. Outras, a educativa ou a medioambiental, son, aparentemente, intaxíbeis. Se a sociedade do coñecemento é o auténtico reto do mundo de hoxe, e iso se traduciu politicamente como menos cemento e máis coñecemento, algún reflexo debera ter no esforzo orzamentario.

Nos últimos tempos houbo sen dúbida recursos crecentes para as universidades: na investigación, con máis financiamento para proxectos ou grupos de excelencia; tamén máis capacidade competitiva dos grupos para contratar investigación, mesmo novos complementos de docencia e investigación para o profesorado, incrementáronse as bolsas para mobilidade dos estudantes. Pero a cuestión e a necesidade é outra. O que hoxe se xoga é a conformación do espazo europeo de educación superior, a converxencia universitaria europea, que os estudos en todas as universidades europeas sexan homologábeis sen necesidade de convalidación, e que a estrutura dos mesmos sexa idéntica: grao-mestrado-doutoramento (G-M-D). Isto supón, por exemplo, que os posgraos deixen de estar fóra do sistema público e adquiran plena validez oficial ou dotármonos dun sistema universitario máis identificábel en América Latina, onde esta estrutura é tradicional, o que mellorará a presenza das nosas universidades e dos nosos universitarios no mundo.

Estes cambios requiren dunha nova avaliación económica dos recursos adicados ao financiamento universitario. Así por exemplo, os novos posgraos, dos que este ano principia xa a segunda tanda, supoñen unha novidade non orzamentada, nin sequera avaliada. E os novos graos requiren unha forma nova e máis rigorosa de ensino-aprendizaxe que implica máis traballo, adicación e tamén máis recursos para poder ofrecer un ensino universitario de calidade: prácticas máis asisadas, cambios nas aulas, mudanzas na estrutura bibliotecaria... A adecuación e mellora dos instrumentos educacionais universitarios necesarios para implantar o novo sistema europeo de educación superior debe ser avaliada para poder ser financiada, tal como recolle o actual plano de financiamento que só foi aprobado no seu día precisamente por incluíla.

O EEES (Espacio Europeo de Educación Superior) xa non é o futuro, xa está aquí -hai dous anos nos posgraos e o ano vindeiro nos graos-, por iso a cláusula debe ser activada e a avaliación das necesidades para afrontar o establecemento do novo sistema non pode ser demorada. O contrario é avanzar a cegas. Pero é que, ademais, financiar o novo sistema igual que o vello carece de sentido. Os vellos créditos son agora ECTS, e as esixencias para adaptarse a iso, ou son reais, ou a mudanza será fatua. Sen soporte financeiro adecuado, non haberá mudanza. Europa financia a investigación, e nótase; pero a educación superior temos que financiala nós. E iso é o que aínda non se nota.

La Voz de Galicia, 09/10/07