Joaquín Estefanía, na clausura de Universium: “Para repartir o poder habería que repartir a riqueza”

Joaquín Estefanía, na clausura de Universium: “Para repartir o poder habería que repartir a riqueza”

A desaparición dos políticos entre os grupos das persoas máis poderosas do mundo, é unha mostra representativa do que está a mudar o concepto de poder nas sociedades actuais. O seu lugar está sendo substituído polo poder económico e, dentro del, principalmente poder financeiro. Para afondar na contraposición entre estes dous poderes, o xornalista e analista Joaquín Estefanía ofreceu un relatorio co que se clausurou o ciclo de conferencias Universium. “Nas elites poderosas, os primeiros postos están ocupados por empresarios, comunicadores e financeiros”, explicou.

Segundo Estefanía, esta supremacía do económico sobre o político é a base arredor da que se organiza a globalización: “a globalización é económica, non política e, dentro da economía, o poder reside no ámbito financeiro”. Deste xeito, a política en moitos casos xa non é o primeiro poder, incluso pode chegar a ser o terceiro, por detrás do poder económico e do mediático.

Deste xeito, “a única maneira de repartir o poder sería repartir a riqueza”, apuntou Joaquín Estefanía. “Para que unha empresa estea cohesionada e funcione, o límite na diferenza entre o que cobra máis e o que cobra menos dentro dela debe situarse en 1-20”, explicou. Pola contra, na actualidade sitúase en 1-400 ou 1-500, “reflexo da desigualdade brutal da sociedade e consecuencia da rebelión das elites que se desentenden do seu contrato social implícito”.

A substitución da política pola economía nas esferas do poder trae consigo, segundo Estefanía, unha variación do concepto do poder. “Cando tradicionalmente o poder foi sempre vertical, autoritario e, sobre todo na tradición jacovina, discreto, agora ese poder económico é opaco e ostentoso, desprazado a espazos sen rostro. Onde antes había persoas agora hai fondos de inversión”.

Dous poderes enfrontados

Da relación entre o poder económico e o político depende, en boa medida, a calidade da democracia, o equilibrio destas forzas é decisivo. Para explicar a interacción entre eles, Estefanía referiuse á dobre hélice da estrutura interna da liberdade que postula Al Gore na súa obra Ataque contra a razón. A liberdade política e a liberdade económica para funcionar ben deben estar separadas, xa que “o apareamento incestuoso entre riqueza e poder político corrompería a democracia”, puntualizou. Pero ese apoderamento do Estado por parte das elites “nunca na historia foi tan claro como no caso actual dos Estados Unidos” onde, segundo Al Gore, “os zorros privados están ao mando dos galiñeiros públicos” con monopolios que se sitúan en contra do interese do público “constituíndo gobernos invisibles que non teñen que render contas a ninguén”.

A evolución do poder ao longo da historia

Segundo explicou Estefanía “sempre hai poder cando hai situacións de desigualdade e ese poder evoluciona e cambia de cara ao longo da historia, estando cada sociedade nunha encrucillada de poderes que pretenden impoñerse os uns aos outros”. O poder clásico é, tradicionalmente o que provén da política, pero na actualidade xa non é o determinante. Fronte a el, ademais do económico están os novos poderes fácticos que substitúen á igrexa, exército e bancos, é dicir, “a xudicatura, os mercados, a prensa ou as sondaxes”. Os principais grupos de poder limitan a capacidade de decisión dos gobernos e os sistemas vense limitados pola actuación destes poderes e os cidadáns perciben esa ineficacia, o que deriva na necesidade de acción “xa que todo poder xera resistencia”.

Escritor decidido e analista sen lindes

O director da Escola de Xornalismo da Universidade Autónoma de Madrid / El País, Joaquín Estefanía estivo na súa intervención acompañado polo Reitor da Universidade, Alberto Gago. Director de El País dende 1988 ata 1993, Estefanía “ten unha merecida fama como escritor e analista cun bisturí intelectual para diseccionar de xeito sinxelo o mundo das finanzas e da economía internacional”, salientou Gago. Cunha ampla bibliografía no mercado, Estefanía publicou neste 2007 La larga marcha, na que revisa “a transformación social e económica máis importante da historia de España”. Segundo o Reitor, conxuga “precisión, divulgación, humor e esteticismo e conta cun espírito inconformista, decidido e sen lindes, algo imprescindible para o traballo de disección dos seus libros”.

DUVI, 15/11/07