Lourenzo Fernández Prieto: Universidades galegas e SUG

Foto de Lourenzo Fernández PrietoLourenzo Fernández Prieto: Universidades galegas e SUG
Lourenzo Fernández Prieto, Vicerreitor de Relacións Institucionais da USC

Debater o papel actual e futuro das universidades galegas e as súas necesidades. Velaí a esixencia neste retrasado inicio da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. Que o mal chamado proceso de Boloña implique este debate non é a menor das súas vantaxes. Benvido sexa para establecer esixencias ás universidades e á investigación asociada, mais tamén para rebater falsos lugares comúns e evitar a construción doutros novos.

Ten razón o profesor Bermejo: non existe o Sistema Universitario Galego (SUG), senón un sistema de tres universidades que teñen diferentes necesidades, configuracións e traxectorias. Así acontece dende que se crearon hai xa dezaoito anos -cando caeu o muro de Berlín- e os nacidos entón entran agora nas súas aulas. Como pechar o pasado axuda a avanzar no futuro quero tratar algúns dos mitos que vimos arrastrando sobre o SUG e contrastalos con realidades para ir abrindo camiño á razón.

O primeiro mito: o mal que o fixemos en Galicia no asunto universitario. Un auténtico metadiscurso moi popular en certas elites, universitarias incluídas, que serve decote como alivio contra as necesidades das universidades. Aliméntase da idea errada de que temos demasiadas titulacións, cando a creación de tres universidades foi o camiño para implantar en Galicia moitas titulacións ausentes no noso mapa e cando aínda hoxe carecemos dun feixe de títulos necesarios (da enoloxía á antropoloxía). Ou da idea de que hai moitísimas duplicacións innecesarias que, sendo parcialmente certa no ámbito da química, a física ou as filoloxías, non resiste a comparación co que acontece noutras comunidades autónomas: 12 títulos de Dereito en Cataluña, 8 en Andalucía, 5 e 4 de Historia, respectivamente. Descoñécese ás veces que hai 35 anos creáronse 4 colexios universitarios, que antes da guerra había 4 escolas de Comercio e hai 140 anos 5 escolas normais (Empresariais e Maxisterio en tradución actual). A ideoloxía do atraso e o canto das nosas propias incapacidades non resiste un contraste empírico coa realidade.

Multiplicáronse as titulacións coas universidades: 10 en Andalucía (máis a Internacional e algunha privada), 12 en Cataluña (4 en Barcelona, 3 nas restantes provincias, 3 privadas e a Oberta). Aquí ao pé, en Castela e León 9 (4 públicas, 3 privadas para unha poboación inferior á galega).

Nos tres casos son universidades con menos especialización que as galegas. O SUG lembra á Universidade de São Paulo: 75.000 alumnos e 7 campus, pero en Europa as universidades son máis pequenas: Xenebra ten 14.000 estudantes e Le Mans, 8.000.

Falaremos máis do futuro no futuro. O punto de partida é que non temos demasiada universidade nin temos que adelgazar o que nunca engordamos. Cóntanos o historiador de Oxford T. G. Ash que a diferenza que atopou entre as universidades europeas e as norteamericanas foi que nestas non ten que dedicarse a cubrir papeis para obter recursos, xa os ten.

A idea do adelgazamento alimenta, por certo, o intento dalgunhas corporacións de mercantilizar a educación superior para aproveitar unha nova oportunidade de negocio global. Despois de vinte anos estudando a relación entre a educación superior, I+D e desenvolvemento económico, unha das poucas certezas que teño é a relación entre un bo sistema de ciencia e tecnoloxía e a construción de sociedades máis avanzadas.

En fin, Castela e León incrementa os seus orzamentos universitarios nun 15%, e en Galicia anúnciase o 8%.

La Voz de Galicia, 20/11/07