Xosé Manuel Beiras: Sete cuncas (recunque á europea)

Xosé Manuel Beiras: Sete cuncas (recunque á europea)

É "a política do "come e cala", que os portugueses ben coñecen". Estas palabras son de Renato Soeiro, un solvente cadro político asesor de Miguel Portas, o deputado do Bloco de Esquerdas portugués no Parlamento europeu. E a definición que verbalizan refírese á metodoloxía política empregada durante o pasado semestre de presidencia portuguesa da UE para consumar, en tempo récord, a suplantación do descarrilado Tratado Constitucional polo Tratado Funcional concluído na cimeira de Lisboa. Espricábao, xusto antes dese parto, nun diáfano e moi didáctico artigo na revista A Comuna: "A equipa de Sócrates -actual xefe do goberno portugués, nada a ver co mestre de Platón- está a pór ao servizo da UE a sua receita governativa doméstica: decisión rápida precociñada coas persoas seguras, sen consultar nen atender a razóns de terceiros, afrontando as opinións públicas con soberano desprezo, recuperando despois a popularidade por meio de demagoxia e moita comunicación social".

Lido isto, pergúntome: "receita doméstica" só alén Miño? Ou mesmo, só aquén Pirineus?. A Conferencia Intergovernamental da UE ábrese a finais de xullo do pasado ano, e de primeiras xa se compromete a rematar o choio "o máis axiña posíbel" -non a acadar os millores resultados posíbeis para os povos e os cidadáns europeus. Durante as vacacións políticas de agosto, os tecnocratas da UE traballan a porta pechada na selección e reciclaxe de materiais e pezas do anterior tratado, o fallido, o constitucional. A comenzos de setembro, os ministros de exteriores dos socios da UE xa acordan a feitura do novo traxe -de faena, esta vez, que non de cerimonia. E máis o menú do fast food precociñado. A meiados de outubro, os xefes de estado e de governo proban o traxe, catan o menú, e áchanos satisfactorios -praos súbditos. Só resta faceren a cerimonia solene de aprobación formal antes de rematar o ano: faráno en Lisboa, o 13 de decembro, como remate da Conferencia Intergovernamental dos vintesete membros da UE.

* * * * *

O cambio de método seguido desta vez tiña a finalidade de confeccionar un artefacto que servise para acadar os mesmos obxetivos e, portanto, tivese unha funcionalidade equivalente á do finado tratado constitucional, só que disfrazadamente, ou sexa, camuflado de xeito que aparentase ser diferente e non suscitase a reacción cívica de rexeitamento que dera ao traste co artefacto anterior. Iso implicaba tres ordes de manipulacións técnicas diferentes e complementarias. A primeira, desmontar peza a peza a armadura constitucional, desbotar as funcionalmente superfluas ou ornamentais -tules, gasas e encaixes de bolillos- seleccionar e reciclar as relevantes, e recompoñer con elas un conxunto de feitío diferente. Así desaparecen a bandeira e o hino como símbolos da UE. Conta Soeiro que Enrique Barón -participante na Conferencia en representación do Parlamento- interpelou á presidencia: "¿Imos retirar a bandeira ou vai ser considerada esta xuntanza como unha reunión ilegal?". E calificou de "humillante" a supresión dese símbolo. Meu santo: igual inda cré, a estas alturas, que os símbolos teñen algún valor para os magnates ventrílocuos da UE! Pola contra, o sacrosanto principio da "concurrencia libre e non falseada", que tanto influira no "non" francés, recíclase: desaparece do enunciado esplícito como obxetivo, pero reaparece de esguello nun protocolo que remite ao artigo 3 que, como sinala Bernard Cassen, trata precisamente dos obxetivos da UE e estipula literalmente que "o mercado interior comprende un sistema que garante que a concurrencia non resulte falseada"!

A segunda, remudar a linguaxe textual para eliminar siñificantes sospeitosos, por delataren a sua pertenza ao léxico proverbialmente constitucional, ou por desataren reaccións adversas, e sustituilos por eufemismos ou circunloquios enmascaradores do seu contido semántico para o común dos súbditos. Por exemplo, o euro figuraba no tratado constitucional como "moeda da Unión".

Para non amolar aos británicos e escandinavos, esa mención sustituese por este circunloquio: "A UE establece unha unión económica e monetaria cuxa moeda é o euro". Ou a defensa común". No TC dicíase: "A política común de seguridade e defensa conducirá a unha defensa común cando o Consello Europeu así o decida por unanimidade". No TF de Lisboa díse: "a definición gradual dunha política común de defensa que poderá conducir a unha defensa común".

O determinista "conducirá" transfórmase en posibilista "poderá conducir"... sen requisito de unanimidade. Ao cabo tanto ten: reafírmanse "os compromisos asumidos no marco da OTAN" e reitérase o obxetivo dos Estados membros da UE de "milloraren progresivamente as suas capacidades militares". Ou sexa, a política armamentista ás ordes do belicismo ianqui: eis a vía europea de libre contribución á paz mundial.

A terceira, e decisiva a efeitos da camuflaxe: no canto de redactar o texto dun novo tratado que sustituise aos anteriores, óptase por mantelos vixentes, pero sometidos a labirínticas reformas mediante profusión de emendas ao articulado, tanto do Tratado de Roma de 1957 -fundacional da Comunidade Europea- como do de Maastricht de 1992 -fundacional da Unión Europea. Bernard Cassen ironiza cáusticamente verbo da referencia feita por Sarkozy a esta reforma como "tratado simplificado" ou "minitratado", poisque o texto ocupa máis de duascentas cincuenta páxinas e contén unhas trescentas modificacións do Tratado de Roma e outras sesenta do de Maastricht, amén de doce protocolos e varias ducias de declaracións.

Pero o pior do caso é que resulta un texto absolutamente hermético, trambilicado e incomprensíbel de non facerse a sua leitura combinadamente coa dos dous precedentes tratados agora reformados. Veleiquí unha mostra: "O texto do artigo 16 convírtese no artigo 17 bis, coas modificacións indicadas máis abaixo no ponto 35. Fica sustituído por un texto que recupera o redactado no artigo 22, coas modificacións seguintes: (etc.)". Clarísimo, non si?: Groucho Marx non o faría millor, é dicir, máis absurdo.

* * * * *

Resultaría cómico, se non fose tráxico. Tráxico para nós, cidadáns e povos europeus. Porque para os magnates neocons -incluída a acepción semántica francesa do termo- non é tráxico nen cómico: é un grande éxito, o trunfo do fraude sobre o dereito, do business sobre a xustiza distributiva, do poder plutocrático sobre a soberanía popular. Tal como acontecía no TC, desaparece o conceito de "servizo público": agora son "servizos de interese económico xeral", sometidos ás reglas da concurrencia (a. 86 e 87), e non ás necesidades do común. Para os servizos antes públicos de auga potábel, enerxía, correos, saneamento, transporte colectivo, e así seguido, os cidadáns xa non somos "usuarios": somos "clientes", como da tenda de móbeis ou do supermercado.

O dereito ao posto de traballo convírtese en dereito a traballar -fino, non si?: ningún piquete de folga poderá impedircho. Os servizos de seguridade e asistencia social mantéñense nominalmente, recoñecese o dereito a esas prestacións (a. 34)... onde xa existen: "non implica de xeito ningún que tais servizos deban ser instituidos cando non existan". Iso si: temos dereito a reclamalos. A famosa Carta dos Dereitos que integraba a Parte II do finado TC retírase do TF: pasa a protocolos anexos que a desnaturalizan, co paradoxo de que dereitos declarados fundamentais podan non ser universais no espazo político da UE -ou sexa, convirtiránse en papel mollado.

Por iso este Tratado Funcional non será sometido a plebiscito. Conta Cassen que Sarkozy dixera, a porta pechada: "Non haberá Tratado se se somete a referendum en Francia, que conlevaría outro no Reino Unido". E alguén engadira: "O mesmo ocorrería en tódolos Estados membros nos que se convocase plebiscito". Os pontífices tíñano claro, non infravaloraban aos cidadáns.

Por iso refixeron a armadura do piramidón europeu ás costas diles, por camiños escusados. A política do "come e cala", dixo o Renato. Pior aínda, penso eu: ¿non queres caldo? Pois sete tazas. É a fórmula do recunque aplicada pola plutocracia europea aos seus súbditos rebeldes.

Galicia Hoxe, 27/01/08

Outras novas relacionadas: