Lourenzo Fernández Prieto: Boas novas na ciencia galega

Lourenzo Fernández Prieto: Boas novas na ciencia galega

O programa Imán e a fichaxe do ex reitor Domingos Docampo para dirixilo son un bo síntoma para o futuro da ciencia en Galicia. Digo ciencia e non I+D+i porque esta non existe sen aquela. A transferencia de tecnoloxía e a innovación requiren previamente da ciencia e do desenvolvemento do coñecemento científico. O obxectivo declarado da Consellería de Innovación é captar científicos relevantes para áreas estratéxicas coa intención de liderar algunha iniciativa europea destacada dende este país atlántico. O mérito da proposta reside na vocación de acumular recursos humanos nunha dirección definida, o que implica xerarquizar. Unha estratexia imprescindible para obter resultados científicos relevantes a escala global. Ambición e xerarquía subxacen na proposta. Esperemos que non sexa demasiado pedir para este país que por veces tende máis a chorar que a demostrar confianza nas posibilidades propias. Claro que para isto requírese un mínimo da autoestima que ás veces nos falla. Por iso cómpre lembrar que Galicia é e foi, e que contén e contivo moito máis do que imaxinamos. Que ten un pasado que permite pensar máis aló no presente.

Esa ambición de futuro ten razón tamén no pasado. Porque xa nos anos vinte do século pasado Xan de Forcados (Xoán López Suárez) foi quen de facer o seu propio programa Imán para fichar entre outros a Cruz Gallástegui, un dos primeiros e máis importantes xenetistas europeos do seu tempo. É hora de lembrar que foi el quen obtivo na primeira sede da Misión Biolóxica, que dirixiu ata a súa morte na actual sede do Parlamento Galego, os primeiros millos híbridos de Europa e máis tarde na súa sede de Pontevedra continuou esta tarefa.

Pero hai máis novas estes días para que a opinión pública teña conta da potencia da nosa investigación universitaria e do noso sistema científico. Os éxitos internacionais e de grande impacto mediático do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago falan de moitos anos labrando capacidades e posibilidades, de equipamentos científicos de alto nivel e de científicos capaces de adoptar as técnicas máis novidosas pero tamén dun sistema de financiamento e de apoio á ciencia que o fai posíbel e que non empezou onte, aínda que teña un percorrido de pouco máis de vinte e cinco ou trinta anos e vinculado principalmente á Galicia autonómica e á integración en Europa. Antes diso pouco máis que a axuda americana e a do Banco Mundial para países en desenvolvemento despois do atraso que xerou a Ditadura.

Hai pois un percorrido recente e limitado aínda que deu uns resultados que non sempre se teñen en conta. Xunto con outras iniciativas e a creación de novos centros e equipamentos científicos de diferentes Administracións, o programa Imán representa, ou pode representar, precisamente, a maduración deste proceso recente de (re)construción dunha ciencia de vangarda feita dende Galicia. Benvido sexa o programa e ventura para o seu xestor.

La Voz de Galicia, 03/02/08