Xosé Manuel Beiras: Un foro social galego. II. Retrospectiva: os pioneiros

Xosé Manuel BeirasXosé Manuel Beiras: Un foro social galego. II. Retrospectiva: os pioneiros

Xosé Manuel Beiras: Un foro social galego. I. Adro

Prensa de hoxe. Varios seres humáns feridos, algúns hospitalizados, pola cárrega das forzas da orde pública contra os mariscadores da ría do Burgo cando exercían o dereito constitucional a manifestárense cívicamente (art. 21) en defensa dos seus recursos e meios de vida e traballo. Debe de ser ise o xeito en que o poder gubernativo interpreta o precepto constitucional que di (art. 9) que "corresponde aos poderes públicos promoveren as condicións para que a liberdade e a igualdade do indivíduo e máis dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, removeren os atrancos que impidan ou dificulten a sua plenitude e facilitaren a participación de tódolos cidadáns (etc.)".

O vran pasado, en Ferrol, a embestida policial fora contra as xentes, digo os cidadáns -mariñeiros, mariscadores e mariscadoras, viciños e viciñas das duas bandas da ría ferrolán- que se manifestaban contra a localización de Reganosa en Mugardos no canto de no abortado Porto Exterior. Daquela meteran no trullo ao patrón maior da confraría de pescadores ferrolán, que a autoridade xudicial non admitiría pór en liberdade até pasadas moitas semanas. O patrón xa tiña experiencia anterior de estar na cadea, mais iso fora decenios atrás, cando das movilizacións antifranquistas a prol da creba democrática que nunca chegou. Contoumo en Mugardos, durante o encerro dos viciños na casa do concello. Comentoume que, a meiados dos setenta, coincidira no cárcere da Coruña cun curmán meu, preso por activismo antifascista no movemento estudantil. Daquela mallaban niles "os grises", e encarcerábanos os xuices amaestrados do T.O.P. ("Tribunal de Orden Público"). Non había liberdades de reunión nen manifestación. Agora están impresas na Constitución española. Vamos, que están na letra dese texto. Xa. Os aspirantes a traballaren na Administración teñen que estudalo. Logo, se ascenden abondo, poden esquencelo. Para iso loitaron xeracións enteiras contra o rexime fascista, nas fábricas, nos estaleiros, nos agros, nos peiraos, nas ruas. Para teren que seguir, agora e coas de agora, a combater pra conservaren e exerceren as liberdades que están na letra dese texto e que os desmemoriados poderes acaban por esquencer. Ou talvez non: se cadra é que pasan delas.

 * * * * *

Xullo do 1989. Cúmplense douscentos anos da Revolución Francesa. Festa rachada. Orgaizanse fastos espeitaculares para celebralo. Lémbrome aínda da imaxe sonora de Jessie Norman, coa sua impoñente humanidade negra e o seu subxugante sorriso, a cantar a Marsellesa con toda a potencia da sua fascinante voz de soprano, entronizada nunha engalanada carroza polos Campos Elíseos abaixo. Preside a República François Mitterrand, fundador do novo PSF cousa de vinte anos antes. Sendo ainda un rapazolo, estivera na Resistencia, prendérano os nazis, e dera fuxido dun campo de concentración nunha evasión de película. Fora logo, moi novo ainda, ministro na IV República. Durante a era De Gaulle, ao longo dos anos sesenta, convirtiuse no referente dunha alternativa de esquerda ao rexime da V República, cando comezaba a esclerose do ainda formidábel PCF, co monótono Marchais á cabeza do aparato. Talento político de grande lucidez, mitineiro nato, Miterrand era daquela un lider de oratoria diáfana e electrizante. Eu asistira a un dos seus mitins de campaña eleitoral nun deses anos, e nunca esquencerei o trallazo co que rematara: "Et puis, nous vous battrons!" -o xentío bradara enfervorizado durante un cuarto de hora. Saín convencido de que gañaba. Non fora así, e ainda tardaría en vencer.

Mais cando, en 1981, derrotou a Giscard, o xúbilo popular foi desmedido: para os cidadáns do común, aquil trunfo marcaba o remate do cesarismo gaullista, que sobrevivira un decenio ao proprio De Gaulle. O retorno dos valores republicáns, da república do común francés. O primeiro aceno do Mitterrand presidente fora unha homenaxe a Jean Moulin, o héroe da resistencia á ocupación nazi. E as primeiras medidas de goberno puñan rumbo á esquerda, con Pierre Mauroy á frente do primeiro gabinete ministerial: renacionalización de entidades bancarias privatizadas por Giscard e recomposición dun sector público afortalado, co asesoramento de figuras coma François Morin, o direitor do LEREP da Universidade de Toulouse, que acometera o primeiro estudo metodolóxicamente innovador da estrutura do capital na Franza dese período. Mais axiña viría o retroceso perante a ofensiva ultraliberal desencadeada dende os USA de Reagan e o UK da Thatcher. Até a inflexión definitiva dende o ponto crucial da Guerra do Golfo: teño grabada a faciana desencaixada de Mitterrand na tele, mentras declaraba "Et maintenant, les armes vont parler" -como se as armas tivesen o don da palabra- nunha patética mensaxe de capitulación da política e da diplomacia como métodos civilizados de resolución dos conflitos. Era aquela madrugada de comenzos do 1991, o ano do bicentenario mozartián, na que eu me refuxiei no retorno ao Mozart da "Mia speranza adorata", denantes de acudir, insomne, á multitudinaria manifestación de protesta coa que de imediato reaccionaran o estudantado e os cidadáns demócratas de Compostela. Inermes, claro está.

Mais -volvo ao rego do relato- en xullo do 89 Mitterrand xa desafinaba. En plena celebración do bicentenario da Revolución, e se cadra para contribuir á congruencia dos festexos populares, o presidente da República convida a celebrar en Paris a cimeira do famoso G-7, é dicir, como ben sabedes, o grupo das sete primeiras potencias idustriais do planeta, primordiais responsábeis da globalización ultraliberal: USA, Canadá, UK, Alemaña, Franza, Italia e Xapón. Mais xurde a solpresa dunha réplica imediata dende o bando das vítimas tamén primordiais desa globalización. Dána sete países da periféria do sistema que acordan celebrar tamén en Paris, e simultáneamente coa cimeira do G-7, o seu reverso ou antítese: a "Primeira cimeira dos sete países entre os máis probes". Son istes: Bangladesh, Brasil, Burkina Faso, Filipinas, Haiti, Mozambique e Zaire.

Pódese considerar ese encontro como o máis claro precedente ou, por millor dicilo, o precursor do que un decenio despois serán os FSM, a primeira réplica das voces da periféria ao centro do imperialismo ultraliberal, e o ponto de partida das mensaxes e accións mobilizadoras, primeiro intermitentes, despois ensarilladas nun continuum, que irán denunciando e plantándolles cara aos poderes globalizadores do sistema-mundo capitalista. Con estas duas connotacións diferenciais dos procesos que virán a seguida: unha, que son Estados, portanto aparellos político-institucionais, e non movementos sociais, os protagonistas da iniciativa; e outra, que sitúan no centro do sistema o lugar escollido para guindaren o seu reto, e en elocuente simetría antitética, precisamente en Paris, precisamente no lugar e no intre en que se xuntan os poderosos ricos do G-7, e no marco da celebración da primeira revolución popular de "la canaille" e os "sans culottes" contra os despóticos e tiránicos poderes do antigo rexime. Nese foro dos "sete entre os máis probes" do planeta analisanse e debátense dende as relacións Sul-Norte ou periferia-centro no seu conxunto, ou os problemas ecolóxicos das crecentes agresións aos ecosistemas, até a débeda externa que xa está a asfixiar aos países do Terceiro Mundo. Celébrase unha grande manifestación nutrida polos cidadáns franceses disconformes coa instrumentalización do bicentenario polos poderes que adulteran os valores simbólicos da Revolución de 1789, que remata cun multitudinario festival na Praza da Bastilla. E precisamente alí, onde dous séculos antes o povo parisién asaltara a fortaleza máis simbólica do poder represor do absolutismo, alí promulgan o "Chamamento da Bastilla": é o primeiro manifesto que reclama esplícita e rotundamente "a anulación da débeda do Terceiro Mundo". É o primeiro da serie de documentos que Eric Toussaint, e os seus colaboradores do CADTM (Comité pola Anulación da Débeda do Terceiro Mundo), denominarán "Manifestos do Posíbel". É un texto breve e conciso. No entanto, transcríbovos só o seu treito final: "Dende a cimeira dos Sete e contra a débeda, facemos un chamamento á unión de tódalas forzas progresistas do mundo. A anulación da débeda non vai resolver tódolos problemas, mais é condición previa a toda solución de fondo. Negarse a reclamala equivalería a negarlles a existencia a povos en perigo. Xuntos podemos e debemos impoñer a anulación total e imediata da débeda do Terceiro Mundo. Xuntos podemos e debemos reavivecer a espranza, facermos de xeito que a xustiza e a igualdade sexan o noso porvir común."

 * * * * *

Van cáseque vinte anos dende aquela. A débeda dos países probes, lonxe de ser anulada, seguíu a empobrecelos. Coa cárrega dos xuros, os países debedores levan pagado cáseque dez veces o capital emprestado, e seguen a deber. Pérez Esquivel tildouna de "xenocida", e non esaxera: a débeda mata de fame e doenzas a millóns de homes, mulleres e nenos cada ano. Mais o Chamamento da Bastilla prendeu un fachico que ía proliferar e tornarse un ronsel de luz para os "damnés de la Terre" de Fanon. Nese ronsel navegamos nós, tamén, cidadás e cidadáns galegos rebeldes á doma e castración ultraliberal.

Galicia Hoxe, 09/02/08