Miles de cidadáns saen á rúa contra “a venda do país”

É HORA DE BERRAR ABONDA!
Miles de cidadáns saen á rúa contra “a venda do país”
Milleiros de cidadáns, máis de 7.000 segundo a organización, toman Santiago para esixir a fin da destrución do territorio e a "venda do país" por parte dos políticos

 Feijóo, Touriño e Quintana fixeron campaña durante a manifestación e recibiron os apupos dos cidadáns, que os acusaron de vender o país FOTO: Antonio Hernández

Santiago transformouse onte ­nunha nova marea cidadá que levou o berro de "Galiza non se vende" por todas as rúas e condenou a clase política co "PSOE, BNG e PP a mesma merda é", pola venda do país ás multinacionais e a inoperancia ante a destrución do territorio.

Nunha mañá solleira que mesturou a reivindicación co humor retranqueiro á galega, máis de 7.000 persoas segundo a organización e 5.000 segundo a Policía, marcharon xuntas desde a Alameda ata a Praza da Quintana contra a barbarie ambiental e erixiron como bandeiras da crítica o Plan acuícola, a ordenación mineira co sangrante exemplo do Courel, os parques eólicos, a contaminación de ríos e rías e a planta de Reganosa. Non faltou ninguén: desde o ecoloxismo e as plataforma afectadas polo proxecto ameazante das piscifactorías, ata xentes da cultura pasando por políticos críticos co rumbo que está a tomar Galicia como o líder do Encontro Irmandiño Xosé Manuel Beiras e o membro do Consello Nacional do BNG Camilo Nogueira, que marcharon xuntos.

Ante o éxito da convocatoria, na que non faltaron a música e os disfraces como os das azafatas de "Galicia D"or", un paraíso con "autovías das Illas Atlánticas", Mónica García, unha das portavoces de Burla Negra na convocatoria masiva da Quintana, deixou claro que "nos vemos obrigados de novo a mobilizarnos porque non nos queda outro remedio, porque ben pouco tardou este goberno en defraudarnos".

Neste punto coincidiu a actriz Mabel Rivera, presidenta da Fundación Galicia Verde, que non daba abasto saudando a compañeiros de loita pero que tivo tempo para mandarlles un recado envelenado: "que se vaian enterando de que lles quedan dous escanos e nada máis e paréceme a min que o van notar porque esta é a cidadanía responsable da que tanto falaban antes de meterse nos despachos como covardes e traidores".

Moitas foron as demandas e as consignas, desde o clásico "o rodaballo metédeo no carallo" e "pesca de baixura e non de acuicultura" en alusión á avalancha de piscifactorías de peixes planos que ameazan a costa, "Reganosa ilegal e perigosa" e "Touriño pódela levar ó monte Gaiás", en alusión á regasificadora de Mugardos, "o Ribeiro non é un basureiro", berro de guerra dos colectivos contrarios ó futuro parque ambiental de Carballeda de Avia, e numerosas lembranzas a prol da conservación do Courel.

Entre tantas reivindicacións, destacaron pola masiva presenza de manifestantes as relativas ó Plan acuícola. Para Fins Eirexas, secretario executivo de Adega, "é a urxencia máxima nestes momentos e a bandeira porque os colectivos cidadáns son maioría e evidencian o que nós vimos defendendo durante longo tempo: non imos dar marcha atrás e van ver como o caso das Encrobas se lles multiplica por toda Galicia e non lles vai saír electoralmente rendible", advertiu.

Un extenso manifesto lido a varias voces

Na Quintana, ateigada como nas grandes citas, procedeuse a ler un extenso manifesto que foi compartido polos portavoces das principais plataformas participantes, máis de 60, que viviu os seus puntos álxidos cando se proclamou: "aquí estamos para defender Corrubedo, Quilmas, Corcubión, Merexo, Camelle, Arou, Seráns e Lobeira", zonas ameazadas polo proxecto de granxas acuícolas, "porque as nosas costas son a mellor piscifactoría".

Ante a escenificación dos "falsos" Quintana, Feijóo e Touriño de desentenderse do país por uns billetes, o berro volveu ser unánime: "Galiza non se vende".

OS DATOS

Todos co Courel, Ribeiro e Ferrol

Entre as plataformas participantes, fixeron especial ruído a de SOS Courel, o Foro Temos dereito a saber, contra o parque ambiental de Carballeda de Avia e os contrarios a Reganosa, moi cantareiros.

Os "falsos" Feijóo, Touriño e Quintana

Non faltaron os políticos, pero con careta. Así, Touriño, Quintana, Feijóo e Carmen Gallego adicáronse a inaugurar rúas como a de "Doutor Tojeiro" en vez de "Teixeiro" e a vender o país por un puñado de billetes.

Do "Oh, Lord" ó "Río Lor"

Para facer un descanso na lectura do longo manifesto, a actriz e cantante Pepa Yáñez entoou o Oh,Lord de Janis Joplin transformado no Río Lor, en alusión á conca do Courel ameazada polas canteiras.

Galicia Hoxe, 18/02/08

Outras novas relacionadas: