Carlos Taibo: "Se as cousas non mudan imos chegar a un caos planetario"
"É certo que está a crecer unha xeración de xente nova chea de rabia e sen futuro", di Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política na Autónoma de Madrid.
Vinte libros, alomenos, perfilan os coñecementos deste estudoso da teoría e da práctica política, firme defensor da globalización a quen se lle atribúe unha frase concluínte:"A globalización avanza cara un caos que escapa a todo control". Na súa paisaxe ensaística, moitos traballos relativos ás transicións na Europa central e oriental contemporánea, ademais doutros sobre temas xeopolíticos de interese xeral.
- Non sei se foi vostede quen dixo que está a crecer una xeración de mozos dentro das sociedades opulentas cheos de rabia e sen futuro...
- Non fun eu pero sulíñoo. Cada vez hai máis xente nova insatisfeita porque os horizontes que teñen non son precisamente estimulantes. Os seus problemas empezan a aparecer cando entran no mercado de traballo e teñen que experimentar xornadas laborais prolongadísimas, salarios moi baixos, menos dereitos sociais...
- Ata o punto de poder pensar que isto pode explotar?
- De seguir as cousas así, non hai ningunha dúbida. A globalización leva camiño de xerar unha especie de paraíso fiscal a escala planetaria, é dicir, á desaparición de todos os mecanismos de control. Podemos entrar nun escenario de caos moi preocupante que se pode volver contra os que puxeron en marcha este proceso neoliberal.
- Como definiría o futuro cara ao que ímos?
- Se as cousas non mudan ímos chegar a un caos a escala planetaria, que se acentuará co cambio climático e a escaseza de recursos enerxéticos. Poden renacer elementos dun nacionalsocialismo como o alemán de hai 80 anos nun planeta no que escasean os recursos, aumentan as agresións medioambientais e os grandes non están dispostos a perder as súas condicións de privilexio.
- Sucesos como as algaradas de mozos franceses no 2005. Son síntomas premonitorios?
- Son síntomas de que mesmo nas sociedades opulentas do norte hai xente que padece problemas moi severos. Non son soamente problemas de emigrantes senón de explotación e inxustiza.
- Non poden conter os políticos esta situación?
- Son grandes corporacións económico-financieiras que están detrás as que dictan as regras do xogo. Moitas delas teñen volumes de negocio superiores aos PIBs de varios países xuntos, como os de Austria e Dinamarca.
- Non será o mesmo que estea no poder en España, por exemplo, Raxoi que Zapatero...
- Son diferentes, é certo, pero a marxe de maniobra que teñen contra as directrices do capitalismo - por exemplo no que se refire á competitividade- fai que sexan cada vez menores.
- Non parece que esa sociedade proteste pola precarización...
- Porque é unha sociedade enfeitizada pola idea de que o noso horizonte vital é gañar cantos máis cartos mellor en base á falacia de que a felicidade está en consumir máis.
- A xente pensa, con todo, que o modelo neoliberal europeo é máis social que o americano...
- É certo que hai unha vella teorización que fala de dous modelos de capitalismo: o europeo, vencellado cos estados de benestar e certa vocación social, e o americano, marcado polo `todo vale´ e a competitividade máis feroz.
- E vostede que pensa?
- Os resultados das políticas neoliberais dos gobernos europeos nos últimos 20 anos suxiren que asistimos a un achegamento de ambos modelos en franco proveito do norteamericano. No futuro pode ser peor, se os traballadores o permiten.
- Por que os paraísos fiscais?
- Na lóxica da globalización, os paraísos fiscais son a regra, non a excepción. O neoliberalismo da globalización aposta por unha desregulación xeral; dito doutro modo, que o planeta enteiro sexa un paraíso fiscal, que os capitales poidan moverse en total libertad.
- A Banca Mundial o Fondo Monetario... Que papel xogan?
- Algúns naceron no seo das Nacións Unidas, o que debería implicar que non estiveran implicados con determinados intereses. Escaparon desa tutela e agora representan os das grandes trasnacionais.
- Como se concilian os grandes beneficios que exhíben moitas empresas co axuste continuo dos salarios?
- Non se poden conciliar. Vivimos na voráxine dun discurso neoliberal que sostén que canto maiores sexan os beneficios das empresas maior é o benestar xeral. É unha grande falacia.
Faro de Vigo, 03/03/08
conéctese ou rexístrese para enviar comentarios – versión para imprimir – 2074 lecturas



















